domingo, 8 de fevereiro de 2026

A esperanza de vida e o narcisismo tirano


MANIFESTO 

Todos somos mortais, pero uns máis que outros. A esperanza media de vida foise alongando moito no mundo, sempre que poida sobrevivir e ter unha vida con polo menos media esperanza. Dicía con retranca Jean Paul Sartre: «Non hai moito tempo, a terra estaba poboada por dous mil millóns de habitantes, é dicir, cincocentos millóns de homes e mil cincocentos millóns de indíxenas». Hoxe en día, a poboación mundial supera xa os 8.000 millóns de persoas. A esperanza de vida humana no planeta a comezos do século XX era de 32 anos e, en 2024, situouse en 74 anos.

Ese incremento na esperanza de vida é proporcional á procura dun benestar común, sobre todo a unha mellora na alimentación, na cobertura de saúde e na educación. Malia todas as calamidades, despois da fin da II Guerra Mundial, en gran parte do planeta espallouse un sentido común non fatalista. Houbo un antes e un despois. E nisto tivo un papel decisivo o que talvez é o acordo e documento máis importante na historia, a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, que se aprobou o 10 de decembro de 1948. Certo que esa crianza tan desexada leva, en gran parte do mundo, 77 anos na incubadora, cativa e vixiada polos imperios e os seus cérberos. Mais esa Declaración era e é o máis sólido e compartido referente de moral básica e o programa que máis se asemella a unha utopía realizábel na práctica. Fálase moito de revolucións que logo resultan chascos efémeros. Unha verdadeira revolución foi a das sociedades que crearon eficaces sistemas de sanidade pública e universalizaron a atención médica gratuíta. É moi significativo o caso de España, onde a esperanza de vida é a máis alta de Europa, en especial nas mulleres (86,7 anos), e cinco anos por diante dos Estados Unidos.

Cando campan os refachos neoimperais, como está a ocorrer, e a cobiza desalmada dos plutócratas move o escenario do mundo como un teatro de monicreques, co algoritmo de vilán, a Declaración dos Dereitos Humanos, como a Carta das Nacións Unidas, van camiño de arder nunha barbacoa en Miami.

O mellor patrimonio legal da humanidade é tratado como arquivo do demo, mentres os aprendices de bruxo corean a máxima de HobbesAutorictas non veritas facit legem.

É dicir: a autoridade, non a verdade, fai as leis.

E todo isto ten moito que ver coa esperanza de vida e co futuro da democracia. A saúde pública, como a educación, non é un asunto que estea na axenda política, agás como negocios derivados da privatización. Non preocupa a mortalidade dos comúns, e máis aínda se son migrantes ou indíxenas ou «subhumanos». O triunfo da cobiza neoliberal desembocou nesta época do «individuo tirano», coa ideoloxía dun narcisismo fascista. O que obsesiona a estes supremacistas endeusados é a súa saúde, a súa lonxevidade. A súa inmortalidade. Nese delirio, Peter Thiel, o plutócrata «filósofo» colega de Trump, chama a loitar contra «a inevitabilidade da morte individual».

E Deus? Que dirá Deus a todo isto? Tranquilos. Iso xa o responderá a Intelixencia Artificial! 


[Fonte: www.luzes.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário