domingo, 4 de outubro de 2020

A primeira película en cor de España reivindicaba a galeguidade de Colón

Retrato supostamente de Pedro Madruga, caracterizado coma un
navegante e que algúns relacionan con Cristobal Colón.
  

Un artigo de ÍÑIGO MOUZO RIOBÓ 

Rodada en 1927 na cidade de Pontevedra e reivindincando a galeguidade de Colón.  Así é Pontevedra, cuna de Colón unha curtometraxe do cineasta e investigador pontevedrés Enrique Barreiro e catalogada como a primeira película polícroma feita en España.

O documental desenvolve a tese da orixe pontevedresa de Cristóbal Colón, defendida por varios historiadores citados na película, amosando imaxes da vila e documentos históricos. No filme bótase man de recursos propios dos noticiarios da época como panorámicas dos lugares que transitou o explorador e intertítulos dos escritos dos que bebe para defender a súa argumentación.

Unha técnica propia

A cinta ten a particularidade de presentar por primeira vez algunhas pasaxes presentadas en cor. Faríase en Cromacolor, un sistema de cine en cor que o propio Barreiro patentara. Tratábase dun filtro rotatorio con partes e franxas de cores desde o vermello ata o verde, que ía capturando a resposta a estes tons no negativo en fotogramas alternos, ordenados tamén por cores.

Pontevedra, cuna de Colon (Enrique Barreiro, 1927) from CGAI - Filmoteca de Galicia on Vimeo.


Despois de revelada a película, tinguíanse os fotogramas con outros matices da gama de azuis, de xeito que ao seren proxectados a gran velocidade, a persistencia na retina facía a mestura e a imaxe víase a cor. O sistema foi a gran obsesión profesional de Barreiro e unha das súas grandes achegas, sen dúbida a de maior innovación.

Recuperada polo CGAI

Agora a cinta poderá verse de novo coas cores que lucía en 1927. Pois o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) e Filmoteca Española colaboraron na recuperación da versión coa cor orixinal do filme. A iniciativa forma parte dun proxecto que a Xunta agarda ampliar para abordar de xeito conxunto todos os materiais que compoñen a colección que a familia do cineasta pontevedrés depositou na filmoteca galega.

A película foi estreada no seu día en cor, mais as copias conservadas tanto en Filmoteca Española como no CGAI-Filmoteca de Galicia, facían inviable fotoquimicamente a reprodución das cores. Ó levar a cabo a dixitalización, restituíronse as cores en cada fotograma, que non se combinaban ó proxectárense, e que tiveron que ser tratados individualmente nun proceso extremadamente laborioso.

O apelido Colón nun cruceiro de Poio

O legado de Enrique Barreiro

Enrique Barreiro foi unha das figuras máis importantes do cine galego nos anos vinte e trinta xunto co seu irmán Ramón. Enrique e Ramón Barreiro, considerados dous pioneiros do cinema en Galicia non só foron fotógrafos e cineastas senón tamén grandes innovadores da técnica filmográfica. Destacan sobre todo, pero non só por estes experimentos para dotar de cor á imaxe cinematográfica.

A cinta restaurada, que foi estreada n día de onte no Cine Doré de Madrid, terá o seu primeiro pase en pantalla grande en Galicia o 27 de outubro. Será na sala do CGAI na Coruña, na rúa Durán Loriga, coincidindo coa celebración do Día Mundial do Patrimonio Audiovisual da Unesco.


[Fonte: www.historiadegalicia.gal]




Sem comentários:

Enviar um comentário