Cando a partir do século XVI o galego desapareceu como lingua instrumental de toda a documentación escrita, unha parte importante dos apelidos foi traducidaao español. Foi “unha política lingüística de facto tendente á asimilación”.
Reprodución das normas escolares de 1543 que impoñen castigos físicos contra o uso da lingua propia.
Escrito por Xesús M. Piñeiro
Os apelidos de hoxe orixináronse pola necesidade de identificar e distinguir as persoas, como explica o Instituto da Lingua Galega na súa Cartografía dos apelidos de Galiza (CAG). E para iso utilizáronse sobrenomes, patronímicos ou designativos de lugar, que só se comezaron a facer hereditarios na Galiza desde finais da Idade Media. Todos os apelidos e nomes da Galiza son posteriores á romanización e non hai ningunha forma nova desde 1870. Nese ano implántase o rexistro civil e fíxanse os sobrenomes galegos.
Neste sentido, o galego como idioma instrumental foi desprazado na escrita desde principios do século XVI. Unha das consecuencias, como ten recordado a filóloga e membro da Real Academia Galega (RAG) Ana Boullón, foi que os nomes propios, tanto os dos lugares coma os das persoas, comezaron a ser modificados.
No caso dos apelidos, que xa eranhereditarios, sufriuse un proceso de deturpación que lles afectou de modo desigual. Temos apelidos galegos case en extinción e a súa forma 'castelanizada' gozando dunha boa saúde. Aí están exemplos como os poucos máis de 200 Outeiro e máis de 42.000 Otero; ou que non se chegue aos 1.000 Martíns e haxa 113.000 Martínez; en 2011 ficaban tres Eanes e había máis de 7.000 Yáñez, a súa 'deturpación' castelanizada.
“Cando a partir do século XVI o galego desapareceu como
lingua instrumental de toda a documentación escrita, unha parte importante
dos apelidos foi traducida e outra parte sufriu interferencia fonética ou
morfolóxica do castelán”, sinala esta profesora da USC en 'Todos os nomes: identidade, pobo, país', o seu discurso de
ingreso na Real Academia Galega (RAG).
Esa castelanización forzosa, explica, tivo como consecuencia que, a día de hoxe, no corpus dos apelidos da Galiza se contabilice “unha porcentaxe importante de formas españolas (un 19%) e híbridas (7%)”. A magnitude porcentual da presenza foránea, apunta Boullón, non se pode atribuír a vagas inmigratorias procedentes de Castela, posto que, amais de ser Galiza país de emigración, as porcentaxes doutras linguas nos apelidos na Galiza son moito menores (2% os vascos, 4% os cataláns, por exemplo); agardaríase que o compoñente español fose semellante (ou un pouco maior) e a desproporción explícase só por ese proceso forzoso de tradución.
“Esta situación (o cambio obrigado de apelidos) tense dado non só en Galicia, senón en diferentes épocas e lugares, e denomínase colonialismo onomástico (‘onomastic colonialism’, en Walkowiak 2016) ou onomástica política (‘political onomastics’, en Alia 2007)”, explícase no discurso de entrada na RAG.
Foi, indica, “unha política lingüística de facto (pois non parece que houbese directrices codificadas oficialmente), tendente á asimilación, que afectou o corpus de moi diversas formas”.
[Foto: Arquivo Histórico
Diocesano de Tui / 'O libro negro da lingua galega' - fonte: www.nosdiario.gal]

Sem comentários:
Enviar um comentário