O profesor de portugués da Escola Oficial de Idiomas de Santiago publica un libro a partir da súa experiencia docente e das respostas do alumnado
Escrito por JOEL GÓMEZ
Valentim Fagim, profesor de portugués da Escola Oficial de Idiomas de Santiago desde o 2012, e con experiencia como docente no ensino deste idioma desde o 2001, publica agora Estou a estudar português. É un novo título, que acrecenta a outros publicados antes, como Do Ñ para o NH, O galego (im)possível, ou O galego é uma oportunidade, entre outros traballos, alén de cursos en liña e actividades de portugués para o ensino secundario galego. «Con este novo libro quero axudar a falantes de galego ou de castelán a aprender ben o portugués. A idea foi reunir nun único volume todos os elementos de interese para as persoas que se aproximan ao portugués de Portugal ou do Brasil, como son a fonética, a ortografía, a gramática ou o léxico, e cunha serie de exercicios breves, para os que hai solución no propio libro, que axudan para apañar o esencial. Hai libros moi bos onde esa información está tratada de forma moi concreta; porén, neste a vantaxe é que reúno todos eses materiais».
Tivo en conta a súa experiencia nas aulas e as respostas do alumnado nestes anos, o feito de que «a maioría conseguen un bo dominio do portugués. Unha das maiores dificultades é a fonética do portugués; hai persoas que conseguen un bo dominio no resto e teñen problemas para pronunciar ben. Felizmente non hai ningunha doenza que imposibilite a unha persoa falante de galego ou de castelán pronunciar ben os fonemas portugueses, ese é un dos temas principais. Tamén na ortografía hai áreas que provocan confusión, como o uso do ç, ou diferenciar entre s simple e ss, e indico como se pode conseguir, é cuestión de hábito. A gramática non costuma ser moi complicada; e no léxico insisto en certas complicacións, como os falsos amigos, onde se debe prestar máis atención para evitar confusións; por exemplo, o significado de exquisito é ben diferente en Portugal e en España», esclarece.
Por iso, Valentim insiste en que este é «un libro de consulta para calquera dúbida que poda haber. En definitiva, todo o que a persoa que aprende portugués precisa saber, reunín todo o que pode ser útil para aprender ben portugués desde o galego ou desde o castelán».
En Galicia os últimos anos aumentaron as persoas interesadas en estudar portugués: «Mellorou a situación coa Lei Paz Andrade, aprobada por unanimidade no Parlamento galego, agora estamos mellor que antes». Porén, afirma, «a presenza do portugués é máis destacada na comunidade autónoma da Estremadura. De feito, un 75 % das persoas que aprenden portugués no Estado español no ensino obrigatorio, ou nas escolas oficiais de idiomas, estudan en Estremadura, a pesar de ter unha menor poboación que Galicia. É así porque o Goberno estremeño apostou con decisión polo ensino do portugués, e hai un recoñecemento de Portugal e do portugués no seu Estatuto de Autonomía, o que non acontece aquí. Así, un 80 % dos centros de ensino de Estremadura ofrecen portugués, e é a segunda lingua en moitos; e na nosa comunidade só un 12-13 %; a diferenza é enorme».
E como é a resposta en Portugal perante o visitante do Estado español que tenta falar portugués?: «En xeral, as persoas portuguesas son moi amábeis, e tentan falar o idioma das persoas de fóra, sexa español, inglés ou francés. No ensino obrigatorio portugués non se estuda a realidade lingüística de España; son un pouco máis coñecidos os idiomas do País Vasco e Cataluña pola maior forza dos seus nacionalismos; co galego non acontece o mesmo, e tamén non coñecen a relación do galego e do portugués. Por iso acontece que moitas veces queren axudar a falantes de galego, cando non é necesario», afirma.
[Foto: PACO RODRÍGUEZ - fonte: www.lavozdegalicia.es]
Sem comentários:
Enviar um comentário