As irmás María Fernanda e Lorena Lores, con raíces familiares no Grove, fan parte da Compañía Teatral Galega de Bos Aires, que vén de estrear El Héroe, de Manuel Rivas, cun elenco de 10 actores e actrices e coa participación da Orquestra de Cámara da Federación de Asociacións Galegas da Arxentina.
Á esquerda, Gabriel Fernández e Lorena Lores. Á dereita, Sofi Peña, Angelina Napoli e Mavi Santoro, representando a obra.
Escrito por Patricia
Villarino
O vindeiro 10 de setembro baixará o pano no Teatro Empire de Bos Aires a obra El Héroe, da autoría de Manuel Rivas, adaptada pola Compañía Teatral Galega de
Bos Aires e convertida nun musical grazas á
participación en directo en cada función da Orquestra de Cámara da
Federación de Asociacións Galegas da Arxentina. A institución, con máis de 100 anos de historia ás súas
costas, vive un novo pulo grazas ao activismo de descendentes de galegos e
galegas na emigración, como Lorena e María Fernanda Lores, dúas irmás con
orixes familiares no Grove (O Salnés) que, como produtora e profesional das
artes plásticas a primeira e actriz e cantante a segunda, están a revitalizar a
cultura e as artes para "tender pontes” entre Galiza e Arxentina.
Na Federación de Asociacións
Galegas da Arxentina xa houbera unha primeira compañía de teatro, da que
fixeron parte Castelao, Maruxa Villanueva ou o ourensán Fernando Iglesias Sánchez Tacholas. Representaron Os vellos non deben de
namorarse na Arxentina, relata a Nós Diario Lorena Lores, filla de galegos, actriz, cantante e
activista e unha das promotoras do rexurdir do teatro dentro da Federación
xunto coa súa irmá María Fernanda. Coa axuda da Deputación da Coruña, a
compañía estreou o pasado 25 de xuño no Teatro Empire de Bos Aires El Héroe. “Estamos moi contentos
co éxito e a acollida do público”, afirma Lorena Lores.
A petición dela, Rivas
ofreceu a súa primeira obra de teatro, que data de 2006, para que a Compañía
Teatral Galega de Bos Aires a convertese nesta estrea. O italo-galego Leonardo Napoli e a propia Lorena Lores adaptaron a obra e a música para
convertela nun musical coa participación en directo en cada función de 20 integrantes da Orquestra de Cámara da Federación de Asociacións Galegas
da Arxentina, dirixida por Martín Pinola, coa inclusión como instrumento da gaita en varias pezas da
obra.
“Somos herdeiros da capacidade
de traballo mancomunado das galegas e dos galegos no exterior —destaca Lores—, unha epopea colectiva formada por 9
actores, 20 músicos e moitos técnicos de escena”. Mentres rematan a estrea en Bos
Aires e agardan poder vir á Galiza a presentar a súa obra, están seleccionados
en varias categorías dos máis prestixiosos galardóns teatrais na Arxentina, os
Premios Hugo Mirón.
![]() |
Gabriel Fernández e Lorena Lores
O heroe de Sidi Ifni
Sobre as táboas do Teatro
Empire de Bos Aires, María Fernanda Lores recreou a escenografía e o vestiario
que ambientan a obra de Manuel Rivas, unha vila pesqueira galega a mediados dos
anos 70 na que o heroe é Arturo Piñeiro, coñecido polos alcumes de Robinson ou Caronte,
lexionario na guerra de Sidi Ifni, a descoñecida “Guerra dos cen días” que
o réxime de Franco ocultou á opinión pública logo de perdela. Lorena Lores
interpreta Lucía, a parella sentimental e soporte vital de Caronte. En escena,
esta personaxe é “a memoria viva a que refresca a memoria, as secuelas do
vivido”, explica a actriz.
Logo de perder a guerra de
Sidi Ifni, Caronte volve ao seu pobo, pero só atopa o esquecemento e o silencio
da ditadura de Franco ao seu redor. Naquela contenda, ocultada
polo franquismo, faleceron 300 soldados e outros 500 resultaron feridos,
pero todo foi agochado na que está considerada xa como a "guerra secreta”.
Os superviventes, de volta na casa, sufriron a chamada “pena de Marte”, e tamén
Caronte na obra de Rivas. A súa parella Lucía é “a que contén o seu estrés”,
explica a actriz Lorena Lores. "Facemos na obra moito fincapé
niso porque só se contan os mortos, non as vidas rotas e o sufrimento ao
decatarse de que loitaron para un ditador”, salienta a este xornal.
A obra de Rivas na Arxentina
—estreada na Galiza por Sarabela Teatro en Ourense logo da súa
publicación no ano 2006— está “adaptada ao público arxentino", sinala
Lores, e comeza cunha voz en off que “conta a guerra de Sidi
Ifni, da que pouco se coñece” e que no caso da Arxentina ten, segundo
Lores, “unha crítica e un claro paralelismo coa guerra das Malvinas”. A
modo de resumo, subliña que “o tirano fai unha guerra, perde e tapa todo”.
No ano 2001 Lorena Lores veu vivir á Galiza. Daquela
estaba traballando nun musical, pero chegou a crise económica á Arxentina. “O
primeiro que cae é a arte, así que fun para Galiza e vivín moitos anos alí até
que meu pai enfermou e tiven que volver á Arxentina”, relata. Da súa
experiencia artística nas dúas beiras do Atlántico destaca agora que “as pontes
son importantes a nivel cultural e de xustiza, enriquécennos mutuamente",
pois "Galiza
é moito máis que as súas fronteiras, somos galegos expandidos”,
afirma.
Desde a Federación de Asociacións Galegas da
Arxentina, Lores destaca que “impulsamos a única causa que hai contra os crimes
do franquismo, a que leva adiante a xuíza María Servini —xuíza federal da
nación Arxentina, a cargo do Xulgado Federal Criminal e Correccional número 1
de Bos Aires— e que segue avanzando porque estamos moi ben organizados, hai
testemuñas... pero a xustiza española mete todo nun caixón”.
Unha
avoa que chegou de polisón axudada por Eva Perón
Lorena e María
Fernanda Lores —tamén o seu irmán Maximiliano— naceron en Bos Aires, pero teñen
moi presente a súa historia familiar. “A nosa familia é do Grove por parte de
pai e de nai. A miña avoa, Manuela Rodríguez Moldes, foi a Vigo a
despedir unha curmá ao porto que marchaba en barco a Bos Aires, e ao final
acabou viaxando de polisón”, di Lorena. Do periplo da súa avoa destaca que
“mandou un telegrama á casa desde as Illas Canarias, chegou a Bos Aires e pasou
a estar presa no hotel de inmigrantes porque non tiña papeis”. A avoa das
Lores era nai solteira “nunha época difícil” e marchou do Grove para Vigo, onde
coñeceu o seu avó, "que non era o biolóxico pero os dous tiveron que
fuxir, ela de polisón e el escapou cun pasaporte falso.de Euskadi porque tamén
ían matalo. Non podía reclamala”, relata Lorena Lores a este
xornal.
A súa avoa escribiu
entón a Eva Perón unha carta apelando á súa sona de “abandeirada dos pobres”.
"A resposta foi mandala buscar, fíxolle o documento e deixouna saír”,
lembra. Así foi como acabou tamén na Arxentina a nai das irmáns Lores: “Evita
contestaba a todos os que reclamaban algo. Se non fose por ela eu non nacería,
porque o meu pai e a miña nai coñecéronse despois na colectividade galega”.
[Imaxes: Nacho Lunadei -
fonte: www.nosdiario.gal]


Sem comentários:
Enviar um comentário