segunda-feira, 16 de fevereiro de 2026

Don Xesús, o alento do espírito crítico


Escrito por Ramón Nicolás

Educado como fun, para ben ou para mal, no cultivo de certas normas de educación, nunca fixen un problema co tratamento de respecto a algunhas persoas. O caso é que, pasados os anos, a única persoa á que sempre tratei de vostede foi ao profesor Xesús Alonso Montero. E non se entenda como fórmula de distanciamento ningún, pois nunca o sentín con el, nin sequera nas aulas do Colexio Universitario de Vigo nos anos oitenta cando o coñecín, senón que pola miña parte supuña, inconscientemente, unha manifestación natural de recoñecemento e, tamén, de admiración, sustentada despois na amizade e nos lazos de afecto que o tempo foi tecendo entre nós.

Por iso estas liñas son poucas para testemuñar, e non saben ben como facelo, a importancia de alguén como don Xesús na vida de quen isto escribe porque se un se dedica á docencia e a outros mesteres vinculados coa palabra é porque existiron persoas coma el e que un tivo a sorte de atopar.

Unha das primeiras obrigas foi a de convidarnos, nin máis nin menos, a coñecer a Biblioteca Penzol para facer traballos sobre literatura medieval galego-portuguesa, malia el impartir literatura castelá. Estas cousas insospeitadas facían que a súa fose unha presenza moi valorada polo estudantado que acababa facendo causa co que nos suxería, unidos pola defensa da nosa lingua e da nosa literatura, sempre por riba de profesar esta ou estoutra ideoloxía.

Todo isto dito desde a gratitude dun filólogo que aquí debía subliñar, neste obituario que nunca quixera redactar, a capacidade oceánica do seu traballo, o legado en forma de libros e artigos xornalísticos e divulgativos que nos deixa, as súas virtudes como orador, o seu labor como socio-lingüista e investigador en calquera orde das letras —difícil, por non dicir imposible, de igualar ou emular— e o seu exemplo cívico e ideolóxico que pasou por ser, toda a súa vida e como el dicía, un aprendiz de comunista e, sempre, un activo defensor da memoria antifascista; tamén unha persoa que teimaba, e sabía como facelo, en espertar o espírito crítico na aula, ao ditar unha conferencia ou cun café polo medio.

Saliento, esta é a miña experiencia, a súa xenerosidade e empatía, a súa comprensión e o seu sentido do humor que agromaba nos momentos realmente importantes que foron os compartidos, e moitos deles quilómetros arriba e abaixo por Galicia toda: de Ventosela ou Fornelos a O Grove, da Coruña a Ourense, de Trives a Cuntis, de Lugo a Vigo… Todo isto que agora xa se fai de menos. Souben a noticia cando corrixía probas do libro Trinta anos de poesía crítica (1936-1966): unha antoloxía poética censurada no ano 1967 na que traballamos intensamente e que el xa non poderá ver publicada aínda que si chegou a revisar, lémbroo agora, moi polo miúdo hai escasos meses. Este libro, e a memoria dos que tivemos a sorte de tratalo, ha servir para que siga e entre nós. Gratias tibi ago, don Xesús. Beizón.


[Fonte: cadernodacritica.wordpress.com]

Sem comentários:

Enviar um comentário