terça-feira, 10 de fevereiro de 2026

Liberdade para usar o galego?

Escrito por Henrique del Bosque Zapata 

Un dos obxectivos dos dereitos lingüísticos consiste na protección dun ben social, a lingua, cuxa produción e distribución corresponde a unha comunidade. A creación, conservación e distribución deste ben é de carácter colectivo, sendo irredutíbel ao tipo de bens de uso e consumo individual, como ben ten observado a Comisión de Dereitos Humanos da ONU. Porén, aínda que nun exercicio de malabarismo intelectual prescindísemos do carácter e do interese abstracto de grupo e nos remitísemos en exclusiva ao interese dos individuos que comparten entre si ese ben, a necesidade da protección xurídica mantén toda xustificación por mor de garantir o dereito ao uso do idioma propio, tanto nas relacións persoais coma nas institucionais.

No que respecta ao ámbito do público, temos salientado en numerosas ocasións que unha comunidade política ten que optar pola oficialización dunha ou máis linguas. Oficialización que significa o recoñecemento dunha lingua de administración, de atención nos servizos públicos, unha lingua vehicular na aprendizaxe, de etiquetado de produtos, de difusión das mensaxes públicas e de comunicación política, entre outros. Un país non precisa dunha relixión oficial, mais si dunha lingua oficial. Pois ben, no noso país hai recoñecidas dúas linguas oficiais: a galega, que é a lingua propia, e a castelá; mais, como comprobamos a decote, esta última é tratada e privilexiada como se fose a única oficial. 

A norma permite a contratación de persoal sanitario, en todas as súas categorías, aínda que este non acredite coñecemento algún da nosa lingua

Un dos últimos exemplos da falla de respecto, de consideración e de recoñecemento á nosa lingua por parte do goberno da Xunta de Galiza é a Disposición adicional segunda da Lei 5/2025, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas no referente ás medidas especiais en materia de listas de contratación de persoal laboral temporal e de persoal funcionario interino durante o ano 2026. Esta disposición non só supón unha auténtica pexa legal a que os usuarios dos servizos públicos de saúde poidan elixir e empregar libremente o idioma galego senón que pretende estabelecer situacións de excepción onde os dereitos lingüísticos das galegas e dos galegos falantes fican suspendidos. Porque a realidade é que a devandita disposición normativa permite a contratación de persoal sanitario, en todas as súas categorías, aínda que este non acredite coñecemento algún da nosa lingua.

Temos que nos decatar de que unha medida coma esta xera unha situación de renuncia forzada tanto ao emprego da nosa lingua como á demanda do dereito ao seu uso, dada a especial relación que supón a posición de paciente, caracterizada pola vulnerabilidade e a asimetría que a súa situación implica. Cabe imaxinar, tamén, a mingua do xa precario uso do galego dentro da propia administración sanitaria así coma o progresivo incremento do español, único idioma con posibilidade real de libre uso e elección. Unha medida que, alén de evidenciar a política de subalternización do noso idioma, amosa un auténtico fraude tendente a desactivar as garantías para o exercicio dos dereitos lingüísticos individuais.

Dereitos vulnerados

Repasemos, a seguir, as normas que se están a burlar e como se vulneran os nosos dereitos.

Estatuto de Autonomía: "A lingua propia de Galicia é o galego. Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usarr".

Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística: "Os cidadáns teñen dereito ao uso do galego, oralmente e por escrito, nas súas relacións coa Administración Pública no ámbito territorial da Comunidade Autónoma".

Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración: "Todas as persoas usuarias dos servizos públicos autonómicos, terán dereito a utilizar e a ser atendidas, segundo a súa escolla, na lingua galega ou castelá. Para estes efectos, adoptaranse as medidas organizativas do servizo necesarias para a garantía deste dereito. O galego será a lingua de uso normal e preferente en todas as actividades relacionadas coa organización e prestación dos servizos públicos".

Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia: "As administracións públicas garantirán os dereitos constitucionais e lingüísticos das persoas, tanto respecto do galego, como lingua propia e oficial de Galicia, coma do castelán, lingua oficial en Galicia. A estes efectos, nas probas selectivas que se realicen para o acceso aos postos das administracións públicas incluídas no ámbito de aplicación desta lei incluirase un exame de galego, agás para aquelas persoas que acrediten o coñecemento da lingua galega conforme á normativa vixente".

Liberdade lingüística? Liberdade de elección? Liberdade de que?

Henrique del Bosque, licenciado en Dereito e ensaísta

[Fonte: www.nosdiario.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário