sexta-feira, 16 de fevereiro de 2024

O incumprimento da Lei do Libro por parte da Xunta ameaza o sector: "Hoxe publícanse a metade de títulos en galego que en 2008"

Os datos fornecidos polo Barómetro de Compra de Libros e Hábitos de Lectura 2023 desvelan que o incumprimento da Lei do Libro e a Lectura está levando o sector editorial á precariedade.

 
 O número de títulos publicados en galego reduciuse 50% nos últimos 15 anos. (Arxina)                                  O número de títulos publicados en galego reduciuse 50% nos últimos 15 anos.
 
 
Escrito por MANUEL XESTOSO
 
O pasado día 31 de xaneiro presentábase o Barómetro de Compra de Libros e Hábitos de Lectura 2023 realizado por Conecta para a Federación de Gremios de Editores de España. Nel, aparece un dato ao que non se lle deu a importancia que tiña: só 3,1% das persoas que len na Galiza prefiren facelo en galego, fronte a 96,2% que se inclinan polo castelán como lingua de referencia.

A cifra supón un descenso de 3 décimas a respecto de 2023, o que se cadra é aínda máis desalentador dado que evidencia unha evolución que non deixa de descender desde hai anos. O informe Datos da edición en Galicia 2006-2016 xa revelaba que a evolución global da cifra de libros publicados en galego ofrecía unha caída de 52,4% de libros inscritos entre 2010 e 2016. Os datos concluían que 50,7% do total de libros inscritos en ISBN na Galiza en 2016 foran publicados en galego. Esta cifra supuña unha diferenza de 10,8 puntos porcentuais con respecto á do ano anterior, no que 61,5% do total de libros inscritos no ISBN foran publicados na lingua propia do país.

Os múltiples incumprimentos da Lei do Libro teñen sido motivo de enfrontamento entre a Xunta de Galiza e o mundo da cultura desde que o PP accedeu ao Goberno galego. Por exemplo, prevía un Plan de fomento da lectura que debía favorecer a lectura en galego, un plan que recollería obxectivos, medidas a tomar, determinaría unha periodización da acción pública e garantiría o orzamento necesario para o seu desenvolvemento: nunca chegou a pórse en marcha.

"As políticas de gasto público son absolutamente insuficientes", declara Alvarellos. "Hai libros que teñen unha axuda de pouco máis de cen euros, que é menos que o que custa comprar oito exemplares para as bibliotecas. E ningunha acción pública se pode defender sen un orzamento sólido que a avale".  Neste sentido, cabe destacar que as bibliotecas públicas -un dos servizos máis usados e mellor valorados pola cidadanía- viron reducidas até un 80% as compras de novidades editoriais en galego. En 2023, a Rede de Bibliotecas da Galiza fechou o ano con preto de 1,6 millóns de préstamos, unha cifra que supuña un incremento de 23% con respecto ao ano anterior. Porén, as edicións en galego en lotes fundacionais baixaron de 214.301 euros en 2022, a 46.717 euros, 78% menos.

A promoción exterior

A Xunta tampouco cumpriu a Lei do Libro no que respecta á creación do Instituto Rosalía de Castro para a promoción do libro e da cultura galego, unha reivindicación recorrente de todo o sector da cultura. "Cun instituto oficial que apoiase de forma estruturada a proxección da lingua e a cultura galegas, a nosa presenza internacional sería moito maior, máis repercusión internacional e iso repercutiría no prestixio da lingua dentro do país", aventura Alvarellos.

A política de proxección exterior da Xunta parece non estar clara nin sequera nas feiras internacionais, ás que os editores -un caso único no Estado- deben acudir sen amparo institucional. As discrepancias veñen de lonxe e teñen como principal punto de fricción a consideración das feiras como un espazo promocional por parte da Xunta, fronte ao carácter estritamente profesional que defende a AGE e que prevalece no resto do Estado e nos principais países da nosa contorna.

As axudas á tradución de libros galegos a outras linguas e doutras linguas ao galego constitúe outra das frontes permanentes entre o sector editorial e a Xunta. Un conflito que ten adquirido límites estrafalarios cando, en 2021, se soubo que o desleixo nos termos da convocatoria provocou que a segunda empresa máis beneficiada por estas axudas fose propiedade dunha muller condenada por estafa, constituída pouco antes de que se publicase a convocatoria e que posuía un catálogo de só 20 títulos, 19 deles en castelán.

 
[Imaxe: Arxina - fonte: www.nosdiario.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário