|
Nos seus corenta anos como emigrante en Xenebra, Manuel
Álvarez (A Guarda, 1954) sempre se sentiu atraído polas
formulacións da identidade da diáspora galega. Un interese que atopou unha
canle de expresión na súa sensibilidade de fotógrafo autodidacta e que
desenvolveu en varios proxectos e coleccións de retratos de emigrantes. Agora
vén de publicar Sementeira Porträts, un libro con corenta e dous imaxes de
membros da sociedade Sementeira, de Basilea, e que dialogan coa poesía de
Manuel Rivas, en forma de aforismos e haikus.
Xubilado do
seu traballo en Acnur dende o 2014, Álvarez pode dedicar máis tempo aos seus
proxectos e así puido colocar ante o obxectivo entre maio e outubro do 2017
os membros do colectivo emigrante. Imaxes que son ao tempo testemuño,
retrato psicolóxico e homenaxe. «Sementeira atraeume
fortemente como depositaria e militante activa dos valores que engrandecen
con dignidade unha emigración ilustrada e comprometida, crítica. Son nobres
herdeiros das verbas sacras de progreso democrático, social e político dos
nosos devanceiros», describe Álvarez.
Deste
xeito, Sementeira,
o libro, agroma desa «fonda e forte visión da dignidade do
traballador emigrante que deixa o seu fogar para tratar de lograr en terras
alleas unha vida mellor que non atopa no seu país». Unha
honestidade e respectabilidade que, asegura Álvarez, goza de recoñecido
prestixio en Suíza, e que se prolonga tamén no retorno: «Achegan a riqueza
extra adquirida dunha cultura e ilustración diferentes, o prestixio
recompensado dun labor recoñecido que alimentará tempos novos e avanzados,
esenciais para sustentar unha sociedade nova, moderna».
Conectados no tempo
Da
contemplación dos retratos do libro emerxe tamén unha imaxe
colectiva que chama a atención polo feito de que a
práctica maioría dos que posan fano en Suíza pero ben poderían telo feito nos
seus lugares de nacemento ou orixe. «Poderían ser nosos compatriotas en
Galicia ou en Basilea, conectados por eses fíos de fonemas e palabras que
emocionan, invisíbeis, difíciles de explicar. A única
diferenza que se pode aplicar é a da interconexión no tempo e a distancia»,
reflexiona o fotógrafo.
 |
| Ramón Carreira e Ramona López |
Quizais inflúa
tamén en que entidades como Sementeira, cuxos membros na súa meirande parte proceden
da comarca de Bergantiños, actúe como unha célula de galeguidade, tanto en
espírito como en calendario de actividades -exposicións, festas, magostos ou
conferencias polo Día das Letras-, coa lingua
como vehículo e elemento cohesionador. En palabras de Manuel
Álvarez, «é un fogar esencial no que fermentan e bulen os soños de afastadas
ilusións de plans de retorno», un lugar onde atopar amparo e protección,
ademais de amizade, na memoria e fala comúns. «É unha matria
esencial en Basilea que fai posible non perder os sinais balizados para
desandar os camiños de ida e volta da emigración galega», conclúe o fotógrafo.
«País,
corazón, portátil. Emigrar? Ir dar»
«A man
sincera. / País, corazón, portátil. / Emigrar? Ir dar». O haiku de Manuel
Rivas que abre Sementeira Porträts actúa a xeito de
frontispicio e condensación do espírito que preside a colaboración entre o
escritor e o fotógrafo. «A elección de Rivas xurdiu no proxecto de maneira
lóxica e natural: os seus valores humanos de compromiso coa emigración, a súa
fonda, delicada, valiosa e sublime calidade poética e literaria», enumera
Manuel Álvarez. O escritor recibiu as imaxes cunha información mínima: nome e
apelidos, lugar de nacemento e parroquia. Dabondo para crear, como aprecia o
fotógrafo, «unha crisálida de palabras protectoras,
solidarias, comprometidas coas imaxes», quen tamén define a achega
do escritor como «verbas-alfaias que constitúen unha membrana plasmática,
poderosa de emocións, emigrante e proteínica, nutrinte de fíos invisibles».
A choiva, o
traballo e as maletas, as carballeiras e os vagalumes, o merlo e a chorima
son algunhas das imaxes e conceptos que Rivas relaciona coa visión destes
emigrados galegos en Suíza. Ambos traballaban cunha idea do seu admirado John
Berger: «Consideramos as fotografías como obras de arte, como proba dunha
verdade particular, como semellanzas, como información». Son retratos que
contribúen á memoria colectiva, como di Rivas no último poema: «Agora lembrar
/ é un mester de vixía. / Campo d’estrelas».
|
Sem comentários:
Enviar um comentário