![]() |
| Mapa das linguas de Europa |
Un artigo de Montse Dopico
“A miúdo termos técnicos da análise (socio)lingüística (i.e.
bilingüismo, dialecto e lingua, entre outros) téñense deslizado cara á
esfera pública cobrando un novo sentido ou, cando menos, xogando un
papel diferente. Ao noso parecer, algo semellante ocorreu coa clásica
caracterización do galego como idioma minoritario e minorado. Se o
primeiro adxectivo é cuestionable, o segundo converteuse nunha pexa á
hora da promoción lingüística desta lingua”. Isto afirman os investigadores Martín Vázquez e Facundo Reyna, editores do ensaio Encrucilladas da diversidade lingüística europea. Kiel-Santiago de Compostela,
(Galaxia), que defenden caracterizar, no discurso público, a comunidade
lingüística galega como “de tamaño medio” para contribuír a “configurar
unha imaxe máis positiva da lingua galega”.
O termo “comunidades lingüísticas de tamaño medio”, das que son exemplo
a neerlandesa, checa, polaca, ucraína, danesa, eslovena, estoniana,
finesa, hebrea, letoa e húngara, xorde, segundo estes autores, para
definir as comunidades situadas nunha posición intermedia entre
as grandes linguas e as pequenas. Trataríase de linguas de máis dun
millón de habitantes e menos de 25 millóns, faladas en sociedades
economicamente “desenvolvidas” e cunha “transmisión
interxeracional positiva como síntoma de vitalidade lingüística”.
Segundo estes criterios, a comunidade lingüística do galego podería
considerarse de tamaño medio, malia que “a súa vitalidade lingüística
non está garantida e a transmisión interxeracional é un dos problemas
máis importantes”.
Desde o punto de vista demolingüístico, explican Vázquez e Reyna no limiar de Encrucilladas da diversidade lingüística europea,
o galego sitúase entre o 5 por cento das linguas do mundo con máis dun
millón de falantes, “feito que demostra a pouco axeitada caracterización
desta lingua como minoritaria”. “Entendemos”, -engaden-, que “a
caracterización da comunidade lingüística galega como mediana, un termo
que non remata por rachar a xerarquización entre
minoritario-maioritario, sérvenos para mellorar a imaxe e contribuír a
eliminar algúns dos prexuízos sobre a súa utilidade ante o marco
ideolóxico imperante”. Da mesma maneira, aseguran que o termo
“lingua minorada”, aínda que nalgún momento puido servir para denunciar
as “forzas invisibles” que actuaban na substitución lingüística,
“agochadas baixo o argumento da liberdade do individuo, na actualidade
esta etiqueta xoga en contra do galego á hora da súa promoción”.
Vázquez e Reyna conflúen ademais, na súa argumentación, co profesor da
Universidade de Vigo Fernando Ramallo, que noutro dos artigos recollidos
neste mesmo libro ocúpase das linguas minoritarias europeas. Malia a
elaborada narrativa a favor do mantemento destas linguas, tan
reproducida no “mantra” neoliberal da “unidade na diversidade”, en
moitos Estados, -indica Ramallo-, “as políticas públicas deixan
de lado non só a promoción da diversidade senón, e isto é o máis
preocupante, unha elemental protección”, de xeito que se reforza o
“discurso da diversidade como un mecanismo de dilución do discurso da
xustiza”, ao tempo que se constrúe o discurso da diversidade como
problema. O autor defende, por isto, unha abordaxe da
diversidade lingüística a partir das desigualdades e non desde unha
retórica “baleira e abstracta”.
As cifras que se manexan, -sostén Ramallo-, “sitúan a
diversidade lingüística de Europa entre 230 e 300 linguas, das que un 15
por cento ten status de ‘lingua oficial’. O resto, considéranse linguas
sen Estado, linguas rexionais ou linguas minoritarias. Das
linguas minoritarias, 79 estarían cubertas pola Carta Europea para as
Linguas Rexionais ou Minoritarias. Mais o concepto “minoría
lingüística”, -lembra-, é ambiguo. Unha serie de trazos, -explica-,
adoitan aparecer nas situacións de minoración lingüística, como, desde o
punto de vista sociopolítico: a dependencia política en modelos
democráticos liberais, o baixo prestixio social, o conflito lingüístico
permanente, que pode estar latente, e o activismo cívico a favor da
lingua minorada, ou desde o punto de vista demográfico o perfil
envellecido ou a aparición de minorías aínda máis desprotexidas, fronte
ás minorías autóctonas, a consecuencia dos movementos migratorios.
Outros trazos serían, desde o punto de vista legal, unha fráxil
lexislación de protección das minorías lingüísticas e o baixo nivel de
visibilidade institucional, desde o económico o empobrecemento e desde o
sociolingüístico problemas de ruptura da transmisión interxeracional,
presenza de neofalantes ou actitudes máis favorables á diversidade
lingüística nos falantes da lingua minoritaria que nos da dominante,
xunto con actitudes máis neutrais cara á primeira, nos falantes da lingua
maioritaria ou desfavorables, se consideran o bilingüismo como
competencia. En canto ao futuro destas linguas minoritarias, Ramallo
propón un modelo para tratar de predicilo, en función de dúas variables:
o maior ou menor prestixio social da lingua e a intensidade do conflito
lingüístico entre as comunidades en contacto.
Así, no grao un estaría a substitución lingüística, en situacións de
baixo prestixio sen apenas resistencia social; no grao dous a diglosia
funcional, en situacións de baixo prestixio e con conflito baixo ou
latente que leva a tensións cando se activa; no grao tres a autonomía
lingüística, con establecemento de dereitos lingüísticos
territorializados; no catro o federalismo lingüístico, con monolingüismo
exclusivo da lingua minoritaria nun determinado territorio, e
multilingüismo oficial, acando a lingua minoritaria status legal en todo
o Estado e para todas as funcións. En calquera caso, -resume Ramallo-,
as linguas europeas son maioritariamente linguas minorizadas. E a dobre
consideración das linguas como maioritarias ou minoritarias, oficiais ou
non oficiais, constitúe a base dunha discriminación con múltiples
implicacións.
“Basta xa de episodios gloriosos pero errados!”, conclúe este autor. Pois, -salienta-, os
falantes das linguas minoritarias “teñen dereito á caída do adxectivo e
a que no seu día a día a súa lingua sexa maioritaria e operativamente
exemplar. Se aceptamos que as linguas minoritarias teñen futuro, cómpre
desminoralas, isto é, enchelas de oportunidades, de espazos de
uso, de funcionalidades mediante a súa transformación de linguas
minoritarias a linguas comunitarias”.
Sobre o futuro da lingua -galega- reflexiona tamén, no mesmo libro, o
profesor emérito da Universidade de Santiago e ex-presidente da Real
Academia Galega Xesús Alonso Montero, que reivindica o galego como unha
lingua “antiburguesa”. Nun texto que parte das lembranzas da súa
infancia e da súa toma de conciencia do nexo entre lingua e clase
social, lembra que, no Rexurdimento, as elites intelectuais galegas eran, no seu día a día, monolingües en castelán.
“Rosalía e Murguía”, -sinala- “escribíanse sistematicamente neste
idioma, e neste idioma, o castelán, cortexáronse, namoraron, conviviron e
socializaron os seus fillos”. E esta situación mantívose, con poucos
matices, durante décadas.
Deste xeito, -asegura-, Ramón Otero Pedrayo non falaba en galego coa súa nai,
e a mesma “incoherencia” entre o seu discurso público e a lingua das
súas relacións familiares amosaron Francisco Fernández del Riego ou
Ricardo Carvalho Calero, “capaz de dirixirse en castelán á súa muller e
ás súas dúas fillas en grupos onde o galego era o idioma de conversa”.
Arredor de 1955, -engade-, Antón Beiras e Antía Cal comezaron a falar en
galego no fogar, a partir dunha “heroica decisión incomprendida daquela
por non poucos antifranquistas e non seguida en Vigo e en Lugo por
ningún dos galeguistas que xa o eran antes do 1936”.
Segundo Alonso Montero, é Curros Enríquez, por outra banda, o
primeiro defensor do galego que presenta esta lingua como “un idioma
civil, un idioma nobre”, dotado da nobreza que lle transmite non “o
ocio, o ouro e o ouropel” das clases altas, senón “o prestixio do
traballo e do sufrimento” das clases traballadoras. A “lingua
proletaria do meu pobo” de Celso Emilio Ferreiro, o idioma da “nación
sociolóxica” dos pobres, dos labregos, dos “parias”. No Rexurdimento,
-sinala Montero-, ningún dos moitos apoloxistas da lingua patria a
defendeu con este argumento, agás Curros, como despois fará Castelao.
A partir dos anos 80, o Estatuto de Autonomía e as leis posteriores
sobre o idioma, -en concreto, a presenza do galego na escola, nos medios
de comunicación e na administración-, conseguen, segundo Montero,
desacelerar o proceso de substitución lingüística, pero se a
inmensa maioría da sociedade aínda non a percibe como unha lingua de
prestixio é, segundo a súa análise, porque as “clases altas”, -agás
excepcións-, seguen sen usala como lingua coloquial habitual,
“nin na casa nin no marco veciñal ou profesional”. Mais de toda a
sociedade, conclúe, e non só de certas institucións ou grupos, depende o
seu futuro.
A obra Encrucilladas da diversidade lingüística europea foi
impulsada desde o Centro de Estudos Galegos de Kiel (Alemaña), baixo a
dirección de Javier Gómez-Montero. O Camiño de Santiago foi a vía
escollida por este centro para poñer en valor a lingua galega, no
contexto do plurilingüismo europeo, no norte de Europa. “A
literatura”, indica o propio Gómez-Montero nun artigo neste libro,
“fundou o Camiño” e “é un espello de como cada xeración o reinventa”.
As lecturas literarias do Camiño, os textos ficcionais e a literatura
odopórica, “redescobren de mil formas diferentes o territorio que o
cruza, a súa historia oculta, a das súas cidades, aldeas e vilas, e
supoñen tamén unha aproximación ás linguas dos seus habitantes,
enraizándoas tanto na sociedade como nos seus imaxinarios colectivos”.
No espazo báltico, a diversidade lingüística está presente en virtude
da confluencia entres as familias lingüísticas xermánica, eslava a
báltica, xunto con linguas non indoeuropeas como o finés e o estoniano. O
espazo báltico é, segundo Vázquez e Reyna, lugar de reunión de moitas
das comunidades lingüísticas de tamaño medio. Da diversidade lingüística
no norte de Alemaña e áreas veciñas ocúpase en Encrucilladas da diversidade lingüística europea o
profesor Alastair Walker, da Universidade de Kiel, que define os
distintos modelos educativos en canto a presenza das linguas
minoritarias ou rexionais.
Así, remarca, nos Países Baixos o frisón occidental pode abranguer
desde unha hora de aulas á semana ao 50% do currículo, segundo a
decisión da dirección de cada escola, mentras que o baixo saxón case non
está nas aulas, agás en dous concellos. En Alemaña, hai un
modelo de inmersión lingüística en todo o currículo nas escolas de
minoría danesa; o baixo alemán é moi pouco utilizado, aínda que a
tendencia comeza a mudar; o frisón setentrional está normalmente unha ou
dúas horas á semana no xardín de infancia e na escola, e o romaní non
ten taxa de matrícula formal, aínda que membros da comunidade
lingüística acompañan os nenos sinti na escola en Kiel, empregando esta
lingua. En Dinamarca, case todo o currículo nas escolas de minoría alemá
ten como lingua de instrución o alemán.
Deste xeito, conclúe o autor, “as dúas minorías que teñen os
sistemas educativos máis eficientes e desenvolvidos son as minorías
danesa e alemá. Estas son dúas minorías transfronteirizas nas que a
lingua minoritaria é máis unha lingua de uso institucional que familiar”,
mentras que “as comunidades lingüísticas autóctonas, coa excepción do
frisón occidental, teñen xeralmente unha posición moi modesta nos
respectivos sistemas educativos estatais”.
[Fonte: www.praza.gal]

Sem comentários:
Enviar um comentário