A Fundación Laxeiro exhibe a "historia" de tres espantallos relatada polas imaxes do fotógrafo
Manuel Sendón, este 11 de febreiro, diante
dalgunhas das imaxes expostas na sede da Fundación Laxeiro, en Vigo.
Escrito por Manuel Xestoso
Xa hai
case dúas décadas, o fotógrafo e fotohistoriador Manuel Sendón comezou a
fotografar espantallos, uns bonecos que lle chamaban a atención pola intención
estética que intuía nunhas construcións cun evidente destino utilitario. Entre o humano e o obxectual, entre o
funcional e o artístico, aqueles seres antropomóficos denotaban unha actitude
creativa incontestábel por parte dos seus facedores. E iso conectaba coa
tradición da arte do século XX do ready-made, de Duchamp, dunha actividade que non deixa de ser outorgar
novos usos e significados á realidade.
"O certo é que comecei
a fotografalos en 2007 simplemente porque me parecían bonitos", explica
Sendón a Nós Diario. "Pero co paso do tempo fun preguntándome polo sentido
que tiña aquilo e axiña cheguei ao concepto de reciclaxe. Un día, paseando por
Xenebra, vin unha lata vella pendurada dunha árbore que se reciclara para recoller
o lixo, e inmediatamente asociei aquel acto co dunha sociedade avanzada que
apostaba pola reutilización. Mais axiña me decatei de que iso é exactamente o
que fai a sociedade rural galega, só que aquí adoita verse cun desprezo que nos
leva a empregar o termo despectivo feísmo".
Sendón revólvese contra este
desdén por unha cultura que sabe optimizar os seus recursos –polo xeral
escasos– e ve nela unha sabedoría que sinala camiños para as sociedades do futuro.
"En realidade, todos vimos do mesmo sitio: como
escribe Ferrín en Con pólvora e magnolias,
todos levamos dentro a Europa campesiña. En nas culturas campesiñas non se tira
nada".
Historia de tres espantallos
Mais o simbolismo da
exposición que Sendón inaugurou esta cuarta feira na Fundación Laxeiro de Vigo
non se detén aí. O artista selecciona tres dos espantallos fotografados e
preséntaos en tres series de imaxes realizadas desde 2012 até 2025,
introducindo o factor temporal e, daquela, a narratividade.
"Publiquei o
libro Espantallos en 2015 e, habitualmente, unha vez publicado o libro
abandono o tema. Neste caso non ocorreu así,
e seguín fotografando tres dos espantallos, seguindo as súas historias particulares".
O resultado son tres relatos que se
converten nunha metáfora da evolución do agro galego: os espantallos caen,
érguenos, a roupa desaparece, cámbianlla... Unha loita pola supervivencia
ateigada de episodios de resistencia que se dirixen a un resultado incerto: a
morte ou o rexurdimento.
"Interésame a capacidade de suxerir
da fotografía e esta serie remite inmediatamente á situación agónica do campo.
Mais, nestes tempos crueis tamén pode traer á mente a situación de milleiros de
persoas que loitan en todo o mundo pola supervivencia en circunstancias
terríbeis", conclúe.
[Foto: Fundación Laxeiro -
fonte:www.nosdiario.gal]

Sem comentários:
Enviar um comentário