Mostrar mensagens com a etiqueta Galiza. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Galiza. Mostrar todas as mensagens

domingo, 6 de setembro de 2026

Dorothé Schubarth, a musicóloga suíza que se converteu nunha figura chave na recuperación da tradición oral da Galiza

Hai tres anos, o 6 de setembro de 2023, falecía no hospital de Basilea aos 79 anos de idade Dorothé Schubarth, a musicóloga suíza que percorreu as aldeas da Galiza recollendo a raíz da música galega, deixando, xunto con Antón Santamarina, unha obra que aínda a día de hoxe é considerada a biblia da lírica de tradición oral galega.

Dorothé Schubarth (á dereita) coa informante Esclavitude na Grela, Parada, Ordes. 

Escrito por Alba Regueiro 

6 de setembro de 2023 falecía no hospital de Basilea aos 79 anos de idade Dorothé Schubarth, a musicóloga suíza que chegou a Galiza nunha viaxe vacacional en 1978 e se converteu nunha figura chave na recuperación das cantigas da tradición oral galega.  A breve viaxe que tiña pensada Dorothé Schubarth pasou a ser unha longa estadía no país na que percorreu as aldeas e vilas da Galiza recollendo a raíz da música galega.  

Nunha entrevista concedida a Sermos Galiza en 2019, Dorothé Schubarth asegurou que “podes ir a todos os sitios, o feito importante é quedar”. Na mesma, explicou que “cheguei a Galiza de vacacións, pero fiquei porque me resultou moi interesante, máis que outras rexións. Por iso estou aquí. Ademais, atopei o apoio e a axuda de xente como Antón Santamarina, iso fai moito”.

·         Dorothé Schubarth coñece o lingüística, catedrático de Filoloxía Románica da USC e membro da Real Academia Galega (RAG) Antón Santamarina ao anotarse nos cursos de lingua galega que organizaba a Universidade de Santiago de Compostela. Xuntos emprenderon unha compilación sistemática de cántigas que deu lugar en 1984 á publicación do Cancioneiro popular galego, que aínda a día de hoxe é considerado a biblia da lírica de tradición oral galega, sendo o máis amplo repertorio da música galega de tradición oral. 

O propio Santamarina explicou nunha conversa da Asociación de Músicos ao Vivo con Dorothé Schubarth en 2017 que a coñeceu “no 78, apareceu por aquí, estabamos facendo un curso de verán de reciclaxe de mestres de galego. Tiña dificultades co galego e matriculouse. A partir de aí xa empezamos a tratarnos máis. Ela traía cantigas recollidas e eu boteille unha man. Pareceume interesante, vin que estaba moi interesada en estudar a tradición galega, e non había moito feito nese eido”.

Os sete volumes do Cancioneiro popular galego (CPG) publícanse entre 1984 e 1995. Asínaos Schubarth conxuntamente con Santamarina, encargado de revisar as transcricións, ordenar os tomos das letras e achegar compilacións previas. Será en 1987 cando os últimos tomos se completen, xa con Dorothé de volta en Basilea. 

Dorothé Schubarth deixou ao país un legado indescritíbel: gravacións únicas da lírica tradicional oral da Galiza. Na súa longa viaxe polo país, destacou por afondar nas raíces do cancioneiro da Galiza outorgando no seu traballo un especial e protagonista ás informantes, póndolles voz e nome e sacándoas do anonimato. Nas súas recollidas, que desenvolve entre 1978 e 1983, destaca a proximidade de Dorothé Schubarth coas informantes, unha virtude que lle permitiu coñecer perto de 2.000 melodías nun cento de concellos. Moitas destas melodías pódense consultar na actualidade no Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego.  

O traballo de campo de Dorothé Schubarth foi completado por Olaia Tubío Alejandro Gándara, que a comezos de 2018 decidiron seguir a pegada da musicóloga na Galiza e sacar á luz a súa face máis persoal a través das informantes. Algunhas das historias que Dorothé Schubarth viviu nas aldeas do país foron contadas no documental Dorothé na vila polas mulleres e homes que un día lle abriron a porta a aquela moza que ía na procura da raíz da música galega.

 

[Imaxe: Museo do Pobo Galego. APOI - fonte: www.nosdiario.gal]

A emigración galega triunfa en Bos Aires adaptando o teatro de Manuel Rivas

As irmás María Fernanda e Lorena Lores, con raíces familiares no Grove, fan parte da Compañía Teatral Galega de Bos Aires, que vén de estrear El Héroe, de Manuel Rivas, cun elenco de 10 actores e actrices e coa participación da Orquestra de Cámara da Federación de Asociacións Galegas da Arxentina. 

Á esquerda, Gabriel Fernández e Lorena Lores. Á dereita, Sofi Peña, Angelina Napoli e Mavi Santoro, representando a obra.

Escrito por Patricia Villarino

O vindeiro 10 de setembro baixará o pano no Teatro Empire de Bos Aires a obra El Héroe, da autoría de Manuel Rivas, adaptada pola Compañía Teatral Galega de Bos Aires e convertida nun musical grazas á participación en directo en cada función da Orquestra de Cámara da Federación de Asociacións Galegas da Arxentina. A institución, con máis de 100 anos de historia ás súas costas, vive un novo pulo grazas ao activismo de descendentes de galegos e galegas na emigración, como Lorena e María Fernanda Lores, dúas irmás con orixes familiares no Grove (O Salnés) que, como produtora e profesional das artes plásticas a primeira e actriz e cantante a segunda, están a revitalizar a cultura e as artes para "tender pontes” entre Galiza e Arxentina.

Na Federación de Asociacións Galegas da Arxentina xa houbera unha primeira compañía de teatro, da que fixeron parte CastelaoMaruxa Villanueva ou o ourensán Fernando Iglesias Sánchez Tacholas. Representaron Os vellos non deben de namorarse na Arxentina, relata a Nós Diario Lorena Lores, filla de galegos, actriz, cantante e activista e unha das promotoras do rexurdir do teatro dentro da Federación xunto coa súa irmá María Fernanda. Coa axuda da Deputación da Coruña, a compañía estreou o pasado 25 de xuño no Teatro Empire de Bos Aires El Héroe. “Estamos moi contentos co éxito e a acollida do público”, afirma Lorena Lores.

A petición dela, Rivas ofreceu a súa primeira obra de teatro, que data de 2006, para que a Compañía Teatral Galega de Bos Aires a convertese nesta estrea. O italo-galego Leonardo Napoli e a propia Lorena Lores adaptaron a obra e a música para convertela nun musical coa participación en directo en cada función de 20 integrantes da Orquestra de Cámara da Federación de Asociacións Galegas da Arxentina, dirixida por Martín Pinola, coa inclusión como instrumento da gaita en varias pezas da obra.

Somos herdeiros da capacidade de traballo mancomunado das galegas e dos galegos no exterior —destaca Lores—, unha epopea colectiva formada por 9 actores, 20 músicos e moitos técnicos de escena”. Mentres rematan a estrea en Bos Aires e agardan poder vir á Galiza a presentar a súa obra, están seleccionados en varias categorías dos máis prestixiosos galardóns teatrais na Arxentina, os Premios Hugo Mirón.

Gabriel Fernández e Lorena Lores

O heroe de Sidi Ifni

Sobre as táboas do Teatro Empire de Bos Aires, María Fernanda Lores recreou a escenografía e o vestiario que ambientan a obra de Manuel Rivas, unha vila pesqueira galega a mediados dos anos 70 na que o heroe é Arturo Piñeiro, coñecido polos alcumes de Robinson ou Caronte, lexionario na guerra de Sidi Ifni, a descoñecida “Guerra dos cen días” que o réxime de Franco ocultou á opinión pública logo de perdela. Lorena Lores interpreta Lucía, a parella sentimental e soporte vital de Caronte. En escena, esta personaxe é “a memoria viva a que refresca a memoria, as secuelas do vivido”, explica a actriz.

Logo de perder a guerra de Sidi Ifni, Caronte volve ao seu pobo, pero só atopa o esquecemento e o silencio da ditadura de Franco ao seu redor. Naquela contenda, ocultada polo franquismo, faleceron 300 soldados e outros 500 resultaron feridos, pero todo foi agochado na que está considerada xa como a "guerra secreta”. Os superviventes, de volta na casa, sufriron a chamada “pena de Marte”, e tamén Caronte na obra de Rivas. A súa parella Lucía é “a que contén o seu estrés”, explica a actriz Lorena Lores. "Facemos na obra moito fincapé niso porque só se contan os mortos, non as vidas rotas e o sufrimento ao decatarse de que loitaron para un ditador”, salienta a este xornal. 

A obra de Rivas na Arxentina —estreada na Galiza por Sarabela Teatro en Ourense logo da súa publicación no ano 2006— está “adaptada ao público arxentino", sinala Lores, e comeza cunha voz en off que “conta a guerra de Sidi Ifni, da que pouco se coñece” e que no caso da Arxentina ten, segundo Lores,  “unha crítica e un claro paralelismo coa guerra das Malvinas”. A modo de resumo, subliña que “o tirano fai unha guerra, perde e tapa todo”.

No ano 2001 Lorena Lores veu vivir á Galiza. Daquela estaba traballando nun musical, pero chegou a crise económica á Arxentina. “O primeiro que cae é a arte, así que fun para Galiza e vivín moitos anos alí até que meu pai enfermou e tiven que volver á Arxentina”, relata. Da súa experiencia artística nas dúas beiras do Atlántico destaca agora que “as pontes son importantes a nivel cultural e de xustiza, enriquécennos mutuamente", pois "Galiza é moito máis que as súas fronteiras, somos galegos expandidos”, afirma.

Desde a Federación de Asociacións Galegas da Arxentina, Lores destaca que “impulsamos a única causa que hai contra os crimes do franquismo, a que leva adiante a xuíza María Servini —xuíza federal da nación Arxentina, a cargo do Xulgado Federal Criminal e Correccional número 1 de Bos Aires— e que segue avanzando porque estamos moi ben organizados, hai testemuñas... pero a xustiza española mete todo nun caixón”.

Unha avoa que chegou de polisón axudada por Eva Perón

Lorena e María Fernanda Lores —tamén o seu irmán Maximiliano— naceron en Bos Aires, pero teñen moi presente a súa historia familiar. “A nosa familia é do Grove por parte de pai e de nai. A miña avoa, Manuela Rodríguez Moldes, foi a Vigo a despedir unha curmá ao porto que marchaba en barco a Bos Aires, e ao final acabou viaxando de polisón”, di Lorena. Do periplo da súa avoa destaca que “mandou un telegrama á casa desde as Illas Canarias, chegou a Bos Aires e pasou a estar presa no hotel de inmigrantes porque non tiña papeis”.  A avoa das Lores era nai solteira “nunha época difícil” e marchou do Grove para Vigo, onde coñeceu o seu avó, "que non era o biolóxico pero os dous tiveron que fuxir, ela de polisón e el escapou cun pasaporte falso.de Euskadi porque tamén ían matalo. Non podía reclamala”, relata Lorena Lores a este xornal.

A súa avoa escribiu entón a Eva Perón unha carta apelando á súa sona de “abandeirada dos pobres”. "A resposta foi mandala buscar, fíxolle o documento e deixouna saír”, lembra. Así foi como acabou tamén na Arxentina a nai das irmáns Lores: “Evita contestaba a todos os que reclamaban algo. Se non fose por ela eu non nacería, porque o meu pai e a miña nai coñecéronse despois na colectividade galega”.

 

[Imaxes: Nacho Lunadei - fonte: www.nosdiario.gal]


sábado, 5 de setembro de 2026

«Soi galèc, parla-me en portugués»

L’AGAL avia una campanha en Galícia per convidar los portugueses e los brasilièrs a parlar en portugués als galegofòns

Escrich per  Ferriòl Macip

L’Associacion Galèga de la Lenga (AGAL) entamenèt lo 25 de julhet passat, a l’escasença del jorn nacional de Galícia, una campanha per convidar los portugueses e los brasilièrs que vesitan Galícia a parlar portugués amb los galècs, en luòc del castelhan o d’un mescladís d’espanhòl e portugués sonat portunholçò raporta Diari de la Llengua. La campanha se ten jos la devisa «Falo galego, fala-me português!» (Parli galèc, parla-me portugués).

L’AGAL defend lo reïntegracionisme, es a dire que «lo galèc e lo portugués son dos noms que balham a un meteis continuum lingüistic». Per tant, segon l’AGAL, lo passatge al castelhan es inutil.

Segon l’associacion, Galícia coneis dempuèi de sègles una situacion de diglossia ont lo galèc es la lenga del pòble e lo castelhan la dels elèits, una situacion que s’es vista agreujada per l’escolarizacion obligatòria en castelhan e pels mèdias de massa, tanben en castelhan. Aquò a menat de parlars galècs, mai que mai urbans, a téner una sonoritat pus semblabla al castelhan.

L’AGAL reconeis que lo galèc dels joves a perdut de traches que lo sarravan del portugués de Portugal: un ancian de Tominho (Galícia) e un ancian de Vila Nova de Cerveira (Portugal) parlan gaireben parièr, çò que ja es pas pus lo cas dels joves, mai marcats pels accents de Madrid o de Lisbona.

La campanha, sostenguda pels influenciaires galècs, portugueses e brasilièrs, convida los lusofòns a parlar «dapasset en prononciant plan las vocalas», e prepausa de frasas coma «parla-me en galèc se te plai» quand un galèc trantalha entre galèc e castelhan. Los galècs, de lor costat, son convidats a passar pas jamai al castelhan o al portunhòl, e a seguir de contenguts en portugués per acostumar l’aurelha a d’autres accents e evitar los castelhanismes.

E s’en Occitània fasiam parièr amb los toristas catalans? Après tot, e mai sián de lengas desparièras, se se parlan dapasset e s’evitan los castelhanismes d’un costat e los francismes de l’autre, i auriá pas besonh d’una tèrça lenga per se comprene.

 

 [Imatge: AGAL - sorsa: www.jornalet.com]

domingo, 16 de agosto de 2026

« Colonialismo onomástico»: así foi a deturpación dos apelidos na Galiza

Cando a partir do século XVI o galego desapareceu como lingua instrumental de toda a documentación escrita, unha parte importante dos apelidos foi traducidaao español. Foi “unha política lingüística de facto tendente á asimilación”.

Reprodución das normas escolares de 1543 que impoñen castigos físicos contra o uso da lingua propia. 

Escrito por Xesús M. Piñeiro  

Os apelidos de hoxe orixináronse pola necesidade de identificar e distinguir as persoas, como explica o Instituto da Lingua Galega na súa Cartografía dos apelidos de Galiza (CAG). E para iso utilizáronse sobrenomes, patronímicos ou designativos de lugar, que só se comezaron a facer hereditarios na Galiza desde finais da Idade Media. Todos os apelidos e nomes da Galiza son posteriores á romanización e non hai ningunha forma nova desde 1870. Nese ano implántase o rexistro civil e fíxanse os sobrenomes galegos. 

Neste sentido, o galego como idioma instrumental foi desprazado na escrita desde principios do século XVI. Unha das consecuencias, como ten recordado a filóloga e membro da Real Academia Galega (RAG) Ana Boullón, foi que os nomes propios, tanto os dos lugares coma os das persoas, comezaron a ser modificados.  

No caso dos apelidos, que xa eranhereditarios, sufriuse un proceso de deturpación que lles afectou de modo desigual. Temos apelidos galegos case en extinción e a súa forma 'castelanizada' gozando dunha boa saúde.  Aí están exemplos como os poucos máis de 200 Outeiro e máis de 42.000 Otero; ou que non se chegue aos 1.000 Martíns e  haxa 113.000 Martínez; en 2011 ficaban tres Eanes e había máis de 7.000 Yáñez, a súa 'deturpación' castelanizada. 

“Cando a partir do século XVI o galego desapareceu como lingua instrumental de toda a documentación escrita, unha parte importante dos apelidos foi traducida e outra parte sufriu interferencia fonética ou morfolóxica do castelán”, sinala esta profesora da USC en 'Todos os nomes: identidade, pobo, país', o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega (RAG). 

Esa castelanización forzosa, explica, tivo como consecuencia que, a día de hoxe, no corpus dos apelidos da Galiza se contabilice “unha porcentaxe importante de formas españolas (un 19%) e híbridas (7%)”. A magnitude porcentual da presenza foránea, apunta Boullón, non se pode atribuír a vagas inmigratorias procedentes de Castela, posto que, amais de ser Galiza país de emigración, as porcentaxes doutras linguas nos apelidos na Galiza son moito menores (2% os vascos, 4% os cataláns, por exemplo); agardaríase que o compoñente español fose semellante (ou un pouco maior) e a desproporción explícase só por ese proceso forzoso de tradución. 

“Esta situación (o cambio obrigado de apelidos) tense dado non só en Galicia, senón en diferentes épocas e lugares, e denomínase colonialismo onomástico (‘onomastic colonialism’, en Walkowiak 2016) ou onomástica política (‘political onomastics’, en Alia 2007)”, explícase no discurso de entrada na RAG. 

Foi, indica, “unha política lingüística de facto (pois non parece que houbese directrices codificadas oficialmente), tendente á asimilación, que afectou o corpus de moi diversas formas”.  

 

[Foto: Arquivo Histórico Diocesano de Tui / 'O libro negro da lingua galega' - fonte: www.nosdiario.gal]

terça-feira, 4 de agosto de 2026

«De aquí o xerme saíu» lembra o vínculo de Camões con Galicia no seu quinto centenario

 

Foto de familia dos intervenientes na inauguración da exposición coa que deu comezo a xornada.

Cinco séculos despois do seu nacemento Camões “transborda contemporaneidade” e celebrámolo porque precisamos del “porque nos interpela, en cada un dos seus textos, a discutir cuestións que están hoxe no centro da orde do día”, destaca Joaquim Coelho Ramos.

O comisario xeral adxunto da Estrutura de Missão para as Comemorações do V Centenário do Nascimento de Luís de Camões participou na inauguración da exposición De aquí o xerme saíu. Presenzas galegas de Camões, coa que arrincou hoxe na Casa Galega da Cultura de Vigo a xornada homónima da homenaxe que se lle rendeu en Galicia ao gran clásico das letras portuguesas.

A Fundación Penzol, a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega, da man da Estrutura de Missão, organizaron este encontro sobre o autor, cuxas raíces familiares están a esta beira do Miño.

A cita continuou coa presentación do volume Camões en Galicia, de Xosé Manuel Dasilva; unha quenda de relatorios na que o presidente da RAG afondou no tópico do galego e do seu falar na literatura lusa dos tempos do homenaxeado; un recital organizado pola Sección de Literatura da RAG e mais unha ofrenda floral ante o busto de Camões. 

O académico correspondente Ramón Nicolás recitando un dos poemas de Camões. 

O programa púxolle o ramo desde Galicia aos dous anos de conmemoracións que concluíron no país veciño oficialmente o pasado 10 de xuño, Día de Portugal, e implicou tamén, en calidade de colaboradores, o Concello de Vigo, o Consulado-Xeral de Portugal en Vigo, a Editorial Galaxia e o  Camões - Centro Cultural Portugués en Vigo.

“Temos, aquí e agora, unha oportunidade de ouro para reposicionar a centralidade da obra deste Luís pleno de contradicións, non como unha herdanza estática do pasado, mais como unha ferramenta vital de navegación para o presente”, reivindica Joaquim Coelho Ramos, quen sinala a diversidade cultural, o choque e o diálogo entre pobos, a valorización da diferenza, o pracer do coñecemento e a exploración da inesgotable temática da viaxe como algúns dos temas que Camões nos convida a discutir hoxe desde o seu legado literario.

O representante da organización lusa encargada do quinto centenario do autor refírese así mesmo as raíces galegas do autor. “Ollar para o home por detrás do mito, sen esquecer o mito que alimenta o home, esixe, aquí en Vigo, recordar que o apelido que hoxe resoa universalmente como sinónimo de Portugal terá unha matriz xenética en Galicia, na vella liñaxe das terras de ‘Camos’. Recordar a orixe galega do nome de Camões non é un mero detalle biográfico; é asumir a xénese dunha visión do mundo que naceu dese abrazo primordial co norte para, máis tarde, facerse universal”, reflexiona.

O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, agradece a ampla participación portuguesa nesta celebración galega dun autor sempre recoñecido pola Academia, que xa celebrara con solemnidade en 1924 os catrocentos anos do seu nacemento. Daquela contara entre os seus convidados co poeta Eugénio de Castro, membro correspondente da institución, lembra. Cen anos despois, “a xornada de hoxe enmárcase nesa liña de continuidade que une a Real Academia Galega coa cultura portuguesa desde os seus comezos, unha tradición na que Camões sempre foi atendido en recoñecemento da grande influencia que deixou nas nosas letras”, comparte o presidente da RAG.

Manuel Puga Pereira, presidente da Penzol, convida a cidadanía galega a se achegar a Camões a través da mostra e subliña tamén a irmandade da fundación con Portugal desde as súas orixes. “Este quinto centenario de Camões non podía quedar fóra da nosa programación anual tanto polas raíces do autor coma pola intensa relación da Penzol coa cultura portuguesa desde sempre. A lección inaugural das nosas primeiras instalacións na rúa Policarpo Sanz impartiuna o filólogo portugués Manuel Rodrigues Lapa”, recorda. 

De aquí o xerme saíu. Presenzas galegas de Camões dálle continuidade á participación galega no quinto centenario de Camões en Portugal. O pasado mes de novembro a RAG e o CCG participaron en Lisboa no Colóquio Internacional Sob o signo de Camões. Cânones e heterodoxias, con conferencias e unha exposición bibliográfica coorganizada por ambas as institucións.  A vicepresidenta do Consello, Dolores Vilavedra, enmarca tamén ambas as dúas citas no compromiso firme da súa institución “con todas aquelas iniciativas que supoñan alicerzar e alimentar o diálogo coa cultura portuguesa”, que inclúe outros proxectos como Dramaturxias itinerantes. “Esperamos que esta conmemoración camoniana sexa un punto de inflexión, no coñecemento do escritor e a súa obra na nosa terra, mais tamén un decidido paso adiante nese diálogo imprescindible entre Galicia e Portugal”, conclúe.

Exposición e ‘Camões en Galicia’

A exposición que pode verse xa na Casa Galega da Cultura inclúe valiosa documentación, entre a que figura o privilexio do século XIV en que Henrique III priva do seu señorío na vila de Baiona a Vasco Pérez de Camões, tataravó do poeta. A parte bibliográfica, pertencente aos fondos da Penzol, dá ademais conta da recepción da obra e da figura do escritor en Galicia.

O comisario da mostra é o subdirector da Penzol e catedrático da Universidade de Vigo Xosé Manuel Dasilva, quen abriu o programa da tarde coa presentación de Camões en Galicia (Galaxia, 2026). Neste volume Dasilva, destacado camonista, reúne unha serie de estudos que afondan nas pegadas galegas do mestre e que revelan o alento camoniano de figuras senlleiras da cultura galega, dende o padre Sarmiento a Rosalía de Castro, Curros Enríquez ou Eduardo Pondal, autor d'Os Eoas, a “proposta de meirande ambición” das letras galegas —apunta— que tratou de conseguir os mesmos logros ca o portugués coa epopea Os Lusíadas.

A recepción galega de Camões no ámbito peninsular é singular, explica Dasilva. “No eido español tendeuse máis ben á apropiación da súa figura, ao ser un autor de aceptabilidade complicada fundamentalmente pola envergadura patriótica d’Os Lusíadas. En Galicia distínguese, emporiso, unha constante propensión á adopción máis que á apropiación en si. Noutras palabras, non se adquire pola forza como propio o que é alleo, e utilízase, en cambio, para encher ante todo un baleiro inducido polo noso devir histórico. Por unha banda, Camões foi tomado en calidade de referencia, a través dunha serie de liñas de forza. Por outra, constituíu unha influencia, a cal se plasmou de dous modos: por imitación, como poeta lírico; e por emulación, como poeta épico”, detalla no limiar.

A visión tópica dos galegos e da súa lingua

O presidente da RAG interviu tras a presentación do libro de Xosé Manuel Dasilva cun relatorio sobre a visión da lingua galega e dos galegos no Portugal do século de Camões, certamente pouco positiva, como lamentara o padre Sarmiento en referencia ao verso d’Os Lusíadas que di “Ó sórdidos galegos, duro bando!”. “Nos textos portugueses da súa época xa existe unha imaxe construída do falar galego e do tipo humano asociado a ese falar. E Os Lusíadas consagra eses tópicos da cultura portuguesa, que polo menos xa estaban asentados na mentalidade lisboeta, sostén Henrique Monteagudo, quen rastrexou o tópico denigrante do galego ata a literatura portuguesa e propón que dito estereotipo xurdiría en Portugal para logo se estender a Castela.

Da banda portuguesa,  a xornada contou tamén con Micaela Ramon, profesora da Universidade do Minho, co relatorio “Um dia Camões nasceu e nunca mais morreu: mecanismos de preservação da memória literária no século XXI”; e mais José Carlos Seabra Pereira, profesor da Universidade de Coimbra, coa contribución titulada “Inquietação e conhecimento na poesia de Camões (materia perigosa?)”.

O programa continuou co recital poético-musical coordinado pola directora da Sección de Literatura da RAG, Marilar Aleixandre, no que lle puxeron voz a versos de Camões as académicas Chus Pato e Fina Casalderrey, o académico correspondente Ramón Nicolás, a xornalista Cláudia Morán, a escritora e investigadora Rexina Vega, Henrique Monteagudo e a propia Aleixandre. César Morán pechará este apartado coa interpretación de “Verdes são os campos”. 

Ofrenda do Consulado-Geral de Portugal em Vigo

O Consulado-Geral de Portugal em Vigo rematou a xornada coa ofrenda floral diante do busto de Camões na praza de Portugal. Nela participaron canda o cónsul xeral de Portugal en Vigo, João Bezerra da Silva, os representantes das demais institucións implicadas.

 

[Fonte: www.academia.gal]