Mostrar mensagens com a etiqueta Verbas sisudas. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Verbas sisudas. Mostrar todas as mensagens

quarta-feira, 14 de fevereiro de 2024

“Mexar fóra do cacho # do ouriñal # do penico”, fraseoloxismos galegos equivalentes ó castelán “mear fuera del tiesto”

 

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".


                              Baños na Praia das Catedrais

Para dar a entender que unha persoa fai ou di algo que temos por bastante inconveniente ou molesto, ou mesmo groseiro, ou incluso algo que non ten sentido ningún, que non vén nada ó caso nin a conto ou que está fóra de lugar, en castelán recórrese en non poucas ocasións –e normalmente, inda que non sempre, asociada a ámbitos comunicativos coloquiais e familiares– á secuencia fraseolóxica mear fuera del tiesto.

Vexamos a seguir secuencias galegas de significado equivalente:

Mear fuera del tiesto

Salir(se) por peteneras

{= Facer ou dicir algo bastante inconveniente e/ou molesto, ou mesmo groseiro, ou ben algo que non ten sentido ningún, que non vén ó caso nin a conto, que non procede ou que está fóra de lugar.}

Mexar fóra do cacho # de cacho

Mexar fóra do ouriñal

Mexar fóra do penico

Ex.: Me parece, chico, que estás meando fuera del tiesto cuando dices que estás a favor de la igualdad entre todas las personas pero odias a las feministas.

Paréceme, meu, que estás a mexar fóra do/de cacho ‡ que estás a mexar fora do ouriñal ‡ que estás a mexar fóra do penico cando dis que estás a favor da igualdade entre todas as persoas pero odias as feministas.

Ex.: Procura actuar con calma y moderación y sin mear fuera del tiesto, así que no se te ocurra levantar la voz ni proferir insultos.

Procura actuar con calma e moderación e sen mexar fóra do cacho ‡ e sen mexar fóra do ouriñal ‡ e sen mexar fóra do penico, así que non se che ocorra levantar a voz nin proferir insultos.

● Tamén, sobre todo para dar a entender que alguén que estaba calado se introduce nunha conversa para dicir algo inconveniente, que non ten xeito ningún ou que non vén ó caso:

Saír do niño e botar a palla fóra

Ex.: —Pues yo sí que estoy a favor de la igualdad, pero no del feminismo. —¡Hala, ya salió el otro a mear fuera del tiesto”: entérate, tío, las feministas lo que quieren es precisamente la igualdad entre sexos.

—Pois eu si que estou a favor da igualdade, pero non do feminismo. —¡Ala, xa saíu o outro do niño e botou a palla fóra!: entérate, llou, as feministas o que queren é precisamente a igualdade entre sexos.

● E inda, neste caso con posiblemente maior carga coloquial, ou mesmo vulgar:

Cagar fóra da pota

NOTAS:

1. A voz normativa ouriñal está rexistrada, tanto de xeito oral coma no traballo “Rabusco”, de Xulio Cuns Lousa, coa variante ouriñol.

2. Lembremos que en castelán a secuencia fraseolóxica salir(se) por peteneras (que en principio parece que quizais poda ter menor carga coloquial ca mear fuera del tiesto) tamén presenta outra significación, posiblemente máis coñecida e con maior uso ca esta da que estamos a dar conta no presente artigo.

3. A expresión cagar fóra da pota, rexistrada oralmente na zona de Cuntis, chamoume moito a atención. Consultado o Dicionario de Dicionarios da lingua galega, vin que o profesor Constantino González, no seu Glosario de voces galegas de hoxe, recolle esta voz en diversos puntos de Galicia –e alén do seu significado, máis xeneralizado, de “olla”– e ademais da súa como “cazuela de barro o porcelana”.

Simplemente por elucubrar, pois non temos información fidedigna ó respecto: ¿será que nalgúns lugares recibía a denominación de pota o recipiente onde, por exemplo, unha persoa enferma que non puidese saír da casa facía os seus mandados?

4. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía en Sebil, 2”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 15, 2013, páxs. 441-462. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

- Cuns Lousa, Xulio: “Rabusco”. En Anuario Brigantino, 12, 1989, páxs. 259-287.

- Groba Bouza, Fernando: “Nas uñas, nas mans ou nos pés has saír a quen es”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 357-437. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

- Martínez Seixo [agora, Martíns], Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Real Academia Galega: Diccionario gallego-castellano, de entre 1913 e 1928. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Santamarina, Antón (dir.) / Ernesto González Seoane / María Álvarez de la Granja: Tesouro informatizado da lingua galega (TILG). (Versión 4.1). Santiago de Compostela. Instituto da Lingua Galega.

 

[Imaxe: Concello de Ribadeo - fonte: www.galiciaconfidencial.com]

domingo, 22 de março de 2020

“Por xunto” e “en groso”, equivalentes ó castelán “al por menor”


O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".


Por Xosé Antonio Pena
Malia que nos atopamos inmersos en días en que o prioritario dos nosos pensamentos e dos nosos sentidos se atopa en pasar canto máis axiña, e co menor dano posible, esta pandemia, imos tentar seguir coa presente sección coa esperanza de que sirva cando menos para desviar, inda que sexa só un pouquiño, a atención durante uns instantes. 
Así, e proseguindo coa senda que principiamos no anterior artigo, no que abordamos diversas formas existentes en galego para nos referirmos ó feito de comerciar en pequenas cantidades, imos tentar completar o círculo deste campo semántico tocando desta volta o modo en que aludimos ó feito de comerciar con xénero en grandes cantidades.
Al por mayor
{= En grandes cantidades, aplicado a xénero de comercio ou á súa comercialización.}
Por xunto
En groso
Ex.: Montó una empresa que vende al por mayor material de oficina.
Montou unha empresa que vende por xunto ‡ en groso material de oficina.
Ex.: Los mayoristas comercian al por mayor.
Os grosistas comercian por xunto ‡ en groso.
● Tamén, como formas máis residuais, tanto en castelán coma en galego:
(De) Por junto && En junto && En grueso && Por grueso
Ó gordo
NOTA:
As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Martínez Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.
- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).
- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.


[Imaxe: Mercadona -  fonte: www.galiciaconfidencial.com]

domingo, 15 de março de 2020

“Polo miúdo” e “ó retallo”, equivalentes ó castelán “al por menor”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".
 
Froita variada: caixa de mazás, caixa de cirolas e caixa de mangos nun mercado de Madrid.

Por Xosé Antonio Pena
Cando un individuo galegofalante de seu se refire ó xeito de comerciar con algún tipo de xénero en cantidades pequenas, o máis habitual é que empregue a locución *ó por menor, que non deixa de ser unha locución castelá á que se lle aplica un verniz de galeguidade mudando a contracción al pola correspondente galega ó.
Mais en galego temos expresións que fornecen exactamente o mesmo contido. Vexámolas:
Al por menor && Al menudeo
{= En cantidades pequenas, aplicado a xénero de comercio ou á súa comercialización.}
Polo miúdo
Ó retallo
A retallo
Ex.: Los minoristas son los que comercian con género al por menor.
Os retallistas son os que comercian con xénero polo miúdo ‡ con xénero ó retallo ‡ con xénero a retallo.
Ex.: En el mercadillo de Santa Comba se vende género al por menor.
Na feira de Santa Comba véndese xénero polo miúdo ‡ ó retallo ‡ a retallo.
● Mesmo tamén, como formas máis residuais:
Al detalle && Por menudo
A detallo
NOTA:
As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Álvarez de la Granja, María: “Glosario de locucións adverbiais do galego medieval”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 7, 2005, páxs. 13-40. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Carré Alvarellos, Leandro: Diccionario galego-castelán. De entre 1928 e 1931. Publicado por entregas en 1926. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Cuveiro Piñol, Juan: Diccionario gallego. Publicado en 1876. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Ferro Ruibal, Xesús: “Cadaquén fala coma quen é. Reflexións verbo da fraseoloxía enxebre”. Discurso de ingreso do profesor Ferro Ruibal na Real Academia Galega o 4 de maio de 1996.
- Filgueira Valverde, X. F. & Tobío Fernandes, L. & Magariños Negreira, A. & Cordal Carús, X.: Vocabulario popular castelán-galego. Publicado por entregas en 1926. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Franco Grande, Xosé Luís: Diccionario galego castelán e vocabulario castelán-galego (2ª edición). Publicado en 1972. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).


[Imaxe: Europa Press - fonte: www.galiciaconfidencial.com] 

domingo, 23 de fevereiro de 2020

“Regañando o(s) dente(s)”, equivalente, entre outras, ó castelán “a regañadientes”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas". 

O árbitro amoesta a un xogador
Por Xosé Antonio Pena Romay
Pómoslle desta volta o ramo á xeira principiada no artigo a rastro (en concreto, na segunda “acepción” que nel reflectimos) para dar conta das locucións e expresións que manifestan que unha acción se realiza (ou, en certos casos, se sofre) contra a propia vontade, desexo e/ou propósito, ou de xeito tal que implica unha sensación de incomodidade, desagrado e malestar.
A regañadientes
{= Con contrariedade de ánimo ou de espírito, ou contra a propia vontade, desexo e/ou propósito.}
Regañando o(s) dente(s) && Arregañando o(s) dente(s)
[E MAIS]:
De mala gana
De mal grado
Ex.: La cosa pintaba mal, pero al final el club acabó aceptando, aunque a regañadientes, el cambio de la fecha del partido.
A cousa pintaba mal, pero ó último o club acabou aceptando, inda que regañando o dente ‡ arregañando os dentes ‡ de mala gana ‡ de mal grado, a mudanza da data do partido.
● Tamén, máis ou menos axeitadas en función dos contextos:
A contragusto && Mal a gusto && A desgusto && A repelo && (Case) Á forza
● Mesmo tamén, gardando relación, basicamente asociadas a ámbitos de uso familiares e naqueles contextos en que se dá conta de que unha persoa vai ou acode a algún sitio ou onda alguén de mala gana:
Ir # Acudir [a algún sitio # onda alguén] coma o can á cadea # coma o can ás pedras # coma o can á tunda # coma o marrán á capa # coma a vaca ó matadoiro
Ex.: Aunque a regañadientes, al final lo acompañó.
Inda que regañando o dente ‡ arregañando os dentes ‡ de mala gana ‡ coma o can á cadea ‡ coma o can ás pedras ‡ coma o marrán á capa, finalmente acompañouno.
Ex.: Os aseguro que voy al balneario a regañadientes, pues preferiría ir con vosotros al fútbol, pero ya se sabe: en una relación de pareja a veces tiene que ceder uno y a veces ceder el otro, y esta vez me ha tocado a mí.
Asegúrovos que vou ó balneario regañando os dentes ‡ arregañando o dente ‡ coma o can á cadea ‡ coma o can ás pedras ‡ coma o can á tunda ‡ coma o marrán á capa, pois preferiría ir convosco ó fútbol, pero xa se sabe: nunha relación de parella ás veces ten que ceder un e ás veces o outro, e desta volta tocoume a min.
● E inda incluso, en contextos, e unicamente asociadas a ámbitos de uso formais e cultos:
Con renuencia && Con renitencia && Con reluctancia
Con renitencia && Con relutancia
Ex.: Los dos partidos de centro-izquierda aceptaron con renuencia los primeros recortes impuestos por Bruselas, pero ante la decisión de ampliarlos y agudizarlos han dicho basta.
Os dous partidos de centro-esquerda aceptaron con renitencia ‡ con relutancia os primeiros recortes impostos por Bruxelas, pero ante a decisión de amplialos e agudizalos acaban de dicir basta.
NOTAS:
1. Nótese que a voz capa da expresión ir # acudir [a algún sitio # onda alguén] coma o marrán á capa fai referencia á capadura, á acción de capar.
2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- García González, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe (1985). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Ferro Ruibal, Xesús: “Locucións e fórmulas comparativas ou elativas galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 8, 2006, páxs. 179-264. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Ferro Ruibal, Xesús: “Dentes e moas na fraseoloxía galega”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 12, 2010, páxs. 69-126. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “Hai cousas que parecen lousas. Unha nova achega á fraseoloxía do Cachafeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 211-247. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).
- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

[Imaxe: lfp.es - fonte:  www.galiciaconfidencial.com]



 

 


terça-feira, 26 de novembro de 2019

“Cabeza de bubela”, “cabeza choca” ou “cabeza de vento”, equivalentes, entre outras, ó castelán “cabeza de chorlito”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".
Páxaro, obra da fotógrafa www.suerainbow.es
 
Por Xosé Antonio Pena
 
Para facer referencia a unha persoa de carácter pouco serio ou formal, e que adoita amosar pouco tino ou sentido nos seus feitos e palabras, en castelán non é raro utilizar, entre outras locucións, as de cabeza de chorlito ou cabeza hueca. Polo que atinxe á nosa lingua, dispomos tamén dunha boa variedade de locucións e voces que dan conta dese mesmo significado, como imos ver a seguir:
 
Ser un cabeza de chorlito # cabeza hueca # cabeza a pájaros
{= Ser unha persoa de carácter pouco serio ou formal e que adoita amosar pouco tino ou sentido nos seus feitos e palabras.}
Ser un cabeza de bubela
Ser un cabeza choca
Ser un cabeza de vento
[E TAMÉN]:
Ser un cabeza no aire # cabeza de aire # puño de aire
Ex.: Al cabeza de chorlito del director, ni caso.
Ó cabeza de bubela do director ‡ cabeza choca do director ‡ cabeza de vento do director ‡ cabeza no aire do director ‡ cabeza de aire do director ‡ puño de aire do director, nin caso.
● Tamén:
Ser un cabeza de palla # un cabeza de can # un tantarantán que vai para Noia # un petanoaire # unha festa no aire && (Ser unha persoa que) A onde vai esquece
Ex.: Ó director, nin caso, que a onde vai esquece.
● Tamén, en bastantes contextos:
Ser un cabeza/cabecita loca && Ser un cabra loca
Ser un cabeza tola # un cabeza louca # un chaviña louca && Ser un cabra tola # cabra louca && Ser un fogo de palla
● Tamén:
Ser un tarambana # cascabel && [E MESMO, MÁIS OU MENOS AXEITADAS EN FUNCIÓN DOS CONTEXTOS]: Ser un chalado && Ser un insensato
Ser un trosco # tarabelo # tarambaina # badulaque # tiruleco # turuleque # toleirón # toleirán # tolambrón # mequetrefe && Ser un atolascado # aloucado # atolado # atoleirado && Ser un lolailo && Ser un rodapó && [E MESMO, MÁIS OU MENOS AXEITADAS EN FUNCIÓN DOS CONTEXTOS]: Ser un chalado && Ser un insensato && [E INDA INCLUSO, CON VOCES QUE HABITUALMENTE PRESENTAN OUTROS SIGNIFICADOS]: Ser unha torda # un paxareiro # un talabarte # un baldreo
● Tamén, en contextos, e nesta mesma liña:
No tener cordura
Non ter sentido (ningún) # xuízo (ningún) # siso (ningún) # senso (ningún) # leme (ningún) && Non ter entendemento (ningún) && Non ter cordura (ningunha) && Ter o sentido a compoñer && Andarlle o sentido/sentidiño polas silveiras && Andarlle o vento polas pólas
[E MAIS]:
Ter o sentido a compoñer && Andarlle o sentido/sentidiño polas silveiras && Andarlle o vento polas pólas
● Tamén, asociadas a ámbitos de uso coloquiais e familiares:
Ser un caganaverza # caganaverdura && Ter menos sentido ca unha cabra na paxara # ca unha cabra na cona # ca unha galiña no cu
NOTAS:
1. Como moitos dos lectores que seguen esta sección seguro que xa teñen percibido, o criterio que acostumamos adoptar á hora de reflectir o xénero gramatical de substantivos e locucións substantivas é o de facer constar simplemente o seu xénero non marcado (isto é, o masculino) naqueles casos en que os ditos substantivos ou locucións son susceptibles de presentar ambos os xéneros ou de ter referentes extralingüísticos de sexo masculino ou feminino.
Sen embargo, neste caso cómpre comentar que varias destas locucións cuxo núcleo é un substantivo feminino (coma tales, cabeza, chaviña ou cabra) poden presentar, inda tendo un referente extralingüístico de sexo masculino, o xénero gramatical feminino. Exs.: Xoán sempre foi un/unha cabeza de bubela ‡ un/unha chaviña louca ‡ un/unha cabra tola.
2. A voz rodapó, que está tirada con este significado da fonte “Parucadas: un ‘dialecto’ vivo nacido en Baiona”, tamén se rexistra en Palabras con memoria cun significado que presenta certa relación, como é o de “persoa que anda con chismes”.
3. Gardando unha moi estreita relación coa locución cabeza no aire, María Victoria Cerviño Ferrín tamén rexistra, no traballo “Fraseoloxía e paremioloxía de Sebil, 3” (Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 199-210. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades), a expresión xente do aire (=xente informal).
4. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Asociación de Escritores en Lingua Galega: Sección “Palabras con memoria”, á que se pode acceder a través de Internet no enderezo seguinte: https://www.aelg.gal/palabras-con-memoria.
- Barbeito Lorenzo, María Dolores: “Frases feitas do Concello das Neves”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 7, 2005, páxs. 293-301. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía en Sebil, 2”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 15, 2013, páxs. 441-462. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Ferro Ruibal, Xesús: “Cadaquén fala coma quen é. Reflexións verbo da fraseoloxía enxebre”. Discurso de ingreso do profesor Ferro Ruibal na Real Academia Galega o 4 de maio de 1996.
- García González, Constantino: Glosario de voces galegas (1985). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Goce Denis, Amparo: “Parucadas: un ‘dialecto’ vivo nacido en Baiona”. Bitácora no enderezo de Internet http://parucadas.blogspot.com/
- Graña Núñez, Xosé: Vacilacións, interferencias e outros “pecados” da lingua galega. Ir Indo Edicións, Vigo, 1993.
- Groba Bouza, Fernando: “Nas uñas, nas mans ou nos pés has saír a quen es”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 357-437. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Hermida Alonso, Anxos: “Fraseoloxía de Matamá (Vigo)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 283-304. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- López Taboada, Carme & Soto Arias, Mª Rosario: “Sete catas na orixe da fraseoloxía”. En Estudos de Lingüística Galega, 2, 2010, páxs. 221-233. Instituto da Lingua Galega.
- Losada Aldrey, M. Carmen & Cid Fernández, Alba & Fernández Carballido, Xurxo: Para dar trela. Manuel práctico de fraseoloxía galega. 2016, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Martínez Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.
- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “120 locucións verbais galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 12, 2010, páxs. 373-386. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Noriega Varela, Antonio: Como falan os brañegos. Ed. Nós, 1928, A Coruña.
- Pereda Álvarez, José María: Aportaciones léxicas y folklóricas al estudio de la lengua gallega. Publicado en 1953. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).
- Requeixo Cuba, Armando: “Sobre fraseoloxía galega: algunhas mostras da área mindoniense”. Cadernos de Lingua, 9, 1994, páxs. 89-110. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Valladares Núñez, Marcial: Diccionario castellano-gallego. Publicado en 1884. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.
 
 
[Fonte: www.galiciaconfidencial.com]