Escrito por Marcos Pérez Pena
O 3 de xullo de 1982, a Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega aprobaron en sesión conxunta as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego, unha normativa que -sen grandes cambios- funcionou nas últimas catro décadas e ficou establecida como a de uso oficial.
As Normas aprobadas hai agora 40 anos, complementadas en 1990 coa publicación do Diccionario da Lingua Galega de RAG e ILG que fixou a normativa sobre o léxico, buscaban asentar definitivamente a maneira en que o idioma galego era escrito e falado no seu rexistro formal, despois dunha década de propostas sucesivas. Porén, non significaron a chegada da pax normativa, senón que nos anos máis tarde abriuse unha fenda máis clara coas posicións reintegracionistas, que defenden un maior achegamento ao portugués e á súa grafía, que concretaron tamén as súas propostas normativas.
As Normas foron aprobadas pola Xunta de Galicia a través do Decreto 173/1982, de 17 de novembro, publicado no DOG o 20 de abril de 1983, consagrando estas normas como modelo para a escrita da lingua. Pouco despois, o 15 de xuño dese ano, o Parlamento galego aprobou por unanimidade a Lei de Normalización Lingüística que non establece directamente unha normativa "oficial" pero si indica que "nas cuestións relativas á normativa, actualización e uso correcto da lingua galega estimarase como criterio de autoridade o establecido pola Real Academia Galega", engadindo que "esta normativa será revisada en función do proceso de normalización do uso do galego".
Na introdución destacábase que "a lingua normativa ten que estar ó servicio da cultura dun pobo real e concreto, e por tanto ha de ser necesariamente continuadora da lingua falada pola comunidade e ha de achegarse canto sexa posible a ela, a fin de enraizar sobre bases seguras e vivas", mais engadía que "para que estas bases sexan efectivamente sólidas, a normativa debe acoller un galego fiel a si mesmo e limpo de canto de espurio hai incrustado na fala viva pola presión do castelán".
Manifestábase, así mesmo, que nas súas escollas debías "excluí-lo diferencialismo radical porque, aínda querendo ser unha postura de defensa frente ó castelán, manifesta de feito unha posición dependente e dominada con respecto a esta lingua". E, finalmente, apostábase por "valora-lo aporte do portugués peninsular e brasileiro, pero excluir solucións que, aínda sendo apropiadas para esa lingua, sexan contrarias á estructura lingüística do galego". "O punto de partida e de chegada en calquera escolla normativa ha de ser sempre o galego, que non debe sacrifica-las súas características propias e relevantes en beneficio das dunha lingua irmá, pero diferente", concluía.
O debate normativo anterior
A de 1982, con todo, non foi por suposto a primeira normativa que tivo a lingua galega. Ao longo do século XIX houbo distintas achegas, máis estruturadas a partir da creación da Real Academia, en 1906. En 1970 a RAG publicou as Normas Ortográficas do Idioma Galego, elaboradas principalmente por Carvalho Calero e Ramón Piñeiro, que recollía as solucións que xa viña empregando a editorial Galaxia nas dúas décadas anteriores, un volume que tería continuidade nas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego publicadas en 1971. Ademais, en 1971 o ILG presenta o primeiro número do seu manual de lingua (Galego 1, 2, 3), que detalla a publicación da RAG.
Nese momento concrétase por primeira vez a proposta reintegracionista, da man de Manuel Rodrigues Lapa ("A recuperação literária do galego", 1973) e José Martinho Montero Santalha, coa publicación do Manifesto para a supervivência da cultura galega (1974), posicións ás que pouco a pouco se vai achegando Carvalho Calero.
Nos anos seguintes houbo distintas achegas, pero a máis importante foron sen dúbida as Bases prá unificación das normas lingüísticas do galego, publicadas pola Universidade de Santiago en 1977 e redactadas de forma plural e buscando un consenso finalmente non conseguido. En 1979 tamén se publican as Orientacións para a escrita do noso idioma, da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega (AS-PG), base da posterior normativa de mínimos.
En 1980 a Xunta publica unha normativa que tamén buscaba o consenso: as 'Normas ortográficas do idioma galego', que non callan en parte pola súa redacción ambigua. Foron redactadas pola Comisión de Lingüística da Xunta, presidida por Ricardo Carvalho Calero. Porén, dous anos máis tarde ILG e RAG presentaron a súa normativa, que pouco máis tarde foi 'oficializada' polo Decreto de Normativización do Goberno galego, alcumado dende algúns ámbitos como Decreto Filgueira.
Recentemente, o documental 'Decreto Filgueira', dirixido por Ozo Perozo, afondou no debate normativo que tivo lugar entre 1971 e 1982, destacando o papel desenvolvido por Xosé Fernando Filgueira Valverde, conselleiro de Cultura entre 1981 e 1983 para o establecemento oficial desta normativa, no canto das aprobadas en 1980, máis achegadas ás formulacións reintegracionistas. Nese mesmo 1983 a Asociaçom Galega da Língua (AGAL) publica o Estudo crítico das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, representativo do reintegracionismo "de máximos".
A pesar da habitual ladaíña ("es que el gallego lo andan cambiando seguido") dende aquela publicación de 1982 non houbo grandes cambios na normativa oficial (nunca publicada, iso si, no DOG, malia a proposta presentada polo BNG no Parlamento en 2007). Tan só na reforma de 2003 leváronse a cabo algunhas modificacións de maior importancia.
En 1995 modificáronse as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego, introducindo cambios menores. "Considerámo-la conveniencia de realizar pequenas modificacións puntuáis, de reforzar algúns dos argumentos e, sobre todo, de cubrir algunhas lagoas que presentaba a versión do ano 1982", dicíanse na introdución. De igual xeito, en 1997 presentouse unha edición actualizada do dicionario da RAG, que incluía xa 25.000 entradas.
Máis importante foi a reforma iniciada en 2001 e aprobada finalmente en 2003. Levouse a cabo un proceso de negociación entre os departamentos de galego das tres universidades galegas, o Instituto da Lingua Galega e diferentes asociacións. O obxectivo era atopar un punto de unión entre as diferentes normativas do galego que eran empregadas: a ILG-RAG, a reintegracionista e a de mínimos. A RAG debateu unha primeira proposta, que supuña un achegamento algo maior ás formulacións reintegracionistas e de mínimos, e que non foi aprobada (sete votos a favor, 11 votos en contra e dúas abstencións).
Finalmente, o 12 de xullo de 2003 a RAG -xa presidida por Xosé Ramón Barreiro- aprobou as novas normas, con mudanzas significativas (nos grupos cultos, nas terminacións -cio/zo e -cia/za, ble/bel, ou eria/aria), pero menores que a que contiña a proposta rexeitada en 2001. A publicación do Vocabulario ortográfico da lingua galega en 2004 completou tamén a normativización léxica.
[Fonte: www.praza.gal]
Sem comentários:
Enviar um comentário