Antía Marante (A Coruña, 1982) explora en Vostede está aquí (Cuarto de Inverno) a identidade desde o desprazamento, o tránsito e a experiencia de habitar o alleo. A partir da estadía da autora en Alemaña, o poemario constrúe un mapa poético de baleiros, aprendizaxes e novas coordenadas vitais.
 |
| A escritora Antía Marante |
Escrito por Sergio Casal
—Que significa para vostede ese “vostede está aquí” aplicado á identidade?
Vostede está aquí é un xogo poético que creei despois de estar case tres anos en Kiel, no norte de Alemaña, onde fun docente de galego na universidade. Foi un intento de situarme nun baleiro que, cando estás nun lugar novo no que non tes nada arredor relacionado coa túa identidade, ten moito que ofrecer. Cando chegas a un sitio novo hai novas coordenadas e novas regras do xogo. Este libro é tamén un traslado dese exercicio ao poético. Collo da man o lectorado para que se sinta nese baleiro e, a partir de aí, poida comezar a percibir, percorrer e transitar novos espazos que lle poden resultar alleos. Nese deambular hai moita posibilidade de ensaio, de erro e de aprendizaxe para desbotar todo o que non queremos.
—Como cambia a mirada cando habitamos lugares que non son de orixe?
Cando nós chegamos a un novo lugar, primeiro sempre hai un estrañamento, porque hai unha tentativa de recoñecernos nese espazo. Hai cousas que si que funcionan e outras que non. Eu sempre conto a anécdota da escena de Doutor en Alaska onde ao protagonista lle ofrecen hamburguesa de caribú ou de alce e, aínda que non quere ningunha, pide a de caribú moi convencido de si mesmo. Ti ao mellor non te recoñeces ao chegar a un lugar, pero comezas a incorporar cousas e iso tamén é o importante. Estar permeábel nese tipo de tránsitos por novas xeografías pode axudar a formar unha nova identidade unida ao que xa traemos.
—En que momento un lugar alleo comeza a sentirse propio?
Nas experiencias de diáspora sempre hai unha parte dura de estrañamento ao comezo. Eu sempre puntualizo que a miña experiencia na diáspora parte do privilexio, non como noutros casos nos que se vive desde a falta de oportunidades e sen adaptación amábel onde o contexto é máis violento. Eu cheguei para exercer un traballo concreto e ese privilexio permitiume, desde o acompañamento amábel, encontrarme a min mesma nesa nova xeografía, compartindo historia, cultura e maneiras de estar. Si que hai un momento no que hai un clic, aínda que sexa progresivo e tarde en chegar. Tamén ten moito que ver o lugar que ocupas, o teu traballo e o privilexio que tes.
—Este libro fala máis do desprazamento físico, do interior ou é unha conxugación de ambos?
Os poemas funcionan máis como un espazo baleiro no que traballar emocións e situar certas falantes líricas en diferentes momentos históricos e diferentes lugares. Digamos que é unha ficcionalización da experiencia xeral que supón estar fóra e ollar doutro modo outras xeografías que tamén son novas.
—Como pode a creación deses baleiros axudarnos a entender mellor quen queremos ser?
Aí entra a lectura de cada unha das persoas. Eu encargueime de que houbese un acompañamento para quen le. Cadaquén, dependendo dos seus tránsitos, contextos e experiencias pode animarse a aproveitar ese espazo distinto e alleo onde verse percibindo cousas novas, así como vivir o proceso da lectura como unha viaxe ou un paseo imaxinario por un mapa.
[Fonte: www.nosdiario.gal]
Sem comentários:
Enviar um comentário