Mostrar mensagens com a etiqueta Como dicilo?. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Como dicilo?. Mostrar todas as mensagens

quinta-feira, 18 de abril de 2019

Como dicilo? Extremo e fin (pondo o ramo)


Rematando, logo, esta serie de Como dicilo? que xenerosamente acolleu Sermos Galiza, falaremos hoxe moi rapidisimamente das extremidades (brazos e mans, pernas e pés) e o seu reflexo na fraseoloxía.
 
 
Por Henrique Harguindey

A locución a brazo aberto significa ‘con toda a forza’ e a poder de brazos ven sendo ‘a base de esforzo físico’. Tamén falar polos cóbados ( como en español hablar por los codos e en portugués falar pelos cotovelos) indica falar moito e son frases equivalentes dela falar polas orellas, falar os sete falares ou falar por sete.
Levar un brazo inmobilizado, pendente do ombreiro ou do pescozo (o español en cabestrillo) é para nós levar un brazo á estribeira ou traer un brazo ao colo. En relación con isto sinalaremos que por terras do Morrazo, cando unha muller se vía nesa circunstancia recibía a pregunta: Tiveche un mociño? Seica se supuña que podía ser o efecto de levalo no colo.
A man daría para ducias de palabras e locucións que as forman. Ás veces o mecanismo é patente, podendo nós atopar as palabras separadas ou unidas : unha man chea/unha manchea, a man tenta/a mantenta, ter man/ termar.  A metonimia unha man/unha manada indica un cantidade imprecisa, en principio cinco como os dedos, podendo anunciar máis, e un mangado é a cantidade que cabe nunha man. O tintimán é o tempero, o correcto funcionamento dun aparato, ou do pulso dunha persoa (e de aí que dicimos collerlle/saberlle, etc. o tintimán (o que en español se chama el tranquillo). A man ven sendo ‘perto ou de acceso doado’ e o seu contrario é a trasmán (cadrar a man/a trasmán). Un/unha man aberta é unha persoa moi xenerosa ou que deixa escapar o diñeiro, que non ten man dos cartos.
A locución estar man sobre man significa estar a persoa ociosa, non traballar e gañar pola man caracteriza a situación de alguén adiantarse, coller a iniciativa antes doutra persoa que contaba realizar unha acción.
A frase exclamativa En boas mans está o pandeiro !  ten habitualmente un uso negativo, non de felicitación senón de queixa, e é moi expresiva cunha man diante e outra detrás para caracterizar a pobreza, é dicir en nudez total e tapando as «vergoñas». E a tan elocuente cunha man chea de nada e outra de cousa ningunha non precisa explicación.
As pernas son familiarmente chamadas as canelas (por unha metáfora que as considera como canas tesas e finas, como caniñas, can-elas) e de alí ven a locución en canelas, é dicir coas pernas núas, ao aire. E falamos da barriga da perna (tamén en portugués) ou o papo da perna, ou aínda da mazán da perna para nos referirmos á parte carnosa traseira situada entre o xeonllo e o tornecelo.
Apuntemos un consello que pode ser útil : A perna doente no leito, a man doente no peito.
E finalmente, imos co pé. Aínda que non tantas como coa man, habería expresións en abundancia como a propia de a dar co pé, é dicir ‘en cantidade’, o que tamén coloquialmente dicimos a patadas. Seguiriamos con locucións como  a pé feito‘ intencionadamente’, ou a pé quedo ‘sen se mover nadiña’, ou polo seu pé ‘polos seus propios medios, sen axuda’. Habería que agrupar unha serie de frases que indican ‘camiñar ou proceder con moito coidado, moi cautelosamente’ como andar con pés de lan/con pés de manteiga/con pés de ferro, andar como a galiña cos ovos, andar a pisar ovos, andar nos bicos dos pés, cos pés no aire, etc. E rematariamos con frases feitas como meter os pés polas mans  ‘enganarse moito, cometer un groso erro’  (o que coloquialmente tamén se di en galegoportugués meter a pata) e que probablemente procede de constatar un exceso de precipitación ao vestirse e facelo de xeito disparatado.
Unha locución adverbial moi utilizada tradicionalmente en galego é ao pé de para indicar proximidade, quer no espazo, no tempo ou na cantidade (Haberá ao pé de dous quilómetros /Chegou ao pé das doce /Costoulle ao pé de doucentos euros).
Remataremos esta serie como nos gusta facelo en cada artigo, cunha fermosa cantiga popular.
Daremos  antes, de novo, o noso agradecemento explícito a Sermos Galiza que tan imprescindíbel é para a continuidade da nosa lingua, e que nos acolleu durante dous anos. E ás lectoras e lectores que seguiron con paciencia estas suxestións e con certeza han seguir amosando a súa preocupación polo emprego dun galego de calidade; en moitos e ben útiles traballos de especialistas han topar seguro proveito.
 Ven moi a xeito, pois, esta cantiga :
            Teño eu unha filliña,
            lista como un allo é;
            inda me non ten un ano
            e xa anda polo pé.
E se recibe o agarimo da lingua ha falar galego. E do bo !

[Fonte: www.sermosgaliza.gal]

domingo, 24 de março de 2019

Como dicilo? Colo



Por HENRIQUE HARGUINDEY

Preguntáballe un día a un seu colega unha pediatra nicaraguana temporalmente en Galiza : "Que es lo que las madres les dan aquí tanto de comer a sus hijos ? Que es eso de colo ?  Porque claro –me dicen ellas- el niño me pide colo, no quiere más que colo, y yo… le doy colo!". A benquerida e valente Mirna levou unha boa sorpresa ao saber o que era.
Efectivamente, colo é unha palabra moi definitoria da nosa relación materno-filial e aos galegos e galegas tráenos un arreguizo de bicos e agarimos. É unha das nosa palabras máis características. Tan nosa se foi facendo que excluiu, na práctica, entre a poboación  de orixe galega (mesmo se fala castelán) o vocábulo regazo. Moitas persoas hanse sorprender ao saberen que estoutra palabra é tan galegoportuguesa como española.
Colo –que tamén existe con este sentido en portugués- é definido polo dicionario en liña da Academia Galega como :        
1 Especie de asento, á altura do peito, formado polas mans e os brazos, ou ben entre a cintura e os xeonllos, cando se está sentado.
Colle o neno no colo.
O neno ía, no autobús, sentado no colo da nai.
SINÓNIMO regazo
2 Parte do corpo que une a cabeza co tronco.
Inflamóuselle o colo á vaca de tanto rozarlle o xugo.
OBSERVACIÓNS: Esta acepción primaria foi practicamente desprazada pola forma pescozo, particularmente tratándose de persoas, mentres colo se especializou na acepción anterior.
Engadamos nós que a acepción orixinal da palabra é a segunda, e que a primeira é unha derivación dela. Reparemos –para nos decatarmos  ben- en que habitualmente un pequerrechiño ou pequerrechiña (un neno/nena de colo), para se sentir en seguridade, bota o brazo ao pescozo, ao colo da súa nai ou da persoa que o leva.
Continuemos co dicionario da RAG:
3 Por extensión. Parte de certas pezas de vestir que rodea o pescozo.
O colo da camisa.
4 Por extensión. Parte máis estreita dalgúns órganos ou recipientes.
O colo dunha botella.
SINÓNIMO gorxa CONFRÓNTESE vinca
O colo do útero.
Dos distintos significados de colo derivan as palabras colar (‘peza de adorno, de protección ou de amarre de persoas e animais que rodea o pescozo’, ’zona das pezas de roupa que rodea o pescozo’ e tamén denominación galega equivalente do castelán solapa), colete (‘peza de vestir sen mangas que se pon xeralmente por riba da camisa’), coleiro (‘cesto alto, moi utilizado na vendima, que se carga rente ao pescozo’) e mais coligada (‘golpe dado no pescozo coa man’).
Debemos sinalar un par de locucións relacionadas: darlle colo a unha botella (ou recipiente similar) é inclinala deixando pasar ben o aire para permitir a saída do líquido;  dicir alguén algo para o seu colete é falar consigo mesmo (en castelán decir para sus adentros, para su fuero interno)
E en vez do españolismo colleja (derivado de cuello) utilicemos coligada (equivalente exacto noso) ou outros sinónimos : calugada, gulifada, pescozada ou pescozón, este último termo tan galego como portugués ou español.
            Mais no remate é obrigado lembrarmos de novo o aloumiño da nai :
 
            Durme, meu roliño, durme,
            durme, durme, meu rolo,
            e cando despertes dime
            se hai berce como o colo





[Fonte: www.sermosgaliza.gal]

sábado, 16 de março de 2019

Como dicilo? Cabeza


Iniciamos hoxe -cando imos pondo remate a esta serie de artigos en Sermos- un rápidísimo e pequeniño percorrido do corpo humano no que á fraseoloxía se refire. Comezamos, loxicamente, pola cabeza ou testa, da que xa temos falado algo.
cabeza testa
Por HENRIQUE HARGUINDEY
Enriba da testa adoita haber pelo e, en sentido figurado, cando é moi abondoso pódese dicir dunha persoa que ten moita tella. Naturalmente, un pelo é unha cousa miudiña, e de aí que cando faltou moi pouquiño para se realizar algo, dicimos que faltou un pelo (ou un peliño) para que acontecese. Claro que tamén podemos querer dicir –ironicamente- o contrario cando exclamamos Por un peliño de a metro !
Tamén é bulreira a afirmación de que a alguén lle chove na cabeza (ou que lle chove dentro) cando insinuamos que non lle funciona ben.
Distintas locucións caracterizan a expresión da cara : ter cara de ferreiro (‘de poucos amigos’), cara de can (‘hostil’), cara de pau (‘seria’), cara de lúa chea (‘redonda e cordial’), ter cara de leite fervido/ ser un caralavada (‘ser un desvergoñado’, en español caradura), etc. E un dito asegura dunha persoa que a cara llo dá, é dicir que os seus trazos faciais informan de como ela é. Cousa que a realidade non confirma.
Lembremos que a locución española de cara (‘gratis, de balde’) é en galego de moca.
Tamén temos sinalado xa expresións referentes aos ollos. Sinalamos aquí botar lume polos ollos (equivalente ao castelán echar chispas), varrérselle a un a vista (‘marearse, desmaiarse’), que tamén pode ser varrérselle o sentido / a memoria e mesmo o mundo, chorar a fío / ás cuncas / os sete chorares (‘chorar seguido, abundantemente’), e –chegando xa ao nariz- pingar o moco, forma paródica de dicir chorar moito.
A boca é unha das fontes máis ricas da fraseoloxía galega e universal  (cousa que non se diría, en vendo os poucos exemplos que aquí traemos); unha importante motivación é o seu papel no comer e outra –a maior aínda- no falar. Á fala refírense dicir coa lingua pequena (‘falar para un mesmo ou sen que se saiba moito’) e o seu contrario dicir a boca chea. Dicir algo de boca para fóra é só para aparentar, sen crer realmente no que se di, ser un boca podre ou un bocalán dise de alguén que emprega unha linguaxe mal considerada pola colectividade e andar na boca da xente, na boca do mundo ou na boca de todos é ser moi criticado socialmente.
Na boca temos a lingua (denominada ás veces coa expresión de a sen oso), e cando alguén fala de máis ou o que non debía dise que bota a lingua a pacer. Tamén falar moito é expresivamente darlle ao badal, en lembranza do son dos sinos ou campás, e máis darlle ao tarabelo, que nos remite a algo que dá voltas sen parar.
Na boca, chantados nas enxivas, están os dentes. Claro que non sempre estarán, pois cos anos van caendo, xusto no momento en que á persoa se lle fai difícil traballar para sobrevivir. De aí este consello que ven da noite dos tempos : cómpre aforrar para a mantenza futura, hai que gañalo cos dentes para comelo coas enxivas.
E coidadiño, que os cantos dos beizos non son cancións senón recantos, comisuras, igual que as dos ollos !
Para expresarmos que estamos fartos de algo ou de alguén dicimos que estamos até as orellas (en español hasta la coronilla), locución que tamén pode constatar un simple estado de saturación, de encherse ao completo. Neste segundo suposto tendemos mellor a empregar cheo até os cumios (o pincho do tellado) en frase equivalente ao español lleno hasta la bandera/hasta los topes. E falando do máis alto sinalaremos a locución estar no peneiriño, no máis alto da atención pública, no foco da actualidade, equivalente ao español estar en el candelero; traer unha persoa no peneiriño sería colmala de atención (como o español en palmitas)
Rematando co nariz -do que ben pouco falamos- reproduciremos uns versos que un día improvisou festivamente Eduardo Pondal :
Cando Eduardo Pondal
a unha ventana se asoma,
sal narís, narís, narís,
e a cara de alí a unha hora.
Igual o bardo bergantiñán tiña na mente unha cantiga popular que di :
Eu petei á túa porta
e no mesmo punto e hora
saíume narís, narís,
e a cara de alí a unha hora.
Teñamos sempre bo humor !


[Fonte: www.sermosgaliza.gal]

quarta-feira, 13 de março de 2019

Como dicilo? «Tanto e máis»



Por Henrique Harguindey 



Citabamos en artigos pasados (Xan e Pedro, Como como) algúns exemplos de frases feitas nos que nunha comparanza a relación era de igualdade. Lembrabamos, por exemplo, tan bo é Xan coma o seu irmán (e variantes) e mais comparacións do tipo calado como un peto ou tremer como unha vara verde.
Podiamos tamén agora engadir outras sobre o mesmo modelo :
      
Tan bo é o demo como a súa nai
Tan honrado é o caldo como as castañas
A primeira das frases –negativa para a nai do demo- vese, con todo, contradicida ás veces polo seu comportamento nalgúns contos populares. É ela a miúdo quen acocha e protexe os cativos e cativas en perigo e os libra do seu fillo. Despois de todo, unha nai é sempre unha nai  e axuda a fillos alleos que o precisen.
As comparanzas de superioridade adoitan a se construír co verbo ser ou co verbo ter :
 Ser máis parvo que feito de encarga
Ser máis coñecido que a ruda
Ser máis festeiro que unha gaita
Ser máis falso que unha mula
Ser máis forte que unha noz ferreña
 Ser máis negro que as ás do corvo
Ser máis vello que andar a pé
Ser máis longo que un día sen pan
Ter máis anos que un carballo vello
Ter máis cravos que unha porta vella
A  conto de encarga, ímonos deter un pouquiño na chamada  «derivación regresiva ». Consiste esta na creación de palabras, de substantivos, a partir de verbos para denominarmos a acción indicada por eses verbos, mais en vez de agrandarmos a palabra (como cos sufixos –ión, -ento, -ura, etc.) facemos o substantivo máis corto que o infinitivo : así de encargar> encarga, de pechar< peche, de traballar> traballo, etc.
En galego é moi frecuente a derivación deste tipo formando femininos en –a como na locución que nos deu pé. Case todos proceden de verbos en –ar : de falar unha fala, de achegar unha achega, de sachar unha sacha, de conversar unha conversa, de estrear unha estrea, de regar unha rega, de mallar unha malla, de obrigar unha obriga, de fretar unha freta, de rapar unha rapa, de mercar, unha merca, de salgar unha salga, de fartar unha farta, de  secar unha seca, de labrar unha labra, e tantos outros. É pouco frecuente en verbos en –er (de perder unha perda, de vender unha venda, de render unha renda, de escoller unha escolla…) e moi raro en verbos en –ir (de subir unha suba).  
Manteñamos sempre a fala, o diálogo, a comunicación, compañeira da solidariedade e do benquerer como recolle esta cantiga :
            Dáme da pera que comes !
            Da mazán un bocadiño !
            Da túa boca unha fala !
            Do corazón un cariño !

[Fonte: www.sermosgaliza.gal]

domingo, 3 de março de 2019

Como dicilo? «Como como»

Se dicimos Ese rapaz é un pimpín, engánano todos estamos facendo unha metáfora. Se dicimos A ese rapaz engánano todos como a un pimpín estamos facendo unha comparanza, unha comparación.


Hai xente que anda como a galiña cos ovos  



Por HENRIQUE HARGUINDEY 

A vella distinción escolar diferencia entre estes dous tipos de atribución a unha persoa ou cousa de cualidades ou comportamentos que non lle son propios. No primeiro caso —a metáfora—  facémolo afirmándoo rotundamente (aínda que de xeito figurado), sen matizarmos nada. Por exemplo, na coñecida frase O home é un lobo para o home. No segundo —a comparanza—  introducimos un pequeno matiz mediante algunha palabra que expresa que a semellanza (de igual, de máis ou de menos) non é real senón aparente. Así poderíamos dicir Ese rapaz come como un lobo. Como se fose, é dicir non o é aínda que o pareza.
Todas as linguas teñen un amplísimo fondo de comparanzas tradicionais e a miúdo coinciden estas en moitos idiomas. A proximidade cultural,  as formas de vida común e o medio natural e social compartido propician ese troco. E, naturalmente, hai comparanzas universais, pois sénteas e enténdeas o conxunto dos seres humanos; así cando dicimos ser como o día e a noite, ser doce como o mel ou correr como un lóstrego.
Ao longo destes artigos de Como dicilo? no Sermos fomos xa aludindo a distintas comparacións (alegre como un pandeiro/unha gaita, contento como un cuco, comer como un pitiño, ir como un reiciño nun cesto, durmir como unha pedra, ser como mallar en ferro frío, etc.).
Imos engadir algunhas outras.
De primeiras, as referidas a adxectivos (e que se construirían co verbo ser ou estar) :
amargo como a xesta
bravo como un toxo
bo como o pan de comer
calado como un peto
duro como un croio
firme como un penedo
forte como un buxo
frío como a xeada
mollado como un pito
pobre como as arañas
torto como un fouciño
vello como os camiños
Outros referidos a diferentes accións verbais :
correr como o sapo pola cinza
andar como a galiña cos ovos
medrar como o leite no lume
sangrar como un carneiro
saír facendo "fúu" como o gato
darse como cogumelos
tremer como unha vara verde
quedarse como un paxariño
andar como a faba na ola
Naturalmente, a comparanza pode ser irónica, retranqueira, e así a temos en amiguiños como o can e o gato ou en parecerse como un ovo a unha castaña. E tamén podemos remitirno a un personaxe (real ou imaxinario) como cando dicimos de alguén que fai como o mestre Cirola, que non sabe ler e xa pon escola.
    
Despidámonos, logo, cunha comparanza:
    Os teus ollos, queridiña,
    non son pequenos nin grandes :
    son como cunchas vieiras
    que andan nas costas de Rande.
Pois seica medianeiros tampouco non son.


[Fonte: www.sermosgaliza.gal]

segunda-feira, 11 de fevereiro de 2019

Como dicilo? Gorxa



Por HENRIQUE HARGUINDEY 


Tan instalada está entre nós a palabra, que a maioría das persoas se sorprende ao saber que é de orixe francesa. Pois si: gorxa ‘garganta’ procede do francés gorge, de onde pasou a outras linguas románicas como o catalán e o galegoportugués ou o español (que aínda a conserva en derivados como gorjeo ‘rechouchío’). En galego prendeu ben e ancorouse na fala até hoxe. Non por iso é menos galega a palabra garganta, documentada xa na nosa escrita medieval en tanto que gorja apareceu en portugués só no século XVI.
A gorxa ou garganta é a parte anterior do pescozo oposta á columna vertebral, aínda que tamén nos poidamos referir coa palabra á parte interna, particularmente á farinxe e á larinxe. Debemos lembrar que os alimentos e o aire da respiración pasan pola nosa boca á farinxe, e, despois —abrindo ou pechando a canle—a epiglote envía o aire para os pulmóns pola larinxe e a tráquea e os alimentos e bebidas ao estómago polo esófago.
No galego popular é moi frecuente utilizar a denominación en plural, as gorxas (por exemplo, Colleuno polas gorxas e case o afoga), o que concorda co feito de os dous últimos condutos que acabamos de sinalar —a tráquea e o esófago— recibiren denominacións populares moi expresivas: gorxa do aire, gorxa do alento ou gorxa do vento a tráquea, e mais gorxa da comida o esófago. E, cando, por un mal reflexo da epiglote, a comida ou o líquido colle unha canle equivocada, sentimos un afogo que nos fai tusir para non nos esganarmos. E dicimos que foi pola gorxa pequena (sería esta a larinxe), pola outra gorxa, pola gorxa do aire, etc. Por certo, é curiosa a denominación que a gorxa do alento recibe por terras de Ribeira e que me pasa Fidel Vidal: o tubo da risa.
Realmente, cando falamos de gorxa do aire (e variantes) ou de gorxa da comida non estamos empregando unha locución idiomática senón unha denominación co seu significado literal, aínda que de rexistro popular fronte a un rexistro científico (tráquea e mais esófago). Caso diferente é cando algunha das palabras que forman a expresión —ou a expresión toda ela— adquire un significado novo, figurado, metafórico; por exemplo, cando dicimos de alguén que é un cabeza de vento ou cando dicimos que ten pouca cabeza, ou que é unha chaviña louca.
A esas persoas inmaduras, das que dicimos que lles falta unha cocedura ou unha fervura, chamámolas á prudencia, a seren precavidas exhortándoas a gardar das risas para as choras, é dicir, a pensar que non sempre todo vai ser boandanza e que poden vir tempos duros para os que cómpre estar preparados.
Estas advertencias claras, maiormente se se fan cunha certa severidade, podemos denominalas, remitindo a un xogo de cartas, cantar as corenta, e en español existen locucións como llamarle al pan” pan” y al vino “vino”, cantar cuatro verdades, cantar cuatro frescas, etc. Nós, en galego, temos locucións como chamarlle ao gancho “cousa torta” ou cantar/ dicir as do barqueiro.
A locución derradeira ten a súa orixe nun coñecido conto popular protagonizado polo raposo. Ten el que pasar un río e, como non conta cos cartos que o barqueiro lle pide, promete pagar contándolle as tres verdades do barqueiro. Ao comezar a travesía cóntalle a primeira (Hai quen di que o luar é coma o día, pero eu digo que non, porque mellor vese de día), de mediada dille a segunda (A xeada, hai quen di que é coma a auga, pero eu digo que non, porque a xeada come os froitos, e a auga, ao contrario, dáos), e despois de saltar á terra bérralle, bulreiro, a terceira das verdades (Ai, compañeiro, se todos che fan coma min, non che fai falta bulsa para o diñeiro!).
A dura verdade: estás pintando o parvo.
Despidámonos volvendo á alegría e aos rechouchíos da cantiga popular con esta que transcribimos tal e como a recolleu na Limia Xaquín Lourenzo:
Canta tu, gorxa de sílgaro,
que a do melro xa cantou;
o cantar é alegría,
eu sempre a cantar estou.



[Fonte: www.sermosgaliza.gal]