sábado, 7 de fevereiro de 2026

Os obxectos para vivir de David Chipperfield, o arquitecto discreto

Deseño para vivir, unha mostra inaugurada esta quinta feira na Casa RIA de Compostela, exhibe os obxectos que deseñou durante os últimos trinta anos David Chipperfield, arquitecto británico, e galego de adopción, gañador do Premio Pritzker de Arquitectura en 2023. 


David Chipperfield, esta quinta feira5 de febreiro, na inauguración da exposición 'Deseño para vivir'.

Escrito por Manuel Xestoso

Chámanlle o arquitecto invisíbel e, nun momento en que o seu oficio descansa en gran medida na capacidade de estrelato das súas figuras máis mediáticas, isto debe tomarse como unha prerrogativa que o distancia da cara máis frívola da arquitectura contemporánea. David Chipperfield, londiniense criado nunha granxa, Premio Pritzker de Arquitectura e galego de adopción, escolleu Compostela para inaugurar –esta quinta feira, na casa RIA, reformada e transformada polo seu propio estudio, David Chipperfield Architects– a primeira exposición monográfica dedicada aos obxectos que deseñou durante as últimas tres décadas, Deseño para vivir.

"O seu traballo como deseñador está moi ligado á arquitectura e ao deseño de interiores", explica Ane Escribano, arquitecta e parte do equipo de comisariado que argallou esta exposición. "Son obxectos que nacen da exixencia de cubrir necesidades específicas en edificios concretos pero que, co paso do tempo, acaban converténdose en produtos. El sempre traballa con compañías que teñen unha grande experiencia no campo do deseño, e ese é o punto de partida de David Chipperfield Design".

De feito, o "salto á fama" de Chipperfield chegou a través do deseño dunha tenda de Issey Miyake en Londres, algo que algunha vez o arquitecto considerou "un pouco triste". Porén, esa atención ao cotián tamén reflicte unha preocupación moi presente en toda a súa obra: a necesidade de regresar a unha arquitectura e a un deseño máis democráticos, que retomen as ideas básicas da Bauhaus de producir coa industria un produto de calidade a un prezo asequíbel para a maior cantidade de persoas posíbel. De feito, na exposición pódese ver un tirador que deseñou para a compañía alemá FSB, que foi a que produciu outro tirador de Walter Gropius. Unha continuidade que fala por si soa.  

"Na exposición podemos ver obxectos como a cafeteira moka que deseñou para Alessi, que contén unha reflexión que coincide exactamente con esa idea do deseño: trátase dun obxecto que non quere significarse especialmente, senón que busca recoller as calidades propias dese saber facer que se foi construíndo ao longo do tempo. El inspírase na primeira cafeteira moka que se produciu para tratar de mellorala, de engadir un elo máis na súa evolución. Non trata tanto de representar ideas persoais ou de deixar un selo individual, senón de achegar á súa historia unha pequena mellora, pasando desapercibido", acrecenta Escribano. "Foxe do atractivo que dá o obxecto de luxo ou extravagante para centrarse na súa utilidade, na súa funcionalidade e na sua beleza". 

Unha nova idea da modernidade  

Na obra de Chipperfield subxace unha idea de calado: repensar os conceptos de progreso e de modernidade. As crises ambientais e de perda de biodiversidade propiciaron que a arquitectura se interese por cuestións que se relacionan directamente coa sustentabilidade, nun percorrido que parece alimentar as ideas de decrecemento ou, como algunha vez ten manifestado o propio Chipperfield, de desprogreso.

No discurso inaugural da exposición, de feito, o arquitecto sinalou que "a crecente crise ambiental puxo de manifesto a irresponsabilidade coa que utilizamos os nosos recursos, así como o modo en que o dominio do mercado global está a socavar técnicas de produción intelixentes e vernáculas". E nesa tentativa de recuperación dos saberes tradicionais cifra o éxito dun novo deseño que fuxa das dinámicas de consumo para recuperar esa liña que une tradición e modernidade.

"Nese sentido", engade Escribano, "esta exposición fai fincapé na conexión coa cultura galega. Por un lado, dunha forma moi persoal, na que se reflicte o seu proceso de chegada á Galiza, de construción da súa casa, do bar que reformou en Corrubedo (Ribeira)... e de recoñecer os recursos que ofrece o territorio. E por outro lado, unha serie de referencias coas que David traballa desde hai moitos anos e nas que están moi visíbeis as relacións que estabelece coa cultura xaponesa. Isto vese moi ben na colección Redes, de Sargadelos, onde se une a conexión cos materiais que proporciona a Galiza –o caolín– e a tradición nipona, que está na base do deseño desas pezas de cerámica".  

A narrativa do local e o tradicional unida ao sosego e a minuciosidade da arte xaponesa e á preocupación por crear comunidade conforman un cóctel que está no fondo destas intervencións discretas que se opoñen a unha sociedade consumista que fomenta unha irresponsábel comodidade individual. Un proxecto no que, segundo Chipperfield, o deseño e a arquitectura, talvez as artes máis próximas a vida cotiá, teñen un papel que xogar. Pensar cal é ese papel conduce ás preguntas coas que rematou o seu discurso na inauguración da exposición. "Cal debería ser o papel do deseño? Como inflúe a crecente preocupación por manter as tradicións propias, empregar materiais locais e considerar as consecuencias das técnicas industriais na maneira en que deseñamos, fabricamos e distribuímos os produtos? Que é o deseño para a Galiza?".  

Cara á utopía de unir a creatividade e a existencia   

Como se quixese probar que é factíbel aquel vello desideratum das vangardas clásicas de unir a arte e a vida, a exposición Deseño para vivir esténdese por toda a Casa RIA, de tal maneira que moitas das pezas están integradas na arquitectura ou no deseño de interiores.   

"A lámpada que está no centro da escaleira e que une todos os espazos da casa, é un bo exemplo", subliña Ane Escribano. "É unha peza que chama moito a atención pero que ten un traballo moi complexo detrás. Por un lado, de concepto, para adaptarse á rehabilitación do edificio e ao seu proxecto arquitectónico e funcional. E por outro, cunha tecnoloxía que mostra a complexidade do labor técnico do deseño".   

Ademais, as paredes da casa están inzadas de bosquexos, debuxos, prototipos e maquetas que axudan a coñecer non só os obxectos en si final, senón tamén o proceso que leva até o resultado final.   

"En realidade, moitos das pezas de deseño están en casa RIA de forma permanente, e o que pretendemos con esta exposición é mostrar outra forma de entender a casa, o que pode redundar nun mellor coñecemento de todos aqueles obxectos que nos rodean habitualmente e de comprender un pouco mellor o papel que debe ter o deseño na nosa vida cotiá".


[Fonte: www.nosdiario.gal]





Sem comentários:

Enviar um comentário