Mostrar mensagens com a etiqueta Galego. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Galego. Mostrar todas as mensagens

segunda-feira, 19 de outubro de 2026

Estudar galego nunha universidade alemá. O caso do Centro de Estudos Galegos de Kiel

 

Instalacións da Universidade de Kiel, en Alemaña. Imaxe: CAU

Escrito por María Xosé Porteiro

As estatísticas oficiais apuntan a que se fala galego nunha vintena de países: Arxentina, con 750.000 falantes, e con menor intensidade Alemaña, Austria, Brasil, Croacia, Cuba, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Hungría, India, Irlanda, Italia, Polonia, Portugal, Reino Unido, Rusia, Suíza, Uruguai e resto do Estado español. Pódese estudar lingua e cultura galegas nos Centros de Estudos Galegos (CEG) en máis de corenta universidades estranxeiras onde se afonda no coñecemento da nosa cultura mediante investigacións e a súa difusión internacional. 

Os CEG dependen da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta e traballan como departamentos dotados de lectorado especializado en filoloxía galega. Esta posibilidade favorece o coñecemento da nosa cultura e dá valor a súa referencia como lingua de prestixio, tanto desde a perspectiva histórica coma cultural. 

Neste sentido, é notable a oferta de cursos específicos e viaxes de estudo para coñecer o noso país como o organizado pola universidade de Kiel (Alemaña) onde existe desde hai 19 anos un Centro de Estudos Galegos adscrito ao Seminario de Linguas Románicas. Co seu director e recoñecido catedrático de lingüística románica, Elmar Eggert, acompañados polo Dr. Facundo Reyna-Muniain, un grupo de estudantes de galego visitou recentemente Galicia.

Elmar Eggert en Vigo 


Eggert é unha autoridade internacional no eido da lingüística como experto en linguas románicas: francés, español, portugués, e agora tamén galego. Falamos con el durante esta visita do alumnado de Kiel ao Museo do Mar de Vigo para afondar nas ligazóns literarias da cidade. O seu enclave histórico e paisaxístico dá título ao Capítulo VIII:  La baie de Vigo, da obra de Julio Verne, Vingt mille lieues sous les mers. No museo pode verse o artefacto ideado polo industrial vigués Antonio Sanjurjo Badía que inspirou o submariño citado na novela. Ese mesmo mar aparece no poemario De catro a catro, do poeta da Xeración do 27 Manoel Antonio, ou nas Cantigas de amigo na Idade Media.

Maria Xosé Porteiro: Como comezou a súa relación coas linguas románicas?

Elmar Eggert: En 1994 pasei un ano en Francia onde me examinei de Lettre moderne e desde aquela o francés é para min unha lingua moi querida e familiar, fermosa pola súa estética, na que me sinto moi cómodo. A fonética do francés é atractiva e aprendela na etapa da mocidade foi estimulante.

MXP: Logo dese primeiro e fondo contacto cunha lingua romance estudou outras.

EE: Si, e iso motivou a miña elección de ser lingüista. Non me dedico a ensinar gramática e facer traducións; a miña tarefa é dar a coñecer o funcionamento dunha lingua, o uso dos tempos verbais, historia, sociolingüística, pragmática e outros aspectos. Para que os alumnos poden chegar a ser profesores teñen que afondar nestes coñecementos.

 

MXP: A lingua diferencia ao ser humano de calquera outra especie animal. Tamén provoca un interese filosófico?

EE: Si, a antropoloxía lingüística está na base dunha lingua. Tamén a sintaxe, a gramática, o léxico ou a semántica. Pero para dominala hai que falala, practicala, coñecer a súa historia e as tradicións discursivas, practicar o seu uso, deterse nas tradicións e, con ese coñecemento, crear algo novo. Trátase de entender como funciona esa lingua, a relación entre o pensamento e a linguaxe, por que se escolle un determinado xeito para dicir algo dunha maneira e non doutra, saber si é un acto non reflexivo no que inciden criterios sociais, pragmáticos ou políticos... Hai moitos elementos que descifrar no complexo xeito co que funciona a linguaxe, ver como reaccionan os falantes con tantas variantes posibles e como se fai a escolla. É moi interesante achegarse un pouco máis á complexidade das linguas e á potencialidade que ofrecen.

MXP: O francés foi a súa primeira escolla, máis despois foron o portugués e o español. A que lle dá máis importancia, ao coñecemento teórico ou a práctica?

EE: Á combinación de ambas cousas. Explico o que é a lingua na práctica máis tamén nos textos de documentos históricos, nos vídeos, porque alén de rexistrar o funcionamento dun sistema, para o alumnado é importante saber por que funciona de determinado xeito e preguntarse sobre a realidade lingüística cun enfoque un pouco diferente onde a temática pode ir máis sobre a Historia. Na lingüística hai varias correntes como a gramática xenerativa. Outras apóianse en estruturas para deseñar árbores sintácticos, pero a linguaxe é sempre algo cultural, histórico, social. Non é unha maquinaria que funciona dunha determinada maneira pois sempre serán os falantes quen deciden como falar, que falar, por que facelo, e non podemos prescindir dese contexto.

Museo do mar de Vigo. Submarino que inspirou a Jules Verne


MXP: Semella que agora xa non sexa imprescindible aprender un idioma para andar polo mundo.

EE: É que unha cousa é falar e outra comunicarse. Trátase de lograr un entendemento onde a transición sexa algo máis. Sempre hai connotacións, aspectos da identidade e o respecto que supón coñecer os matices dun idioma. Ensinamos a amar, a facer nosa unha lingua sexa cal sexa o nivel que se teña. É un pacto de respecto, de intercambio, entre o falante e unha lingua.

MXP: Implica estar aberto a outras culturas, opinións, xeitos de vida, respecto da diversidade...?

EE: Implica amar ao outro de xeito diferente, pero primeiro hai que recoñecer o que non se coñece e querer saber por que algo é de determinada maneira, ter curiosidade, estar aberto, axudar ao alumnado a amar e descubrir outros mundos, facernos preguntas. É unha maneira científica de ver as cousas, non só como obxecto senón na práctica diaria. É estarmos atentos ao outro. Nesta viaxe cos estudantes reiterabámoslles que observasen como se usa a lingua na rúa porque non é inocente saber as razóns polas que se fai de determinada maneira

 

MXP: Profesor, véxoo coma un navegante.

EE: Interésame a Historia porque acompaña á hora de achegarnos a outra lingua, e coñecer os países é importante. Para o portugués fixen varios cursos e tiven unha beca para estudar en Lisboa cunha profesora como alumno único. Aprendín moito, fixemos excursións, coñecín mellor aquela cultura. Foi moi intenso e gustei moito desa lingua que me introduciu no mundo da lusofonía movéndome a estudar tamén a variedade brasileira.

MXP: E como chega ao galego?

EE: Foi unha transición desde o portugués a través do meu colega, Javier Gómez Montero, que fora director do Centro de Estudos Galegos de Kiel. Cando se xubilou preguntoume se sabendo eu portugués podería encargarme do estudo do galego. Aceptei coa condición de facer un achegamento máis fondo. Niso estou desde hai ano e medio, galeguizándome cada vez máis. A miña comunicación cos nosos profesores é en portugués, español, francés, e agora tamén en galego, pasando todo o tempo dunha lingua a outra. Xeralmente é difícil máis cando se fai habitual, non tanto. Eu non coñecía a totalidade da expansión do galego e resultoume moi útil a tese de Facundo Muniaín sobre a diáspora e a experiencia dos Centros Galegos que ofrecen estudos da lingua en Cuba, Arxentina, Holanda, Bélxica ou Australia.

Elmar Eggert e María Xosé Porteiro en Vigo


MXP: Que demanda hai na Universidade de Kiel para a aprendizaxe do galego?

EE: Os nosos estudantes teñen a obriga de aprender, alén do español, outra lingua románica como mínimo e facer estudos cando menos de dous cursos de Filoloxía Hispánica para chegar ao nivel 2 desa outra lingua. Para nós esa comparativa é moi importante. No primeiro ano, introdúcense nos estudos de Filoloxía Románica comparada para ver o conxunto deste ámbito cultural. Logo teñen que facer unha escolla na que o galego é unha opción. Tivemos de 15 a 20 alumnos nun primeiro curso de galego e queremos máis, pero iso require moita presencia, moita enerxía -sobre todo nos primeiros momentos-. Non podemos impoñelo pero si mostralo, participar en excursións coma esta... Por iso un Centro de Estudos Galegos é importante, pero precisa dun lectorado activo.

MXP: Que lle está a supoñer a experiencia que está a vivir coa lingua galega?

EE: Confirma a necesidade e a importancia de penetrar a fondo nunha cultura para coñecer ben a súa lingua: exactamente o que pretendíamos nesta viaxe porque non se sabe moito sobre Galicia na Alemaña. Coñécese o Camiño de Santiago, mais non se relaciona coa lingua nin co país.

 

[Imaxes da autora, agás onde se indica o contrario - fonte: www.praza.gal]

 




quarta-feira, 14 de outubro de 2026

A Mesa denuncia que o plan da lingua da Xunta afonda no retroceso para o idioma: «Un paso máis para eliminar a oficialidade do galego».

A Mesa pola Normalización Lingüística considera que o Plan de Acción para a Lingua Galega aprobado pola Xunta non garante o dereito ao uso do idioma e dá continuidade, ao seu xuízo, ás políticas lingüísticas aplicadas polo PP desde 2009. O seu presidente, Marcos Maceira, cuestionou que o documento manteña as limitacións ao galego no ensino e convocou unha concentración para esta cuarta feira fronte ao Parlamento.

Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística nunha imaxe de arquivo. 

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, criticou esta terza feira o Plan de Acción para a Lingua Galega debatido no Parlamento e asegurou que o documento supón, ao xuízo da entidade, “un paso máis” na política do PP de “eliminar paulatinamente a oficialidade do galego”. Maceira cuestionou que o plan sitúe o foco na promoción do idioma sen incorporar, segundo denunciou, garantías para o seu uso efectivo. “Non hai solución á emerxencia lingüística sen garantías de uso e oferta”, afirmou. 

O presidente da Mesa vencellou o documento coas políticas lingüísticas impulsadas pola Xunta desde 2009 e citou entre elas as reformas da lei de emprego público, a exclusión do galego na lei de intelixencia artificial, o abandono do idioma como lingua exclusiva da TVG e o rexeitamento á súa oficialidade na Unión Europea.  

Tamén criticou a proposta de modificación do Decreto 79/2010, ao considerar que permitirá que os centros educativos decidan en que ámbitos se limita o uso do galego. Segundo Maceira, a oficialidade dunha lingua implica contar con “todas as garantías legais” para o seu uso e dispoñibilidade.

A Mesa considera ademais que o plan non incorpora novas garantías xurídicas para o galego e cuestiona que a Xunta manteña normas que, segundo a entidade, “exclúen ou limitan” o idioma. Neste sentido, Maceira afirmou que o documento fixa como obxectivo manter a prohibición do galego en entre un 30% e un 70% das materias.

Coincidindo coa votación das resolucións relativas ao plan, A Mesa convocou para este mércores 7 de outubro, ás 11.00 horas, unha concentración diante do Parlamento galego para protestar contra o que considera un “intento de eliminar os acordos en relación á lingua” por parte do Goberno galego.


[Fonte: www.nosdiario.gal]


terça-feira, 6 de outubro de 2026

Miguelanxo Prado: «Non tiña ningunha fe en que a obra realmente fose funcionar»

O autor de «Trazo de xiz» reflexiona sobre o éxito dunha novela gráfica que non acusa o paso do tempo e mudou o xeito de entender o cómic 

Ou historietista Miguelanxo Prado (A Coruña, 1958). 

Escrito por David Cofán 

«Debeu ser o libro que máis usaron os homes para demostrarlle ás súas parellas que aquilo de ler cómics non era só unha cousa de rapaces e xente inmadura», chancea Miguelanxo Prado. El é o responsable de que Trazo de xiz, a banda deseñada que marcou un antes e un despois non so na súa traxectoria como debuxante, senón na historia do cómic europeo contemporáneo, celebre máis de tres decenios nos andeis das librarías e entre as mans dos lectores co fulgor do primeiro día. 

—Vista a excelente acollida da obra, non pensou en facer unha continuación da historia?

—Como cheguei tarde ao cómic, non tiña as mañas de guionista. Antes de empezar unha obra escribo un guión literario que excede con moito o que despois queda no libro. Nese proceso desaparecen moitas cousas, pero a historia non muda. Aínda que houbo propostas de darlle unha continuación, pareceume que sería unha traizón ao espírito da historia. 

—«Trazo de xiz» aborda o complicadas que son relacións humanas. A temática axuda a que a obra siga vixente?

—Son cousas que non podes planificar. Unha das cousas que fixeron que perdurase é que non hai elementos con data de caducidade. Non hai cidade, nin coches nin obxectos cos que sentir que pasa o tempo. A nivel visual é unha obra atemporal e en canto á temática non existen problemas políticos nin sociais, só un de comunicación entre uns poucos personaxes nun espazo limitado como é unha illa. O lector trinta anos despois pode empatizar coas situacións que se dan. Os sentimentos que están en xogo son moi perdurables. 

—Foi un traballo que rachou coa concepción que se tiña da banda deseñada nos anos 90. Custoulle que o aceptaran?

—Naquel momento era unha idea de bombeiro desde o punto de vista editorial. O 98 % dos lectores eran homes e primaban moito a acción e as aventuras trepidantes. Os acabados de chegar tentabamos cambiar as cousas e eu estaba decidido a facer o que me apetecía. É certo que naquel momento estaba nunha posición cómoda porque xa levara un premio en Angulema e os meus libros se estaban editando polo mundo, pero asumía que posiblemente fose o último cómic que ía facer nesa liña. Ningún editor foi nin minimamente entusiasta. 

—Queda claro que pagou a pena arriscarse.

—Agora quedaría moi ben dicilo [ri], pero en ningún momento tiven esa sensación. Quería facer esa historia, mais non tiña ningunha fe en que o libro realmente funcionase. Asumía que o seguinte tería que ser máis comercial. Ademais, cando saíu primeiro por entregas en revistas non espertou entusiasmo. Era unha historia pensada para ser lida en libro, non funcionaba mes a mes, capítulo a capítulo. Unha vez se editou como novela gráfica chegaron os premios e todos cambiaron de opinión. A única limitación era que, apostando por este tipo de historias, nunca ía ser un bestseller, pero para a miña fortuna converteuse nun longseller. As miñas obras seguen estando nas librarías, reimprimíndose e reeditándose. Teño un número de lectores máis ou menos fieis que me permite seguir facendo as historias que quero contar. 

—Canto tempo lle levou crear «Trazo de xiz»?

—Botei uns tres anos entre a escritura do guión, a planificación e pintar e debuxar as páxinas da historia. Nunca conseguín publicar un libro en menos de dous anos, porque eu fágoo todo. E aínda que son rápido debuxando, leva moito tempo. 

—A pesar de que a obra se publicou en 1993, non foi ata o 2012 cando saíu á luz a primeira edición en galego.

—A edición galega foi unha materia pendente durante moitos anos. Houbo un momento en que os meus libros estaban traducidos a 14 ou 15 idiomas e non publicados en galego, que é a lingua na que eu escribo todos os textos inicialmente. A miña escrita do guión é en galego. Tardei moito en ver as miñas obras en galego, era algo difícil de asimilar. Afortunadamente agora teño absolutamente todo publicado en galego. 

—Ten algún proxecto entre mans?

—Teño, pero non sairá en breve. O guión leva rematado desde hai case un ano, pero por diferentes circunstancias foise complicando. Un 75 % desta historia foi escrita en aeroportos e habitacións de hotel. Foi un proceso accidentado e deixeino repousar un tempo. Agora estou comezando a preparar a seguinte etapa. Como mínimo serán dous anos a partir de aquí, é dicir, estará para finais do 2028. 

—Máis aló dos logros profesionais, que lle achegou «Trazo de xiz» a nivel persoal?

—É innegable que o agarimo dos lectores reforza o ego, pero o máis importante para min é sentir que os enfoques cos que cheguei non estaban desencamiñados. Eu non era un gran coñecedor do mundo do cómic, o 90 % do que levaba na mochila eran influencias da pintura, da novela, do cine... En Trazo de xiz foi a primeira vez que decidín usar de forma clara e directa esas influencias. Cando facía as cousas doutro xeito era unha impostura.  

 

[Imaxe: ANGEL MANSO - fonte: www.lavozdegalicia.es]

 

sábado, 3 de outubro de 2026

A Mesa convoca unha concentración contra o Plan lingüístico do PP baixo o lema “non prohibades o galego”

A Mesa pola Normalización Lingüística convoca a concentrarse o vindeiro mércores, 7 de outubro, diante do Parlamento de Galiza contra “o intento de eliminar os acordos sociais en relación á lingua” por parte do actual goberno da Xunta. 


O presidente da entidade en defensa da lingua, Marcos Maceira, denuncia que “o Plan que se vai votar no Parlamento galego non é unha revisión do actual, senón unha regresión nacida da chantaxe que quixo impor o PP e que ten como único punto de aplicación real manter a prohibición de galego no ensino, a través de porcentaxes máximas de uso, e descargando a responsabilidade de facelo nos claustros dos centros educativos”. Neste sentido, A Mesa lamenta que o PSdG-PSOE cedese á chantaxe do PP e espera que rectifique e regrese á posición de compromiso co PXNLG que mantivo desde 2004. 

Maceira recorda que a Xunta anuncia a aprobación do seu Plan da lingua, documento sen valor xurídico e sen posibilidade de emenda no Parlamento, unha semana despois do rexistro da Iniciativa Lexislativa Popular Lingua Vital por parte da plataforma Queremos Galego. “Esa ILP é a única proposta con accións efectivas comprometen e obrigan á Xunta e aos poderes públicos”, afirma Maceira. Tamén lamenta que o PP actúa “como se a Xunta non tivese capacidade de mudar as normas que exclúen o galego ou como se non fose, directamente, a responsable da súa creación e aprobación”. “Aluden a fomentar o galego dentro dun marco normativo creado por eles mesmos no que o galego nin se nomea”, remata.

 

[Fonte: www.amesa.gal]


quarta-feira, 23 de setembro de 2026

O dicionario castelán-galego da RAG

 


Escrito por L. C. Carballal 

Acaba de se pór na Rede a nova versión do Dicionario bilingüe castelán-galego da RAG (DRAGBIL), que xa non era sen tempo. Como seguea se demorar a ”gramática oficial do galego”, cando xa tódalas demais linguas españolas contan con unha, mesmo linguas sen status de oficialidade como o asturiano ou o aragonés. 

Sinto ser un estragafestas, mais a iniciativa, en principio boa, chega con grandes carencias a pouco que examinemos o dicionario. Que esta nova versión do anterior dicionario bilíngüe castelán-galego chegue aos 26.000 lemas cando o anterior, en formato libro, tiña 25.000 di moito ou máis ben moi pouco do traballo feito, dado que a anterior versión se publicou no 2004: en máis de vinte anos unicamente engadiron mil lemas máis! Pro as carencias non só numéricas, senón tamén do tratamento lexicográfico das propias entradas. 

Comprobemos con algúns exemplos as insuficiencias do novo dicionario:

Tomamos catro palabras sinónimas ou case do dicionario da RAE (DLE): antinatural, contranatural, desnatural e innatural, destas só unha existe no dicionario da RAG: contranatural, pola contra, as catro si figuran no dicionario Estraviz: antinatural, contranatural, desnatural e inatural; se queremos ver a súa tradución no DRAGBIL unicamente podemos en antinatural e contranatural, as únicas que figuran e resulta sorprendente que neste dicionario se acepte “antinatural” como palabra galega, cando non se recolle no dicionario xeral da RAG, así mesmo no Rinodicionario castelán-galego hai tradución pra antinatural e contranatural, mais tampouco pra desnatural nin innatural, adxectivos perfeitamente válidos na lingua portuguesa, onde, por certo, “desnatural” non é unha verba en desuso coma en castelán. 

Queremos traducir un texto que nos fala das cinco especies de álcidos que se presentan máis comunmente nas nosas costas, en castelán: alca común, arao aliblanco, arao común, frailecillo atlántico e mérgulo atlántico; cuxas denominacións galegas son segundo a listaxe dos ”Nomes galegos das aves de Galicia e de España” (NGAGE) da RAG: arao carolo, arao de ás/alas brancas, arao dos cons, arao papagaio e araíño atlántico; e ao consultarmos o DRAGBIL obtemos estes resultados paupérrimos resultados: alca – ø, arao – ø, frailecillo – arao e mérgulo – ø; claro que se consultamos o DRAG a palabra “arao” non acharemos ningunha distinción de especies, aínda que na entrada “carolo” encontramos a descrición da Alca torda na súa acepción 11. No Rinodicionario achamos estes: alca común – arao romeiro, arao – ø, frailecillo atlántico – arao papagaio / arao de altura e mérgulo – ø. E temos que recorrer ao dicionario Estraviz pra atoparmos as varias denominacións pras cinco especies consultando as voces: arau, airo ou papagaio-do-mar, mais isto esixe ter coñecemento destes nomes galego-portugueses. Resúltame penoso comprobar a total descoordinación entre os diferentes dicionarios e vocabulario da propia RAG, pois nada máis sinxelo que incorporar a listaxe cos nomes das aves en galego tanto ao dicionario xeral coma ao bilíngüe. 

Buscamos a tradución de “habitación” nas acepcións de “parte tabicada dunha vivenda fóra das destinadas a cociña, baño e corredor” e nos dá: cuarto, peza e estancia; e na de “parte dunha casa pra durmir” e dá: cuarto e dormitorio. Nesta última acepción o dicionario da RAG ofrece tres sinónimos máis: alcoba, apousento e cámara. Se os buscamos por alcoba, aposento e cámara no dicionario bilíngüe aparecen as tres palabras, así: alcoba – alcoba e dormitorio; aposento – apousento, alcoba, cuarto e dormitorio; e cámara – cámara; pro non en “dormitorio” que só ofrece dormitorio e cuarto. Os sinónimos deben selo en calquera dos lemas. 

O verbo “ulir” só é sinónimo de “cheirar” en dúas acepcións, segundo o DRAG: “percibir olor” e “despedir olor”, no resto das acepcións unicamente “cheirar” é admitido; mais no DRAGBIL amplíase a sinonimia de “ulir” con “cheirar” a “dar indicio de algo”, algo non recollido no DRAG. 

O lema “callejero” tradúcese por “rueiro” e “ruador”, mais a primeira palabra como adxectivo non se recolle no DRAG, que a recolle como substantivo con tres acepcións ben diferentes, e a segunda non aparece no DRAG. Curiosamente “rueiro” si aparece no dicionario Estraviz como adxectivo e “ruador”, só aparece no Dicionario de Dicionarios co significado de “(persoa) amiga de andar de festas e ruadas”, xunto co seu sinónimo “ruadeiro”. 

Na entrada “polvo” achamos a expresión “echar un polvo” traducida como: botar un foguete, fochicar, foder. Poderíase ampliar os sinónimos con: ”botar un canivete, botar/dar un ferrete”, ambos recollidos no dicionario Estraviz e pouco sospeitosos de lusismos, dado que non figuran como tais no dicionario portugués Priberam. Curiosamente non aparece o lema “follar”, aínda que si “joder”. 

O lema “teta” tradúcese por “teta, mama, peito, seo”, mais falta “chucha”, forma familiar recollida no DRAG, que tamén ten as acepcións de “galiña” e “beixo”, ambas si incluídas nos seus lemas respectivos: “gallina” e “beso” polo DRAGBIL. 

No DRAG a entrada “maior” ofrece dous sinónimos na súa primeira acepción: meirande e mor, mais no lema de “mayor” do DRAGBIL só aparecen como traducións: maior e meirande. Noutros lemas como “agua” a variante considerada menos recomendábel polo DRAG aparece entre comiñas angulares simples “˂agua˃” trala máis recomendábel “auga”, así tamén sucede con outras traducións: rubio > louro, ˂loiro˃; alambre > arame, ˂aramio˃; avispa > avespa, avéspora, nespra, ˂vespa˃; cerrar > cerrar, ˂zarrar˃; color > cor, ˂color˃; condenar > condenar, ˂condanar˃; cuchara > culler, ˂cullar˃; decir > dicir, ˂decer˃; dolor > dor, ˂dolor˃ etc. 

Noutros casos onde aparecen ao menos dous sinónimos posíbeis como tradución ao lema castelán, soamente o primeiro é usado nos exemplos de uso, así: aire > aire, ar; bodega > bodega, adega; cabra > cabra, godalla, xena; cangrejo > cangrexo, caranguexo; enfermo > enfermo, doente; oír > oír, ouvir; palacio > palacio, pazo; pestaña > pestana, perfeba; presupuesto > presuposto, orzamento; roca > roca, rocha (no DRAG a entrada “roca” remite a “rocha” como forma preferente); ventana > ventá, fiestra, xanela etc. Dando preferencia de uso por posición e emprego nos exemplos á palabra coincidente ou máis próxima do lema castelán, na maioría dos casos, axudandodestarte á desaparición do noso léxico diferencial. 

A fraseoloxía tampouco é excesiva, se se compara a incluída en cada lema coa que aparece no outro dicionario bilíngüe, o Rinodicionario Castelán-Galego, por exemplos nas entradas de palabras moi comúns: acabar, caballo, casa, cerdo, dar, gato, haber, hablar, hierba, hombre, ir, mano, mujer, perro, puerta, ver, venir etc., a diferenza cunha meirande cantidade de unidades pluriverbais está sempre a prol do Rinodicionario.  

Obviamente dado que o número de lemas do dicionario non é moi extenso hai unha importante chea de palabras que non inclúe. Por exemplo, dentro do eido da zooloxía non están as traducións de mamíferos como: gibón, bonobo, babuino, tití, facóquero, okapi, glotón, onagro, capibara, suricata, ocelote, caracal, jerbo, dingo, dugongo, civeta, pecarí, orix, saiga, leming, meloncillo etc.; aves como: barnacla, pigargo, curruca, elanio, porrón (parrulo), lagópodo, paíño, pardela, ibis, busardo, focha, charrán, chova, escribano (paxaro), sisón etc.; ou réptiles como: geco, varano, gavial etc. A conclusión é que semella que non colaborou ningún zoólogo na elaboración do dicionario e, o que é pior, descoñecen a existencia dos Nomes galegos das aves de Galicia e España, elaborados pola propia RAG. 

Tamén se coaron algunhas traducións entre dubidosas e incorrectas: bajel – barco (esquecendo que no DRAG existe a entrada “vaixel”); casona – pazo (non cadra mellor “casa grande”, termo recollido no DRAG); chaleco – chaleco (sen incluír o sinónimo “colete” que figura no DRAG); cotorra – papagaio (mais é “catorra” a palabra do NGAGE); colimbo – colimbo, movella (denominado “mobella” no NGAGE e “colimbo” ser un innecesario castelanismo); becada – galiñola, galiña de río, pita de auga, pita de río (sendo “arcea” no NGAGE e no DRAG porque confunden Scolopax rusticola con Gallinula chloropus!); jaca (2º acepción) – sen tradución (mais existe “faco” no DRAG con significado semellante); palabrota – palabra groseira (isto é máis unha definición ca unha tradución, que sería “bocalada”, termo incluído no DRAG); musgo – mofo, carriza (mais “musgo” tamén é palabra recoñecida no DRAG) etc. 

E, xaora, hai as inevitábeis grallas –palabra esta non recoñecida polo DRAG–: cubo > caldeiro* no canto de cubo (2ª acepción); oler (6º acepción) > ulir (Ex.): Estas flores ulen*(olen) moi ben; mate (infusión) > mate (Ex): O mate bébese moito nos países sudamericanos (cando a tradución de “sudamericano” é “suramericano”); arce > (Ex.): En* Canadá/No Canadá é moi típico o xarope de pradairo (no DRAG na entrada “canadense” vese que o topónimo Canadá debe ir precedido polo artigo). 

Concluíndo, o DRAGBIL non só chega tarde, inda que mellor tarde ca nunca, senón que chega incompleto, pobre e cheo de fallos. Esperemos que co tempo se vaian corrixindo, mais polo momento cabe recomendar o dicionario Estraviz prá consulta de léxico galego e o Rinodicionario castelán-galego como axuda na tradución do castelán ao galego, porque están patetentemente por riba dos seus homólogos da RAG: DRAG (60.000 lemas) vs Dicionario Estraviz (>151.000 entradas) e DRAGBIL (26.000 lemas) vs Rinodicionario castelán-galego (>32.000 entradas). 

Non obstante, benvido sexa se grazas ao seu uso deixo de ver castelanismos aberrantes que hai tempo que deberon desaparecer dos textos galegos, tal que a confusión de xéneros nas palabras comúns ou moi parecidas: o* armazón, o* calor, o* carruaxe, a* dote, a* labor, a* mar, o* suor, a* ubre etc.; as pseudotraducións como: cortiza (= es. corcho) por casca/codia, muxir (= es. ordeñar) por bruar/bradar, divinidade por divindade, lealtade por lealdade, pobo (poboación pequena) por vila/aldea, pregue por prego, elexir por elixir, sinceiro por sincero, virxinidade por virxindade etc.; as locucións copiadas: a cegas > ás cegas, a man > á man, a présa > á présa, enfronte de > en fronte de; e castelanismos plenos como: borde, costar e coste, cruce, cubo (recipiente), frotar, galpón (por pendello), ir a + inf., pinchar e pincho (por picar e pico), rato (de tempo), roce, sobornar (por subornar), trepar (por gabear), ventanal etc. E tamén os usos correctos do adxectivo “grande/gran” e do adxectivo “ambos/ambas”; das perífrases “volver + inf.” e “ir + inf.”; a distinguir os substantivos “grao” e “grado”, e “serea” e “sirena”, e o substantivo “vixilante” e o adxectivo “vixiante” etc. Porque causa vergoña allea ver tantos erros léxicos, morfosintácticos ou ortográficos nos textos galegos, que xa deberan estar completamente superados. 

 

[Imaxe: RAG - fonte: www.praza.gal]

quarta-feira, 9 de setembro de 2026

O galego deixa de impartirse en Londres após 35 anos: a CIG-Ensino acusa a Consellaría e o Ministerio de "eludir" as súas responsabilidades

O Instituto Español Vicente Cañada Blanch inicia o curso 2026-2027 sen clases de Lingua e Literatura Galegas malia o compromiso da Consellaría de Educación a garantir unha solución transitoria que asegurase a continuidade do proxecto en vindeiros cursos.

Fachada exterior do Instituto Español Vicente Cañada Blanch en Portobello Road, Londres, Reino Unido. 

A CIG-Ensino responsabiliza a Xunta da Galiza e o Goberno do Estado de que por primeira vez en máis de tres décadas o Instituto Español Vicente Cañada Blanch de Londres comece o curso sen ofrecer ao seu alumnado a materia de Lingua e Literatura Galegas como optativa. 

Desde os anos 90 o galego facía parte da oferta académica do Cañada Blanch, un centro depende do Ministerio de Educación, quen mantiña un convenio de colaboración coa Xunta da Galiza, lembra o sindicato, que acusa ambas as dúas administracións de non cumprir coas súas responsabilidades.

Segundo informa nun comunicado dirixido aos medios, o subsecretario de Educación, Santiago Roura, confirmou á central nacionalista que o Ministerio decidiu "por problemas con intervención" non renovar este convenio. O Goberno galego comprometeuse entón a asumir só durante o curso 2026-2027 o salario dunha persoa docente e o complemento de estranxeiría que até entón sufragaba o Ministerio se finalmente, despois, este garantía de novo a continuidade do programa nos vindeiros cursos. 

Neste sentido, a Xunta anunciou o paso mes de agosto que acadara este compromiso co Ministerio e que se manterían as clases de maneira transitoria durante o presente curso ao tempo que se adiaba para o vindeiro a convocatoria dunha praza docente para ser cuberta de forma definitiva. "Todo isto nun contexto no que 40% do alumnado matriculado na ESO, arredor de 40 estudantes tiñan formalizada a matrícula nesta materia", precisa a CIG-Ensino.

Porén, censura agora, "aínda que a Consellaría de Educación convocara en xuño de 2025 a praza para o curso 2025-2026, cun nomeamento que podía renovarse anualmente até un máximo de cinco anos, a realidade é que non se fixo efectiva a súa continuidade máis alá do primeiro ano" e, dado que no actual tampouco se vai ofertar, a CIG-Ensino aventura que "desaparecerán as clases de galego pola falta de compromiso de ambos gobernos".

"Desleixo" da Xunta

O sindicato aféalle especialmente á Xunta que noutros conflitos que mantén co Goberno do Estado, como o das persoas auxiliares de conversa estranxeiras, si busque unha solución e anuncie un programa galego propio. "Semella que a nosa lingua non merece o mesmo trato, tendo en conta que se trata dunha única praza docente".

A CIG-Ensino lamenta que "se perda un dos principais espazos de ensino e de divulgación da nosa lingua entre a comunidade galega do Reino Unido", que lle viña outorgando un "indiscutíbel prestixio". "É innegábel a perda de competencia e uso do noso idioma entre a poboación escolar e este é, polo tanto, outro dos efectos colaterais da falta de vontade política da Administración galega en prol do galego".

A central nacionalista sinala o desinterese por parte do Ministerio, do que di agardar "pouco", e castiga indiferenza da Xunta, da que "polo que se ve, non podemos agardar máis". "Isto demostra que a súa política lingüística é mera propaganda e cando se trata de feitos o galego é segundo prato", afirma.

Con todo, a CIG-Ensino esixe que se resolva a situación nomeando transitoriamente unha persoa docente sufragada, ben sexa pola Administración española ou pola galega, e convocando a praza para futuros cursos coa maior axilidade posíbel.

 

 [Foto: Jason Enright - fonte: www.nosdiario.gal ]

domingo, 6 de setembro de 2026

Dorothé Schubarth, a musicóloga suíza que se converteu nunha figura chave na recuperación da tradición oral da Galiza

Hai tres anos, o 6 de setembro de 2023, falecía no hospital de Basilea aos 79 anos de idade Dorothé Schubarth, a musicóloga suíza que percorreu as aldeas da Galiza recollendo a raíz da música galega, deixando, xunto con Antón Santamarina, unha obra que aínda a día de hoxe é considerada a biblia da lírica de tradición oral galega.

Dorothé Schubarth (á dereita) coa informante Esclavitude na Grela, Parada, Ordes. 

Escrito por Alba Regueiro 

O 6 de setembro de 2023 falecía no hospital de Basilea aos 79 anos de idade Dorothé Schubarth, a musicóloga suíza que chegou a Galiza nunha viaxe vacacional en 1978 e se converteu nunha figura chave na recuperación das cantigas da tradición oral galega.  A breve viaxe que tiña pensada Dorothé Schubarth pasou a ser unha longa estadía no país na que percorreu as aldeas e vilas da Galiza recollendo a raíz da música galega.  

Nunha entrevista concedida a Sermos Galiza en 2019, Dorothé Schubarth asegurou que “podes ir a todos os sitios, o feito importante é quedar”. Na mesma, explicou que “cheguei a Galiza de vacacións, pero fiquei porque me resultou moi interesante, máis que outras rexións. Por iso estou aquí. Ademais, atopei o apoio e a axuda de xente como Antón Santamarina, iso fai moito”.

·         Dorothé Schubarth coñece o lingüística, catedrático de Filoloxía Románica da USC e membro da Real Academia Galega (RAG) Antón Santamarina ao anotarse nos cursos de lingua galega que organizaba a Universidade de Santiago de Compostela. Xuntos emprenderon unha compilación sistemática de cántigas que deu lugar en 1984 á publicación do Cancioneiro popular galego, que aínda a día de hoxe é considerado a biblia da lírica de tradición oral galega, sendo o máis amplo repertorio da música galega de tradición oral. 

O propio Santamarina explicou nunha conversa da Asociación de Músicos ao Vivo con Dorothé Schubarth en 2017 que a coñeceu “no 78, apareceu por aquí, estabamos facendo un curso de verán de reciclaxe de mestres de galego. Tiña dificultades co galego e matriculouse. A partir de aí xa empezamos a tratarnos máis. Ela traía cantigas recollidas e eu boteille unha man. Pareceume interesante, vin que estaba moi interesada en estudar a tradición galega, e non había moito feito nese eido”.

Os sete volumes do Cancioneiro popular galego (CPG) publícanse entre 1984 e 1995. Asínaos Schubarth conxuntamente con Santamarina, encargado de revisar as transcricións, ordenar os tomos das letras e achegar compilacións previas. Será en 1987 cando os últimos tomos se completen, xa con Dorothé de volta en Basilea. 

Dorothé Schubarth deixou ao país un legado indescritíbel: gravacións únicas da lírica tradicional oral da Galiza. Na súa longa viaxe polo país, destacou por afondar nas raíces do cancioneiro da Galiza outorgando no seu traballo un especial e protagonista ás informantes, póndolles voz e nome e sacándoas do anonimato. Nas súas recollidas, que desenvolve entre 1978 e 1983, destaca a proximidade de Dorothé Schubarth coas informantes, unha virtude que lle permitiu coñecer perto de 2.000 melodías nun cento de concellos. Moitas destas melodías pódense consultar na actualidade no Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego.  

O traballo de campo de Dorothé Schubarth foi completado por Olaia Tubío e Alejandro Gándara, que a comezos de 2018 decidiron seguir a pegada da musicóloga na Galiza e sacar á luz a súa face máis persoal a través das informantes. Algunhas das historias que Dorothé Schubarth viviu nas aldeas do país foron contadas no documental Dorothé na vila polas mulleres e homes que un día lle abriron a porta a aquela moza que ía na procura da raíz da música galega.

 

[Imaxe: Museo do Pobo Galego. APOI - fonte: www.nosdiario.gal]

sábado, 5 de setembro de 2026

«Soi galèc, parla-me en portugués»

L’AGAL avia una campanha en Galícia per convidar los portugueses e los brasilièrs a parlar en portugués als galegofòns

Escrich per  Ferriòl Macip

L’Associacion Galèga de la Lenga (AGAL) entamenèt lo 25 de julhet passat, a l’escasença del jorn nacional de Galícia, una campanha per convidar los portugueses e los brasilièrs que vesitan Galícia a parlar portugués amb los galècs, en luòc del castelhan o d’un mescladís d’espanhòl e portugués sonat portunhol, çò raporta Diari de la Llengua. La campanha se ten jos la devisa «Falo galego, fala-me português!» (Parli galèc, parla-me portugués).

L’AGAL defend lo reïntegracionisme, es a dire que «lo galèc e lo portugués son dos noms que balham a un meteis continuum lingüistic». Per tant, segon l’AGAL, lo passatge al castelhan es inutil.

Segon l’associacion, Galícia coneis dempuèi de sègles una situacion de diglossia ont lo galèc es la lenga del pòble e lo castelhan la dels elèits, una situacion que s’es vista agreujada per l’escolarizacion obligatòria en castelhan e pels mèdias de massa, tanben en castelhan. Aquò a menat de parlars galècs, mai que mai urbans, a téner una sonoritat pus semblabla al castelhan.

L’AGAL reconeis que lo galèc dels joves a perdut de traches que lo sarravan del portugués de Portugal: un ancian de Tominho (Galícia) e un ancian de Vila Nova de Cerveira (Portugal) parlan gaireben parièr, çò que ja es pas pus lo cas dels joves, mai marcats pels accents de Madrid o de Lisbona.

La campanha, sostenguda pels influenciaires galècs, portugueses e brasilièrs, convida los lusofòns a parlar «dapasset en prononciant plan las vocalas», e prepausa de frasas coma «parla-me en galèc se te plai» quand un galèc trantalha entre galèc e castelhan. Los galècs, de lor costat, son convidats a passar pas jamai al castelhan o al portunhòl, e a seguir de contenguts en portugués per acostumar l’aurelha a d’autres accents e evitar los castelhanismes.

E s’en Occitània fasiam parièr amb los toristas catalans? Après tot, e mai sián de lengas desparièras, se se parlan dapasset e s’evitan los castelhanismes d’un costat e los francismes de l’autre, i auriá pas besonh d’una tèrça lenga per se comprene.

 

 [Imatge: AGAL - sorsa: www.jornalet.com]