domingo, 6 de setembro de 2026

Dorothé Schubarth, a musicóloga suíza que se converteu nunha figura chave na recuperación da tradición oral da Galiza

Hai tres anos, o 6 de setembro de 2023, falecía no hospital de Basilea aos 79 anos de idade Dorothé Schubarth, a musicóloga suíza que percorreu as aldeas da Galiza recollendo a raíz da música galega, deixando, xunto con Antón Santamarina, unha obra que aínda a día de hoxe é considerada a biblia da lírica de tradición oral galega.

Dorothé Schubarth (á dereita) coa informante Esclavitude na Grela, Parada, Ordes. 

Escrito por Alba Regueiro 

6 de setembro de 2023 falecía no hospital de Basilea aos 79 anos de idade Dorothé Schubarth, a musicóloga suíza que chegou a Galiza nunha viaxe vacacional en 1978 e se converteu nunha figura chave na recuperación das cantigas da tradición oral galega.  A breve viaxe que tiña pensada Dorothé Schubarth pasou a ser unha longa estadía no país na que percorreu as aldeas e vilas da Galiza recollendo a raíz da música galega.  

Nunha entrevista concedida a Sermos Galiza en 2019, Dorothé Schubarth asegurou que “podes ir a todos os sitios, o feito importante é quedar”. Na mesma, explicou que “cheguei a Galiza de vacacións, pero fiquei porque me resultou moi interesante, máis que outras rexións. Por iso estou aquí. Ademais, atopei o apoio e a axuda de xente como Antón Santamarina, iso fai moito”.

·         Dorothé Schubarth coñece o lingüística, catedrático de Filoloxía Románica da USC e membro da Real Academia Galega (RAG) Antón Santamarina ao anotarse nos cursos de lingua galega que organizaba a Universidade de Santiago de Compostela. Xuntos emprenderon unha compilación sistemática de cántigas que deu lugar en 1984 á publicación do Cancioneiro popular galego, que aínda a día de hoxe é considerado a biblia da lírica de tradición oral galega, sendo o máis amplo repertorio da música galega de tradición oral. 

O propio Santamarina explicou nunha conversa da Asociación de Músicos ao Vivo con Dorothé Schubarth en 2017 que a coñeceu “no 78, apareceu por aquí, estabamos facendo un curso de verán de reciclaxe de mestres de galego. Tiña dificultades co galego e matriculouse. A partir de aí xa empezamos a tratarnos máis. Ela traía cantigas recollidas e eu boteille unha man. Pareceume interesante, vin que estaba moi interesada en estudar a tradición galega, e non había moito feito nese eido”.

Os sete volumes do Cancioneiro popular galego (CPG) publícanse entre 1984 e 1995. Asínaos Schubarth conxuntamente con Santamarina, encargado de revisar as transcricións, ordenar os tomos das letras e achegar compilacións previas. Será en 1987 cando os últimos tomos se completen, xa con Dorothé de volta en Basilea. 

Dorothé Schubarth deixou ao país un legado indescritíbel: gravacións únicas da lírica tradicional oral da Galiza. Na súa longa viaxe polo país, destacou por afondar nas raíces do cancioneiro da Galiza outorgando no seu traballo un especial e protagonista ás informantes, póndolles voz e nome e sacándoas do anonimato. Nas súas recollidas, que desenvolve entre 1978 e 1983, destaca a proximidade de Dorothé Schubarth coas informantes, unha virtude que lle permitiu coñecer perto de 2.000 melodías nun cento de concellos. Moitas destas melodías pódense consultar na actualidade no Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego.  

O traballo de campo de Dorothé Schubarth foi completado por Olaia Tubío Alejandro Gándara, que a comezos de 2018 decidiron seguir a pegada da musicóloga na Galiza e sacar á luz a súa face máis persoal a través das informantes. Algunhas das historias que Dorothé Schubarth viviu nas aldeas do país foron contadas no documental Dorothé na vila polas mulleres e homes que un día lle abriron a porta a aquela moza que ía na procura da raíz da música galega.

 

[Imaxe: Museo do Pobo Galego. APOI - fonte: www.nosdiario.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário