O escritor
Xavier Alcalá rememora no seu último libro a figura do
seu amigo Cholo, emigrante galego na Arxentina
PorX. F.
|
«Nesta
vida hai persoas coas que pronuncias unha palabra e non é necesario explicar
nada. Pois esa era a relación entre o Cholo e mais eu». Desta
maneira, o escritor Xavier Alcalá describe a relación co seu amigo Antonio Rey
Flórez, Cholo, a quen recorda no seu
último libro Cartas ao Cholo, editado por Medulia. A
obra, que terá continuación cun segundo volume a piques de entrar no prelo,
recolle un conxunto de artigos de Alcalá publicados por Galicia
en el Mundo, entre o 1994 e o 2001.
Nun ton e estilo epistolar, Alcalá informa ao seu amigo,
fillo de emigrantes galegos que vive na Patagonia, sobre a situación de Galicia
e achega as súas reflexións sobre ela. Sen esquecer a diáspora, a realidade que rexía a vida do «Choliño», como
cariñosamente o rememora o escritor.
O libro é unha homenaxe ao seu amigo, finado pouco antes de que se
publicase a novela The making
of de Alcalá, na que a vida do propio Cholo como emigrante cobra protagonismo.
Polo tanto, o recordo é unha das razóns polas que Alcalá desexaba publicar a
obra. «Eu
lembro ás persoas que se van en función do que me fixeron rir. E co Cholo,
mateime a rir unha cantidade inmensa de veces», explica Alcalá.
A galeguidade era un dos trazos característicos da figura
de Cholo. Tanto é así que, na súa casa de Comodoro
Rivadavia, o amigo de Alcalá sentaba no sillón e mollaba un dedo en area
coruñesa, co fin de evocar a súa terra natal, relata o escritor.
Ademais, na personalidade de Cholo tamén destacaba a solidariedade: «El fixo
moita gauchada,
palabra que en Arxentina se relaciona cunha axuda desinteresada. Fixo canto
favor se puidera facer e máis», asegura Alcalá. «Non só a canto galego había,
senón tamén aos españois. Era un home ponte. Tiña unha conciencia de
solidariedade coa xente que se a trasladásemos a Galicia, sería o país máis
ideal do mundo», relata o escritor.
Cholo con Xosé Neira Vilas
Un retrato da Galicia de entón
Ademais de ser unha homenaxe, Cartas ao Cholo é
un libro que describe con detalle a Galicia do momento: «É
unha obra que nos retrotrae, unha revisión do que estaba acontecendo naquel
intre». O conxunto de cartas, que co segundo volume chegarán ás
219, narran acontecementos políticos, sociais ou literarios, entre moitos
outros. Isto é, un ilustrativo mosaico da realidade galega dos últimos anos do
século XX.
Nos seus artigos, Alcalá refírese a Galicia como o impaís,
ese lugar que non acada o seu cometido e do que moita xente se viu obrigada a
marchar. Unha partida que, agora, toma outro camiño: «Actualmente é un impaís máis
sofisticado. Antes o que se marchaba non tiña formación, hoxe en día o impaís
demostra a súa incapacidade deixando saír os mellores cerebros cara ás
principais capitais europeas», expón Alcalá.
En canto á diáspora galega, Alcalá salienta o papel da
Arxentina, non só polo gran número de persoas que
marcharon para o país latinoamericano, senón porque moitas «tiñan a paixón de
que o seu fillo estudase, xa que alí a ensinanza superior era de balde».
No libro, Alcalá describe a xeografía e a paisaxe galegas cunha querenza
especial, ao igual que o facía Ramón Otero Pedrayo, polo que afirma sentir
admiración e certa influenza poética na súa escrita. Ao propio Otero, Castelao
dedicoulle as seguintes verbas no reencontro de ambos en Bos Aires: «Abrazarte
a ti é abrazar a Galicia». Neste senso, ler Cartas ao Cholo é abrazar á Galicia da época.
[Fonte: www.lavozdegalicia.es]
|


Sem comentários:
Enviar um comentário