sexta-feira, 14 de agosto de 2026

Publican os expedientes da censura franquista contra a literatura galega

O catedrático e investigador Xosé Manuel Dasilva (Vilagarcía de Arousa, 1962), após anos de estudo ao redor da censura do franquismo sobre a literatura galega, recolle nun volume mostras reais dos informes e analiza as obras orixinais. O traballo abre a posibilidade ao estudo e á reedición destas obras.

Xosé Manuel Dasilva co seu libro, o 13 de agosto

Escrito por Antón Escuredo 

Os numerosos traballos sobre a censura franquista na expresión literaria en galego realizados desde 2008 polo catedrático Xosé Manuel Dasilva propiciaron que este investigador reunise agora nunha obra, a modo de guía, as fichas dos libros que a padeceron. Os libros censurados por Franco (Editorial Galaxia, 2026) xunta máis 200 títulos para os que inclúe en cada un deles os informes individualizados co nome completo da persoa funcionaria que os fixo. 

“É unha obra de consulta na que están practicamente todas as obras que padeceron a censura, cos seus autores e autoras, para quen queira coñecer directamente que aconteceu con figuras como Blanco Amor ou Silvio Santiago con este tema”, explica Dasilva a Nós Diario. Nas súas páxinas figuran, por orde cronolóxica, desde Eduardo Pondal, Rosalía de Castro, Ramón Cabanillas, Daniel Castelao ou Manuel Antonio até Ricardo Carvalho Calero, Celso Emilio Ferreiro, Uxío Novoneyra, Manuel María, María Xosé Queizán, Xosé Luís Méndez Ferrín ou Francisco Rodríguez. 

Autocensura

“Os expedientes son moi interesantes tamén para coñecer dificultades textuais das obras e como os autores modificaron as obras precisamente en moitos casos para adaptarse á censura”, relata Dasilva. Un dos casos que aparecen no seu libro foi o d'A evolución ideolóxica de Curros Enríquez (Editorial Galaxia, 1972) de Francisco Rodríguez. Partindo dunha tesina presentada na complutense anos antes, o propio autor apunta a Nós Diario que o escribiu "atendendo ao criterio de claridade mais sen vinculalo a unha concepción nacionalista marxista". Porén, o libro sufriu a censura de varios parágrafos "a causa da súa importuna actitude antimonárquica", segundo asinou o seu censor, Ángel Aparicio.

"Eu non me cheguei a decatar de cal foi a posición da censura tendo en conta que xa me autocensurara", admite Rodríguez a este xornal. A mesma sorpresa tiveron algúns dos nomes que figuran no libro de Dasilva e que se puxeron en contacto con el após ler a súa ficha. “Cando publiquei en Grial o expediente de censura de Elipsis, Méndez Ferrín comentoume que non sabía nada e o mesmo aconteceu con Alonso Montero co seu Trinta anos de poesía crítica (1936-1966)”, apunta. “Foi o seu último libro antes de falecer e na introdución comenta o expediente desa obra que, até ese momento, el descoñecía”, agrega Dasilva. 

Expedientes completos

Alén dos informes, o investigador, nesta edición, engade comentarios en varias das obras após atopar que nos expedientes había todo tipo de datos sobre as incidencias que tiveron os libros que solicitaban permiso para saír á rúa. “Hai escritos administrativos das editoriais, documentación do ministerio e mesmo cartas particulares”, sinala Dasilva.

Un dos casos que considera “significativo” é o relacionado coa primeira versión d'O silencio redimido. Historia dun home que pode ser outro, de Silvio Santiago. Sobre ela o censor escribiu que “non é autorizábel” por dar “unha imaxe do alzamento de inxustiza, de condenas a morte de persoas sen motivo”. Neste expediente o investigador atopou cartas do propio Manuel Fraga Iribarne, de Carlos Rodríguez Piquer e de Camilo José Cela sobre as dificultades de que se publicara nos 60. Outros poderían ser os expedientes que tivo o Sempre en Galiza de Castelao. Así, figura a denegación en 1964 da importación da segunda edición arxentina de 1961 malia que o censor, Manuel Picos Vilavella, abría a porta "a un número limitado de exemplares para xornalistas e escritores preocupados por documentarse polo miúdo das intrigas da última República".

Aproximación rigorosa

A accesibilidade aos documentos e a súa difusión posibilitou, segundo o autor, aproximacións máis rigorosas coa intención de afastarse dos tópicos. "Un deles era que Celso Emilio Ferreiro personifica o autor máis perseguido polo lapis vermello cando non está probado que se emitise ningunha instrución burocrática para importunar o celanovés", pon como exemplo. Pola contra, Dasilva sitúa no lado contrario a Álvaro Cunqueiro "do que se coidaba que nunca vivira a censura, por canto as penalidades d'O incerto señor Don Hamlet, príncipe de Dinamarca desmenten esa idea preconcibida".

Outro aspecto da censura franquista menos coñecido tiña que ver coas dificultades que sufriron numerosas obras publicadas con anterioridade ao golpe de Estado de 1936. Dasilva sinala no seu libro dous casos moi relevantes como eran os de Curros Enríquez e Ramón Cabanillas. "En varias oportunidades, un feixe substancial de poemas de Aires da miña terra, así como O divino sainete, espertaron profundos receos, algunhas veces complicados de salvar, por implicacións, sobre todo, relixiosas", aclara o investigador. No caso do cambadés a prohibición de publicar chegou a O Mariscal por completo e parte das obras No desterro, Vento mareiro e Da terra asoballada. 

A posibilidade de restaurar os textos orixinais non publicados

Outra das inquedanzas de Xosé Manuel Dasilva ten relación coa reparación, a partir da restauración dos textos orixinais non publicados, das obras censuradas. “As obras apareceron censuradas no seu momento e houbo autores e autoras que tiveron a ocasión de poder facelo, como o caso de María Xosé Queizán con A orella no buraco, obra de 1965 que sacou en 1985”, pon como exemplo.

“Houbo outras que faleceron e non tiveron a posibilidade de ver os seus textos publicados tal e como foron concibidos”, lembra Dasilva. Un exemplo “moi singular” para este investigador é o de Eduardo Blanco Amor e a obra Xente ao lonxe (1972). “Tivo que ‘podalo’ para que se publicase e no seu expediente había pistas que serviron para corrixir a novela”, asegura.

Ese traballo que non puido facer o escritor ourensán no seu momento levouno a cabo Dasilva nunha reedición de 2014 publicada pola Editorial Galaxia "igual que pasou coa que se fixo coa obra A esmorga".

A razón que dá este investigador para propor esta restauración non ten que ver coa idea de que sexa "como unha obra de actualidade". Pola contra, o seu interese procede de deixar para o futuro "o texto que se quería publicar".

 

[Fonte: www.nosdiario.gal]


Sem comentários:

Enviar um comentário