Mostrar mensagens com a etiqueta Galeguidade. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Galeguidade. Mostrar todas as mensagens

quinta-feira, 29 de janeiro de 2026

Con alma gallega

 

Ángela Banzas

Escrito por L. C. Carballal

Non resulta nada infrecuente ouvir ou ler sobor da suposta “alma galega” –e digo suposta porque aínda non hai evidencia científica que demostre a existencia de tal elemento, e eu son un racional seguidor da Ciencia–, como explicación recorrente de todos aqueles artistas galegos que fan cultura sen se zarrapicar co galego. Neles Galiza é un escenario, unha ambientación ou unha inspiración, onde a auténtica cultura galega non aparece, porque a cultura galega soamente existe en galego, xa que noutra lingua non deixa de ser unha recreación ou unha impostura.

Da última finalista do desprestixiado premio Planeta, Ángela Banzas, galega de nacenza e castelá en exercicio, dise que “a súa obra se caracteriza […] por un marcado selo galego tanto nas paisaxes coma nas atmosferas”. Coma tantos outros autores antes, cuxas obras eran “muy gallegas” ou tiñan “alma gallega”, xa que como non o é polo idioma convén procurar algo pra poder chamala “gallega”, así que a alma, que non é tanxíbel, é unha escusa perfeita. Imaxinen calquera produto fabricado na China ou calquera outro país de produción barata que se venda como galego porque o é por tradición ou representa a nosa idiosincrasia, como todos eses souvenirs pra turistas; ou ese restaurante co rechamante nome galego ou pseudogalego (O’ Breogan, A’ Asquiniña etc.) no que se entras e pides algo en galego che responden que fales español porque o camareiro, oriental ou suramericano, non te entende. Imaxinen un polbo pescado nas augas marroquinas e que se vende como polbo galego porque o cociñaron “á feira”, ou uns pementos de Padrón que só teñen da localidade o nome do envasador.

Hai que aceptar na nosa cultura aqueles autores que cualifican a súa obra “de profundamente gallega” –talvez porque a galeguidade hai que procurala escavando–, ou “teñida por el espíritu gallego” –mais a tintura só cobre a tona de algo–, tentando xustificar a galeguidade duns textos ou cancións que obviaron a máis verdadeira proba de galeguidade de calquera escrito ou canción: o uso da lingua galega? Cualificar unha obra feita por un galego como “gallega” polo mero feito da procedencia do autor é unha deturpación da nosa cultura. Soamente pode ser chamada “literatura galega” a que se fai utilizando a lingua galega (Wikipedia española: «Se denomina […] literatura gallega al corpus de obras literarias escritas en lengua gallega»), a que se fai en castelán dende Galiza é literatura española ou castelá. Aínda hai que pelexar por algo tan simple de entender?, témome que si. Nunha entrevista á escritora Ángela Banzas (El Español, 15-11-2025) pregúntaselle: «¿Sientes que la literatura gallega todavía se percibe como algo periférico?» “Literatura gallega” nunha escritora que só escribe en castelán?


Os artistas galegos poden escoller a lingua que prefiran prá súa obra, están no seu dereito, mais que non proclamen ningunha “galeguidade” cando o idioma escolleito é o castelán, porque escolleron estar dentro da cultura española ou castelá. A cultura galega exprésase en galego porque este aínda é unha lingua viva e a única que creou o pobo galego, o castelán chegounos de fóra –e amais por imposición–. Aínda non somos coma os irlandeses, que se expresan en inglés porque esqueceron a lingua dos seus devanceiros.

Deixémonos de meias tintas e digámolo claro: cando un escritor ou cantante galego decide expresarse en castelán, está a lle dar as costas á principal marca identificadora que os galegos crearon a través dos séculos: a lingua nativa de Galiza. Pódese reivindicar a identidade galega renunciando ao principal sinal desa mesma identidade: a súa lingua?

Que ninguén o esqueza: sen galego non hai Galiza.



[Imaxe: CC-BY-SA Ogalego.gal - fonte: www.praza.gal]






sábado, 22 de fevereiro de 2025

Unha exitosa singradura de 75 anos en Montevideo

Neste ano 2025 temos que ser agradecidos cos emigrantes que en Montevideo ---o 3 de setembro de 1950--- fundan un programa de radio para lembrar a Castelao (falecido en xaneiro na capital arxentina) pois merecen as maiores distincións e recoñecementos.  

Castelao en Montevideo con Xesús Canabal Fuentes e Manuel Meilán Martínez. Dominio público

Escrito por Manuel Suárez Suárez

A emisión de SEMPRE EN GALICIA, nas mañás dos domingos, ten a singularidade de que se realiza enteiramente en galego. Quere dicir que milleiros de descendentes da nosa emigración aprenderon ou entenderon o significado da nosa cultura diferenciada por medio da radio e así foi como se achegaron a emotividade da terra de Rosalía de Castro.  

Quero suliñar que somos afortunados. O paso do tempo non foi quen de esvaecer o sentimento galego e na capital da República Oriental do Uruguai seguimos a ter herdeiros que non queren esquecer as súas raíces. A maioría dos nosos descendentes non se deixan envelenar polas trapalladas interesadas de partidos políticos que ofenden aos que buscan un futuro mellor pero aplauden e defenden aos que se benefician da explotación dos máis desfavorecidos. Os nosos netos montevideanos saben que os seus esforzados avós, suaron na Banda Oriental (a terra do moi nobre Artigas) para erguer un niño onde acubillarse e manter quentes os recordos da aldea na que naceron. 

Coido que Montevideo é o lugar máis axeitado para unha celebración (tendo en conta que no pasado mes de xaneiro non houbo ningún acto con participación de autoridades no Centro Galego de Bos Aires) na que se lembre a Castelao por medio da entrega de premios e distincións a SEMPRE EN GALICIA e tamén coa organización dun evento que sexa unha Festa Maior da nosa cultura na capital uruguaia. O agradecemento a quen mantivo o idioma galego nun programa radiofónico desde 1950 debe ir acompañado de actividades nas que a colectividade emigrada poida aplaudir e sentir que Galicia non esquece aos devanceiros sementadores de galeguidade. A xeito de suxestión e sen más intención de que sexa un exitoso festexo, creo que ademais da actuación dun grupo ou solista galego debemos de convidar a miña boa amiga Cristina da Pastoriza (Cristina Fernández Fernández) para que emocione coa súa voz aos asistentes ao recital do aniversario número 75. 

Eu sinto que levo dentro un pequeno anaco sentmental de SEMPRE EN GALICIA que comezou a instalarse en min o domingo 30 de novembro de 1958. O meu desembarco (collido da man da miña nai) tivo lugar o xoves 27 despois duns longos vinte días de navegación no Cabo de Hornos desde o porto da Coruña. Os anos foron pasando pero sigo tendo moi presente a música das gaitas que saía dunha radio Philco que estaba na cociña do pequeno apartamento que meu pai alugara na rúa Pantaleón Artigas, no barrio de Aires Puros. Era pola mañá e pasaban uns minutos das nove e media (aínda estaba na cama xa que nunca fun moi madrugador) cando me espertan os sons dunhas gaitas. Érgome axiña para achegarme a cociña onde os meus pais estaban a almorzar. 

A miña sorpresa foi que aqueles gaiteiros soaban igualiño que o grupo que viñera a tocar a Tines na festa da Ermida Vella. O meu pai díxome que era unha audición de radio feita por xente que nacera en Galicia que eran emigrantes coma nós. Contou que todos os domingos a emisora Radio Carve emitía este programa que escoitaba desde que chegou a Montevideo. Foi o pontevedrés Paco Esperón que era o dono da pensión na que viviu antes da nosa chegada (situada na rúa Yaguarón, perto do Palacio Lexislativo) o que lle falou da audición da que era un fiel seareiro. Quixera estar en setembro en Montevideo para poder berrar forte: Graciñas, SEMPRE EN GALICIA!

 

[Fonte: www.praza.gal]


sábado, 30 de março de 2024

Galegofalantes de Asturias piden ao Goberno do Principado “respecto”

Denuncian que se está a substituír a denominación até agora oficial de galego-asturiano por “eonaviego”. Axuntar considera que con esta mudanza “está en xogo a dignidade idiomática do galego falado en Asturias, que é tan lingua desta terra como o asturiano”

galego asturiano

Axuntar, asociación prá normalización do galego de Asturias dirixiuse ao Goberno de Asturias para reclamar que se garanta o respecto, “por parte do Goberno do Principado de Asturias, e das institucións e autoridades lingüísticas da comunidade autónoma”, do nome de galego-asturiano -legalmente vixente-, que recibe o idioma propio dos habitantes do extremo occidental de Asturias. Esa é a denominación que recolle a Lei 1/1998, do 23 de marzo, de uso e promoción do asturiano (Artigo 2 e Disposición Adicional).

A asociación solicita ao Goberno, presidente e conselleira de Cultura e Política Lingüística de Asturias, que reconsideren o que consideran un despropósito, como é o de denominar esta lingua co glotónimo “eonaviego”. Lémbranlle a Adrián Barbón que “representa todos os asturianos, debe ter en conta as certezas científicas comunmente aceptadas e, sobre todo, debe cumprir a lexislación vixente.”

Desde Axuntar denuncian que, desde o Goberno asturiano, “ao non respectar a denominación legal dunha lingua propia de Asturias, acaba de dar un paso máis contra a dignidade lingüística do galego que se fala en Asturias, e faino ademais a Consellaría de Cultura, Política Lingüística e Deportes do Principado de Asturias.”

A asociación lembra que, tras a recente remodelación do Goberno, no Boletín Oficial do Principado de Asturias do pasado 19 de marzo, publicouse o Decreto 25/2024 do 15 de marzo polo que se estabelecía a estrutura orgánica da Consellaría de Cultura, Política Lingüística e Deporte, na que “o nome legal en Asturias do mencionado idioma (galego-asturiano) estabelecido por Lei 1/1998 do 23 de marzo, de uso e promoción do asturiano, foi substituído en todos os casos por "eonaviego".

Engaden que mesmo nalgunhas ocasións no decreto omítense as referencias ao galego-asturiano, como no caso do artigo 6 que, estabelece que “a lingua asturiana é un patrimonio colectivo de Asturias”. “Ignoramos as razóns que explican que o galego-asturiano sexa privado desa importante e xusta condición”, afirma Moisés Cima, presidente de Axuntar.

A asociación para a normalización do galego de Asturias lembra que durante toda a lexislatura pasada as autoridades lingüísticas de Asturias e a Academia da Llingua Asturiana (ALLA) viñeron facendo uso da expresión compartida "galego-asturiano ou eonaviego", dándolle prioridade a este segundo glotónimo, eonaviego, que, subliñan, non está recollido na lei 1/1998.

Denuncian que ese glotónimo "eonaviego" xustifícase en base a dúas enquisas sociolingüísticas “amañadas por ALLA coa fin de substituír o glotónimo legal por outro que non incluíse a palabra ‘galego’, para ocultar a filiación lingüística e, de feito, violar a lei, evitando a denominación establecida legalmente pola Xunta Xeral do Principado, é dicir, polo poder lexislativo asturiano.

Este prexuízo “contra a galeguidade inherente á lingua galega que se fala en Asturias vén de lonxe”, e mencionan que hai case dez anos a entón presidenta da ALLA, Ana Cano, declarou que o termo galego-asturiano era “pexorativo".

 

[Imaxe: ORT - fonte: www.nosdiario.gal]

domingo, 4 de outubro de 2020

A primeira película en cor de España reivindicaba a galeguidade de Colón

Retrato supostamente de Pedro Madruga, caracterizado coma un
navegante e que algúns relacionan con Cristobal Colón.
  

Un artigo de ÍÑIGO MOUZO RIOBÓ 

Rodada en 1927 na cidade de Pontevedra e reivindincando a galeguidade de Colón.  Así é Pontevedra, cuna de Colón unha curtometraxe do cineasta e investigador pontevedrés Enrique Barreiro e catalogada como a primeira película polícroma feita en España.

O documental desenvolve a tese da orixe pontevedresa de Cristóbal Colón, defendida por varios historiadores citados na película, amosando imaxes da vila e documentos históricos. No filme bótase man de recursos propios dos noticiarios da época como panorámicas dos lugares que transitou o explorador e intertítulos dos escritos dos que bebe para defender a súa argumentación.

Unha técnica propia

A cinta ten a particularidade de presentar por primeira vez algunhas pasaxes presentadas en cor. Faríase en Cromacolor, un sistema de cine en cor que o propio Barreiro patentara. Tratábase dun filtro rotatorio con partes e franxas de cores desde o vermello ata o verde, que ía capturando a resposta a estes tons no negativo en fotogramas alternos, ordenados tamén por cores.

Pontevedra, cuna de Colon (Enrique Barreiro, 1927) from CGAI - Filmoteca de Galicia on Vimeo.


Despois de revelada a película, tinguíanse os fotogramas con outros matices da gama de azuis, de xeito que ao seren proxectados a gran velocidade, a persistencia na retina facía a mestura e a imaxe víase a cor. O sistema foi a gran obsesión profesional de Barreiro e unha das súas grandes achegas, sen dúbida a de maior innovación.

Recuperada polo CGAI

Agora a cinta poderá verse de novo coas cores que lucía en 1927. Pois o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) e Filmoteca Española colaboraron na recuperación da versión coa cor orixinal do filme. A iniciativa forma parte dun proxecto que a Xunta agarda ampliar para abordar de xeito conxunto todos os materiais que compoñen a colección que a familia do cineasta pontevedrés depositou na filmoteca galega.

A película foi estreada no seu día en cor, mais as copias conservadas tanto en Filmoteca Española como no CGAI-Filmoteca de Galicia, facían inviable fotoquimicamente a reprodución das cores. Ó levar a cabo a dixitalización, restituíronse as cores en cada fotograma, que non se combinaban ó proxectárense, e que tiveron que ser tratados individualmente nun proceso extremadamente laborioso.

O apelido Colón nun cruceiro de Poio

O legado de Enrique Barreiro

Enrique Barreiro foi unha das figuras máis importantes do cine galego nos anos vinte e trinta xunto co seu irmán Ramón. Enrique e Ramón Barreiro, considerados dous pioneiros do cinema en Galicia non só foron fotógrafos e cineastas senón tamén grandes innovadores da técnica filmográfica. Destacan sobre todo, pero non só por estes experimentos para dotar de cor á imaxe cinematográfica.

A cinta restaurada, que foi estreada n día de onte no Cine Doré de Madrid, terá o seu primeiro pase en pantalla grande en Galicia o 27 de outubro. Será na sala do CGAI na Coruña, na rúa Durán Loriga, coincidindo coa celebración do Día Mundial do Patrimonio Audiovisual da Unesco.


[Fonte: www.historiadegalicia.gal]




terça-feira, 9 de junho de 2020

Sobre a galeguidade dos nomes en Galicia




Por ANA ISABEL BOULLÓN AGRELO

Os institutos de estatística publican cada ano as tendencias no uso dos nomes persoais, o que suscita comentarios na prensa, porque é un tema que interesa a todo o mundo. Ultimamente tense escrito sobre a escasa presenza de nomes propios de Galicia no noso país fronte a abundancia deles en Cataluña ou no País Vasco. Cumpriría refutar esta afirmación a partir dos datos. En primeiro lugar, se se examina o total da poboación galega, hai, si, poucos nomes privativamente galegos. Porque cunha pirámide de poboación invertida, a xente nova é minoritaria fronte ós nacidos nos boom da década de 1960 e 1970. Foi precisamente a partir da década de 1980 cando, desaparecida a norma franquista que impedía pór ós nacidos nomes galegos (e cataláns e vascos), comezaron a aflorar os nomes propiamente galegos, nunha progresión ascendente. De feito, se tomamos como punto de partida o conxunto dos nomes galegos do século XX (tomado dos datos do INE do ano 2000, proporcionados á RAG para a confección da web Cartografía dos apelidos de Galicia), resulta que os nomes distintamente galegos non chega ó 1,5 %, fronte ós españois (45 % para os nomes masculinos e 35 % para os femininos) e ós hispánicos comúns (52 % e 58 %, respectivamente). A porcentaxe dos nomes especificamente galegos refírese, de forma case exclusiva, ós nacidos despois de 1977, data da reforma da Lei do Rexistro Civil, que permitiu consignar os nomes propios «nalgunha das linguas españolas» (Lei 17/1977, de 4 de xaneiro).

Acervo cultural común
Por outra banda, é importante tamén saber que é o que entendemos por «nomes galegos». Hai unha certa idea de que formas como María, Lucía, Elvira, Francisco, Fernando, Miguel, por citar só algúns exemplos, son nomes especificamente españois. En realidade, todos eses son tamén nomes galegos, pertencen ó acervo común cultural de tódolos países europeos, de raíz cristiá, e moitos deles están entre nós desde a Idade Media. Eses son os que na clasificación chamei «hispánicos comúns». Se volvemos mirar as cifras, veremos que a proporción de nomes especificamente españois non chegaba nin á metade. A maioría das persoas portaban nomes coincidentes co español, certo, pero tamén co portugués ou co italiano, entre outras linguas europeas.

Se agora viramos a nosa atención ás novas tendencias onomásticas do século XXI (no período 2000-2010), veremos que a liberdade para elixir nome tivo outros efectos. O máis espectacular foi a diversificación dos grupos lingüísticos. Isto comporta a diminución dos nomes españois (do 35 % ó 9 % nos femininos e do 45 % ó 24 % nos masculinos) e o ascenso dos nomes galegos, que se revelan como o seguinte grupo máis numeroso (cun 12,5 %). Finalmente, aparecen outros relevantes como os ingleses ou os vascos, pero en menor medida.

Certo é que no País Vasco e en Cataluña a proporción de nomes distintivos de cadansúa lingua propia é meirande, como meirande é tamén a asunción da especificidade nacional en cada un deses territorios. Pero non se pode soster que os nomes galegos non se asenten no rexistro, porque nos últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística, correspondentes a 2018, na lista dos 50 nomes máis frecuentes postos ós neonatos, figuraban os seguintes nomes distintamente galegos:

Brais, Antón, Anxo, Iago, Roi, Xoel, Lois, Xián, André, Breixo.
Noa, Antía, Uxía, Sabela, Iria, Xiana, Lúa.

É máis, hai nomes en que a forma galega está amplamente estendida fronte a unha presenza case testemuñal da correspondente forma española, como se ve en Brais fronte a Blas, Uxía/Uxío fronte a Eugenia/Eugenio ou Anxo fronte a Ángel.

Renovación antroponímica
A renovación antroponímica da sociedade galega baseouse fundamentalmente en varias vías, a maior parte delas volvendo os ollos para a cultura e a tradición, e outras de forma innovadora. Recuperáronse nomes tradicionais, a maioría de raíz cristiá (Comba, Mariña, Xiana, Icía, Xurxo, Tomei, Fiz, Xiao, Estevo, Amaro, Paulo). Acudiuse á historia: ó mundo celta (Celtia, Breogán) e á Idade Media, e volveron a pórse en circulación Roi, Fernán, Heitor, Artur, Xenevra. Habilitáronse palabras do léxico común (Lúa, Brétema, Lume, Dorna) e hipocorísticos (formas familiares dos nomes), como Sabela, de Isabel, Catuxa, de Cataliña, Maruxa, de María, Xela, de Anxela, Xandre/Xandra, de Alexandre/a Iria,, etc. A toponimia é unha fonte recorrente e realmente inesgotable, dada a nosa enorme riqueza en nomes de lugar: Antela, Aloia, Sarela, Aldán, Xalo, Xende…

Estes datos pretenden dar a coñecer como a sociedade galega foi renovando o seu corpus de nomes de persoa, e tamén animar a asumir a identidade do noso patrimonio, do que os nosos nomes, tanto de persoa como de lugar, forman parte dunha maneira moi identitaria. É unha evidencia, e así se quere mostrar, que a sensibilidade social por estas cuestións non só non mingua senón que aumenta. A cidadanía, homes e mulleres, segue a manter viva a liña de transmisión, recuperación e mesmo renovación deste aspecto tan significativo de nós.

[Imaxe: CESAR QUIAN - fonte: www.lavozdegalicia.es]

domingo, 15 de março de 2020

“Polo miúdo” e “ó retallo”, equivalentes ó castelán “al por menor”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".
 
Froita variada: caixa de mazás, caixa de cirolas e caixa de mangos nun mercado de Madrid.

Por Xosé Antonio Pena
Cando un individuo galegofalante de seu se refire ó xeito de comerciar con algún tipo de xénero en cantidades pequenas, o máis habitual é que empregue a locución *ó por menor, que non deixa de ser unha locución castelá á que se lle aplica un verniz de galeguidade mudando a contracción al pola correspondente galega ó.
Mais en galego temos expresións que fornecen exactamente o mesmo contido. Vexámolas:
Al por menor && Al menudeo
{= En cantidades pequenas, aplicado a xénero de comercio ou á súa comercialización.}
Polo miúdo
Ó retallo
A retallo
Ex.: Los minoristas son los que comercian con género al por menor.
Os retallistas son os que comercian con xénero polo miúdo ‡ con xénero ó retallo ‡ con xénero a retallo.
Ex.: En el mercadillo de Santa Comba se vende género al por menor.
Na feira de Santa Comba véndese xénero polo miúdo ‡ ó retallo ‡ a retallo.
● Mesmo tamén, como formas máis residuais:
Al detalle && Por menudo
A detallo
NOTA:
As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Álvarez de la Granja, María: “Glosario de locucións adverbiais do galego medieval”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 7, 2005, páxs. 13-40. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Carré Alvarellos, Leandro: Diccionario galego-castelán. De entre 1928 e 1931. Publicado por entregas en 1926. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Cuveiro Piñol, Juan: Diccionario gallego. Publicado en 1876. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Ferro Ruibal, Xesús: “Cadaquén fala coma quen é. Reflexións verbo da fraseoloxía enxebre”. Discurso de ingreso do profesor Ferro Ruibal na Real Academia Galega o 4 de maio de 1996.
- Filgueira Valverde, X. F. & Tobío Fernandes, L. & Magariños Negreira, A. & Cordal Carús, X.: Vocabulario popular castelán-galego. Publicado por entregas en 1926. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Franco Grande, Xosé Luís: Diccionario galego castelán e vocabulario castelán-galego (2ª edición). Publicado en 1972. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).


[Imaxe: Europa Press - fonte: www.galiciaconfidencial.com] 

segunda-feira, 19 de agosto de 2019

Os rostros dos galegos en Basilea

O fotógrafo Manuel Álvarez reúne nun libro case medio cento de retratos de emigrados en Suíza, imaxes que dialogan con breves poemas de Manuel Rivas
Tres dos retratos da serie: Pilar Taboada, Manuel Queijo e Preciosa Martínez

Por XESÚS FRAGA 

Nos seus corenta anos como emigrante en Xenebra, Manuel Álvarez (A Guarda, 1954) sempre se sentiu atraído polas formulacións da identidade da diáspora galega. Un interese que atopou unha canle de expresión na súa sensibilidade de fotógrafo autodidacta e que desenvolveu en varios proxectos e coleccións de retratos de emigrantes. Agora vén de publicar Sementeira Porträts, un libro con corenta e dous imaxes de membros da sociedade Sementeira, de Basilea, e que dialogan coa poesía de Manuel Rivas, en forma de aforismos e haikus.
Xubilado do seu traballo en Acnur dende o 2014, Álvarez pode dedicar máis tempo aos seus proxectos e así puido colocar ante o obxectivo entre maio e outubro do 2017 os membros do colectivo emigrante. Imaxes que son ao tempo testemuño, retrato psicolóxico e homenaxe. «Sementeira atraeume fortemente como depositaria e militante activa dos valores que engrandecen con dignidade unha emigración ilustrada e comprometida, crítica. Son nobres herdeiros das verbas sacras de progreso democrático, social e político dos nosos devanceiros», describe Álvarez. 
Deste xeito, Sementeira, o libro, agroma desa «fonda e forte visión da dignidade do traballador emigrante que deixa o seu fogar para tratar de lograr en terras alleas unha vida mellor que non atopa no seu país». Unha honestidade e respectabilidade que, asegura Álvarez, goza de recoñecido prestixio en Suíza, e que se prolonga tamén no retorno: «Achegan a riqueza extra adquirida dunha cultura e ilustración diferentes, o prestixio recompensado dun labor recoñecido que alimentará tempos novos e avanzados, esenciais para sustentar unha sociedade nova, moderna».
Conectados no tempo
Da contemplación dos retratos do libro emerxe tamén unha imaxe colectiva que chama a atención polo feito de que a práctica maioría dos que posan fano en Suíza pero ben poderían telo feito nos seus lugares de nacemento ou orixe. «Poderían ser nosos compatriotas en Galicia ou en Basilea, conectados por eses fíos de fonemas e palabras que emocionan, invisíbeis, difíciles de explicar. A única diferenza que se pode aplicar é a da interconexión no tempo e a distancia», reflexiona o fotógrafo.

Ramón Carreira e Ramona López
   
Quizais inflúa tamén en que entidades como Sementeira, cuxos membros na súa meirande parte proceden da comarca de Bergantiños, actúe como unha célula de galeguidade, tanto en espírito como en calendario de actividades -exposicións, festas, magostos ou conferencias polo Día das Letras-, coa lingua como vehículo e elemento cohesionador. En palabras de Manuel Álvarez, «é un fogar esencial no que fermentan e bulen os soños de afastadas ilusións de plans de retorno», un lugar onde atopar amparo e protección, ademais de amizade, na memoria e fala comúns. «É unha matria esencial en Basilea que fai posible non perder os sinais balizados para desandar os camiños de ida e volta da emigración galega», conclúe o fotógrafo.
«País, corazón, portátil. Emigrar? Ir dar»
«A man sincera. / País, corazón, portátil. / Emigrar? Ir dar». O haiku de Manuel Rivas que abre Sementeira Porträts actúa a xeito de frontispicio e condensación do espírito que preside a colaboración entre o escritor e o fotógrafo. «A elección de Rivas xurdiu no proxecto de maneira lóxica e natural: os seus valores humanos de compromiso coa emigración, a súa fonda, delicada, valiosa e sublime calidade poética e literaria», enumera Manuel Álvarez. O escritor recibiu as imaxes cunha información mínima: nome e apelidos, lugar de nacemento e parroquia. Dabondo para crear, como aprecia o fotógrafo, «unha crisálida de palabras protectoras, solidarias, comprometidas coas imaxes», quen tamén define a achega do escritor como «verbas-alfaias que constitúen unha membrana plasmática, poderosa de emocións, emigrante e proteínica, nutrinte de fíos invisibles».
A choiva, o traballo e as maletas, as carballeiras e os vagalumes, o merlo e a chorima son algunhas das imaxes e conceptos que Rivas relaciona coa visión destes emigrados galegos en Suíza. Ambos traballaban cunha idea do seu admirado John Berger: «Consideramos as fotografías como obras de arte, como proba dunha verdade particular, como semellanzas, como información». Son retratos que contribúen á memoria colectiva, como di Rivas no último poema: «Agora lembrar / é un mester de vixía. / Campo d’estrelas».



[Fonte: www.lavozdegalicia.es] 

domingo, 28 de julho de 2019

Un mosaico da realidade de Galicia a través da amizade



O escritor Xavier Alcalá rememora no seu último libro a figura do seu amigo Cholo, emigrante galego na Arxentina
 
 JOSÉ PARDO
Por ANTONIO MÉNDEZ X. F. 


«Nesta vida hai persoas coas que pronuncias unha palabra e non é necesario explicar nada. Pois esa era a relación entre o Cholo e mais eu». Desta maneira, o escritor Xavier Alcalá describe a relación co seu amigo Antonio Rey Flórez, Cholo, a quen recorda no seu último libro Cartas ao Cholo, editado por Medulia. A obra, que terá continuación cun segundo volume a piques de entrar no prelo, recolle un conxunto de artigos de Alcalá publicados por Galicia en el Mundo, entre o 1994 e o 2001.

Nun ton e estilo epistolar, Alcalá informa ao seu amigo, fillo de emigrantes galegos que vive na Patagonia, sobre a situación de Galicia e achega as súas reflexións sobre ela. Sen esquecer a diáspora, a realidade que rexía a vida do «Choliño», como cariñosamente o rememora o escritor.

O libro é unha homenaxe ao seu amigo, finado pouco antes de que se publicase a novela The making of de Alcalá, na que a vida do propio Cholo como emigrante cobra protagonismo. Polo tanto, o recordo é unha das razóns polas que Alcalá desexaba publicar a obra. «Eu lembro ás persoas que se van en función do que me fixeron rir. E co Cholo, mateime a rir unha cantidade inmensa de veces», explica Alcalá. 

A galeguidade era un dos trazos característicos da figura de Cholo. Tanto é así que, na súa casa de Comodoro Rivadavia, o amigo de Alcalá sentaba no sillón e mollaba un dedo en area coruñesa, co fin de evocar a súa terra natal, relata o escritor.

Ademais, na personalidade de Cholo tamén destacaba a solidariedade: «El fixo moita gauchada, palabra que en Arxentina se relaciona cunha axuda desinteresada. Fixo canto favor se puidera facer e máis», asegura Alcalá. «Non só a canto galego había, senón tamén aos españois. Era un home ponte. Tiña unha conciencia de solidariedade coa xente que se a trasladásemos a Galicia, sería o país máis ideal do mundo», relata o escritor.


               Cholo con Xosé Neira Vilas



Un retrato da Galicia de entón

Ademais de ser unha homenaxe, Cartas ao Cholo é un libro que describe con detalle a Galicia do momento: «É unha obra que nos retrotrae, unha revisión do que estaba acontecendo naquel intre». O conxunto de cartas, que co segundo volume chegarán ás 219, narran acontecementos políticos, sociais ou literarios, entre moitos outros. Isto é, un ilustrativo mosaico da realidade galega dos últimos anos do século XX.

Nos seus artigos, Alcalá refírese a Galicia como o impaís, ese lugar que non acada o seu cometido e do que moita xente se viu obrigada a marchar. Unha partida que, agora, toma outro camiño: «Actualmente é un impaís máis sofisticado. Antes o que se marchaba non tiña formación, hoxe en día o impaís demostra a súa incapacidade deixando saír os mellores cerebros cara ás principais capitais europeas», expón Alcalá. 

En canto á diáspora galega, Alcalá salienta o papel da Arxentina, non só polo gran número de persoas que marcharon para o país latinoamericano, senón porque moitas «tiñan a paixón de que o seu fillo estudase, xa que alí a ensinanza superior era de balde».

No libro, Alcalá describe a xeografía e a paisaxe galegas cunha querenza especial, ao igual que o facía Ramón Otero Pedrayo, polo que afirma sentir admiración e certa influenza poética na súa escrita. Ao propio Otero, Castelao dedicoulle as seguintes verbas no reencontro de ambos en Bos Aires: «Abrazarte a ti é abrazar a Galicia». Neste senso, ler Cartas ao Cholo é abrazar á Galicia da época.




[Fonte: www.lavozdegalicia.es]