domingo, 23 de fevereiro de 2020

“Regañando o(s) dente(s)”, equivalente, entre outras, ó castelán “a regañadientes”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas". 

O árbitro amoesta a un xogador
Por Xosé Antonio Pena Romay
Pómoslle desta volta o ramo á xeira principiada no artigo a rastro (en concreto, na segunda “acepción” que nel reflectimos) para dar conta das locucións e expresións que manifestan que unha acción se realiza (ou, en certos casos, se sofre) contra a propia vontade, desexo e/ou propósito, ou de xeito tal que implica unha sensación de incomodidade, desagrado e malestar.
A regañadientes
{= Con contrariedade de ánimo ou de espírito, ou contra a propia vontade, desexo e/ou propósito.}
Regañando o(s) dente(s) && Arregañando o(s) dente(s)
[E MAIS]:
De mala gana
De mal grado
Ex.: La cosa pintaba mal, pero al final el club acabó aceptando, aunque a regañadientes, el cambio de la fecha del partido.
A cousa pintaba mal, pero ó último o club acabou aceptando, inda que regañando o dente  arregañando os dentes  de mala gana  de mal grado, a mudanza da data do partido.
● Tamén, máis ou menos axeitadas en función dos contextos:
A contragusto && Mal a gusto && A desgusto && A repelo && (Case) Á forza
● Mesmo tamén, gardando relación, basicamente asociadas a ámbitos de uso familiares e naqueles contextos en que se dá conta de que unha persoa vai ou acode a algún sitio ou onda alguén de mala gana:
Ir # Acudir [a algún sitio # onda alguén] coma o can á cadea # coma o can ás pedras # coma o can á tunda # coma o marrán á capa # coma a vaca ó matadoiro
Ex.: Aunque a regañadientes, al final lo acompañó.
Inda que regañando o dente  arregañando os dentes  de mala gana  coma o can á cadea  coma o can ás pedras  coma o marrán á capa, finalmente acompañouno.
Ex.: Os aseguro que voy al balneario a regañadientes, pues preferiría ir con vosotros al fútbol, pero ya se sabe: en una relación de pareja a veces tiene que ceder uno y a veces ceder el otro, y esta vez me ha tocado a mí.
Asegúrovos que vou ó balneario regañando os dentes  arregañando o dente  coma o can á cadea  coma o can ás pedras  coma o can á tunda  coma o marrán á capa, pois preferiría ir convosco ó fútbol, pero xa se sabe: nunha relación de parella ás veces ten que ceder un e ás veces o outro, e desta volta tocoume a min.
● E inda incluso, en contextos, e unicamente asociadas a ámbitos de uso formais e cultos:
Con renuencia && Con renitencia && Con reluctancia
Con renitencia && Con relutancia
Ex.: Los dos partidos de centro-izquierda aceptaron con renuencia los primeros recortes impuestos por Bruselas, pero ante la decisión de ampliarlos y agudizarlos han dicho basta.
Os dous partidos de centro-esquerda aceptaron con renitencia  con relutancia os primeiros recortes impostos por Bruxelas, pero ante a decisión de amplialos e agudizalos acaban de dicir basta.
NOTAS:
1. Nótese que a voz capa da expresión ir # acudir [a algún sitio # onda alguén] coma o marrán á capa fai referencia á capadura, á acción de capar.
2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- García González, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe (1985). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Ferro Ruibal, Xesús: “Locucións e fórmulas comparativas ou elativas galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 8, 2006, páxs. 179-264. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Ferro Ruibal, Xesús: “Dentes e moas na fraseoloxía galega”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 12, 2010, páxs. 69-126. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “Hai cousas que parecen lousas. Unha nova achega á fraseoloxía do Cachafeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 211-247. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).
- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

[Imaxe: lfp.es - fonte:  www.galiciaconfidencial.com]



 

 


Sem comentários:

Enviar um comentário