Se a condición de xigante ten sentido ao falar de literatura é por autores como Philip Roth. Novelista principal do século XX, o estadounidense que atacou o puritanismo en O lamento de Portnoy (1979), afondou na convulsa historia do seu país na serie de Nathan Zuckerman e realizou un prego de cargos sobre a súa vida e a súa familia no tramo final -a serie titulada Némese- da súa descomunal obra narrativa. Morreu esta terza feira en Nova York.
Nado en 1933 en Newark, o barrio de Nova
Jersey que en 1967 se revoltou contra o racismo e onde viven varios
milleiros de emigrantes galegos, Philip Roth fixo da súa propia
biografía materia literaria. Mais os seus personaxes ficaban abalados
polos sucesos históricos, da caza de bruxas do senador McCarthy en Casei cun comunista (1998) aos supervivintes do nazismo en O escritor pantasma (1979).
Dificilmente interpretábel sen atender á súa condición cultural de xudeo, marcado polo traballo de Saul Bellow ou Bernard Malamud -tamén
escritores xudeos norteamericanos-, o seu nome era deses que aparecían
cada ano como probábel premio Nobel. Nunca o acadou. En 2012 anunciou
que deixaba de escribir e que Némese (2010) sería a súa derradeira novela.
Só unha das súas obras conta con tradución ao galego. Trátase de Pastoral americana (1997), publicada en 2013 por Kalandraka con tradución de Fernando Moreiras, e que relata a descomposición da vida USA e da súa antítese contracultural e a guerra de Vietnam ao fondo.
[Fonte: www.sermosgaliza.gal]
Sem comentários:
Enviar um comentário