sábado, 2 de junho de 2018

COMO DICILO? Mico

É frecuente, en distintas linguas, a partir de voces como mi, miá, miañ, miñá, mix, mic, etc. construír palabras relacionadas co gato e as súas accións, palabras onomatopeicas que evocan os sons emitidos por este animaliño. Por exemplo, en galego, miar, miañar, miadela, miadura e a propia denominación familiar que usamos para o gatiño : mico, mica  (ou micho, micha).
 
Un miquiño
Por HENRIQUE HARGUINDEY 
 
Ten sona o gato de escolleito á hora de comer: non lle vai calquera cousa nin é comedor de grandes cantidades, de aí a expresión comer coma un mico (ou como un miquiño). Claro que o arquetipo de comer pouco encárnano normalmente en galego outros animais ben máis pequeniños ca el: o paxaro e o pito. Comer coma un pitiño, comer coma un paxariño.
Con toda probabilidade, desa atribución de pouca comida ao gato naceu a frase estar feito un mico ou quedar feito un mico ‘estar [unha persoa] moi delgada’.
A dozura da penuxe do gato vese salientada na comparanza tradicional galega fino/fina  como a lá de gato, referencia á dondeza do contacto físico co animaliño.
O agarimo que a suavidade das maneiras do felino desperta e a sensación de fraxilidade que evoca ás veces fai que os meniños e meniñas sexan chamados entre nós falangueiramente polos adultos mico ou mica. Como anécdota sinalaremos que a escritora galega Emilia Pardo Bazán chamaba ao seu amor afastado e escondido, o novelista Benito Pérez Galdós, “miquiño mío”. Este uso agarimoso aparece, como é sabido, tamén noutras linguas (lembremos o divertido filme What’s New, Pussycat?). 
Tampouco non é moi corpudo outro animal que igualmente chamamos mico, un macaco pequeno e de longo rabo, orixinario da Amazonía. O nome -ao parecer procedente da lingua caraíbe- é coñecido tamén en galego aínda que lóxicamente no noso país é moito menos empregado que o do outro animal, o gatiño. Non sabería eu, daquela, determinar se as frases  deixar a alguén feito un mico (‘deixalo moi avergoñado’), darlle/meterlle a alguén un mico (‘amolalo, enganalo’) ou levar un mico (‘levar un desengano, unha desilusión’) teñen que ver con algún dos dous micos citados. O que si no Brasil é moi corrente é a locución pagar mico, passar vergonha por causa de uma situação vexante ou disparatada”.
En galego a maiores da xa comentada frase de levar un mico, para expresar desilusión, desengano, amoladura, etc. temos estoutra que significa o mesmo: dar (ou levar) un zape
E volvemos ao miquiño: en portugués un zape é unha pancada (ou o ruído dela), e a interxección zape! emprégase para afuxentar o gato (como o noso fux! fux!). En galego temos para o mico as interxeccións zape! e mais gache! As dúas son onomatopeas.
E velaí outro moderno zape para botar fóra ese animal de compañía contemporáneo chamado televisión mudando de programa; ven da onomatopea inglesa zap! E con ela facemos zapping.

[Fonte: www.sermosgaliza.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário