segunda-feira, 28 de setembro de 2026

António Zambujo: «Asústame ver que as persoas viven de xeito cada vez máis impersoal, máis acelerado e con menos profundidade»

Este sábado, Santiago de Compostela acolle o concerto de António Zambujo, unha das voces máis singulares e recoñecidas da música portuguesa actual. O día 2 de outubro, repetirá no Teatro Colón da Coruña. Nas vésperas destes concertos, o artista reflexiona sobre o seu novo traballo, Oração ao tempo, e reivindica a necesidade de desacelerar fronte á vertixe dos algoritmos e do consumo inmediato, refuxiándose nunha lírica persoal que mestura o fado, a bossa nova, a complicidade no estudio e o seu vencello afectivo coa Galiza.

Zambujo en concerto 

Escrito por Manuel Xestoso  

Nunha época dominada pola vertixe dos algoritmos, a velocidade do consumo dixital e a urxencia constante da industria musical, o cantante e compositor portugués António Zambujo (Beja, 1975) fai unha pausa reflexiva para colocar o tempo como eixe vertebrador do seu máis recente traballo discográfico, Oração ao tempo, un título extraído da canción homónima de Caetano Veloso (que os dous cantan xuntos na gravación). Ese título, dalgunha maneira, fecha un círculo: Zambujo comezou a atraer a atención internacional cando Veloso confesou sentirse emocionado ao escoitalo, sinalando que lle lembraba a João Gilberto nun contexto de fado. 

—Neste novo traballo discográfico, que sen dúbida terá un protagonismo central nos concertos na Galiza, escoller o concepto do tempo como eixe vertebrador nunha época tan marcada pola rapidez e polo consumo inmediato de algoritmos semella case un manifesto de carácter social.

Máis que un manifesto social, eu diría que é unha afirmación estritamente persoal. A miña intención con este disco non é mover masas, nin alterar opinións de ninguén, nin nada que se pareza a iso. É simplemente a afirmación persoal de que me recuso a entrar por ese camiño da présa, porque non me interesa absolutamente nada e porque non sei vivir desa maneira. Asústame ver que as persoas viven de modo cada vez máis impersoal, máis acelerado, con menos profundidade, con menos tempo para analizar e con menos capacidade para interpretar aquilo que as rodea. E o resultado desa actitude está á vista de todos: o mundo atópase no estado no que está precisamente por causa desa vertixe. Polo tanto, eu non quero de ningunha forma subir a ese tren. 

—Nese sentido, actuar no Festival Maré semella o escenario axeitado. É un encontro que procura precisamente ofrecer ese espazo de repouso, acougo e diálogo directo co público.

Completamente. O festival Cantos na Maré marcou a primeira vez que toquei na Illa da Arousa e na Galiza, e foi a ocasión na que coñecín a Vítor Belho e a toda o seu equipo fabuloso. Hai precisamente seis anos, pasamos unha semana enteira en Santiago de Compostela a preparar ese concerto. Lembro perfectamente que noutra edición eramos Lenine, Aline Frazão, Guadi Galego e máis eu. Foi unha semana incribelmente divertida e marabillosa. O meu fillo João acababa de nacer había só unha semana, pero valeu moito a pena afastarme del temporalmente para preparar o espectáculo aí e poder tocar. Aínda que o concerto final foi en Pontevedra, toda a preparación decorreu en Santiago e foi unha experiencia fantástica. A propia idea de unir a lusofonía, xuntando músicos de varios países onde se fala portugués, aliada ao concepto do festival de facer as cousas con máis tempo, reflexión e pausa, é algo que considero profundamente interesante e co que me identifico na totalidade. Este disco ten todo que ver con esa mesma filosofía. 

 

[Imaxe: Sebastião Ferreira - fonte: www.nosdiario.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário