![]() |
Escrito por Ramón Nicolás
Echenoz (Orange, 1947), narrador francés que acadou entre outros os premios Médicis, Goncourt ou Gutenberg, chega á lingua galega grazas ao seu Correr, traducido por Moisés Barcia.
A proposta, un texto híbrido próximo á biografía novelada e segunda dunha triloxía que tamén dirixe o foco argumental ás vidas de Ravel e Nikola Tesla, adéntrase na traxectoria persoal de Emil Zátopek: un dos grandes atletas das probas de fondo do século XX. Un personaxe singular que chegou ao atletismo de maneira circunstancial para inscribir o seu nome nas letras de ouro dos mellores deportistas da historia. Velaquí o deseño da intrahistoria de Zátopek; isto é, a súa vida cotiá en Koprivnice, o seu traballo nunha zapatería, pasando polos anos de formación académica, a entrada no exército checoslovaco, o casamento con Dana Zátopková, campioa olímpica de lanzamento de xavelina e, por suposto, a evolución do seu percorrido como corredor de fondo que pulveriza marcas unha tras outra, aínda que perseverase nunha consideración un tanto distanciada do que era o deporte de elite.
Aínda así, Echenoz pon o acento, desde as primeiras páxinas, no contexto histórico da vida do atleta, algo que fai con inequívoca habilidade, desde a doada ocupación do país nos tempos do nazismo, pasando pola súa liberación posterior da man do exército ruso e, sobre todo, pola sovietización do país, que desfigura as súas propias declaracións e que o utiliza como símbolo, alcumado como a Locomotora Checa, para converterse nun refén do réxime ás portas da primavera de Praga de 1968.
A personalidade de Zátopek revélase como submisa, mais tamén rebelde cando se lle require o apoio ás reformas do presidente Dubcek e resulte, tempo despois, desterrado a traballar nas minas de uranio e logo obrigado a exercer de varredor, aínda que destes feitos non haxa probas evidentes.
Que o percorrido vital de Zátopek non se achegue ás vivencias dos seus últimos días transmite, ao meu ver, que a súa figura foi escollida á mantenta como desculpa para construír un relato histórico, dominado por un ritmo narrativo rápido e pouco esixente, que se manifesta aquí inequivocamente inclemente co totalitarismo comunista.
[Fonte: www.lavozdegalicia.es]

Sem comentários:
Enviar um comentário