Os
profesores Marta García e Xosé Manuel Pacho, da Facultade de Ciencias
Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo, valoran a importancia
de poder coñecer de primeira man a argumentación do veredicto.
| Carles Puigdemont |
O 5 de abril facíase pública a resolución do Tribunal Superior do Land de Schleswig-Holstein (Alemaña) sobre a orde europea de entrega de Carles Puigdemont —ex-presidente da Generalitat catalá— emitida polo instrutor do Tribunal Supremo español, Pablo Llarena.
O tribunal alemán acordou que non procede a extradición polo delito de
rebelión, e requiriu información complementaria ás autoridades españolas
para unha decisión definitiva no que se refire á entrega polo delito de
malversación de caudais públicos. O texto orixinal, en alemán, chegou á
opinión pública a través dos medios de comunicación. Agora pode ser
consultado en galego grazas á tradución dos profesores Marta
García e Xosé Manuel Pacho, da Facultade de Ciencias Xurídicas e do
Traballo da Universidade de Vigo.
García e Pacho explican que “o contido da resolución xermana achegaba
moitos máis datos e matices” dos que trasladaron os xornalistas. De aí
xorde a idea de traducir a resolución ao galego, un paso que permite ter
acceso ao texto orixinal íntegro. Segundo os docentes, para calquera
xurista, incluíndo o estudantado de Dereito, “o acceso ao
documento-fonte, nun tema coma este, de tanta transcendencia social, é
de sumo interese para coñecer de primeira man a argumentación na que se sustentaba o veredicto”.
Neste sentido, consideran que esta é a única vía para “formarnos
opinión propia sobre a decisión concreta e tamén ter os elementos
precisos de análise das distintas posicións e reaccións sobre o asunto
nos medios de comunicación en España”.
A idea orixinal era achegar a tradución ao alumnado da materia de
Dereito Penal II do grao en Dereito pero, dada a repercusión do tema,
apostaron por darlle máis visibilidade e, finalmente, o texto en galego
está dispoñible para a súa consulta na plataforma web da Irmandade Xurídica Galega, da que Xosé M. Pacho forma parte.
Agora García e Pacho traballan na posta en marcha dunha plataforma
dentro da Universidade de Vigo na que se poidan publicar documentos
xurídicos destas características posto que, “con independencia de que
despois fagamos publicacións técnicas sobre isto, entendemos que unha
sociedade informada dará mellor respostas aos problemas actuais”. Para
isto conta co apoio da Área de Normalización Lingüística da Universidade
e agardan poder sacala adiante.
A posta en común dos coñecementos destes profesores permitiu, “tras
moitas horas de traballo conxunto”, presentar esta resolución da xustiza
alemá en galego nun texto “o máis axustado ao orixinal posible”.
Ademais, para “maior claridade e transparencia”, decidiron incorporar
unhas breves notas explicando ou xustificando as súas eleccións durante o
proceso de tradución.
[Imaxe: @KRLS.- fonte: www.galiciaconfidencial.com]
Sem comentários:
Enviar um comentário