segunda-feira, 8 de janeiro de 2024

As 'Cantigas de Santa María' de Afonso X traídas ao galego da actualidade

“É a primeira vez que se realiza a tradución completa desta colección tanto ao castelán como ao galego de hoxe porque son moitísimas cantigas -427- e porque, debido á estrutura que seguen, cómpre descompor e recompor as estrofas para que se comprendan ben os textos”, explica a experta Elvira Fidalgo.

 
                      Dúas páxinas das 'Cantigas de Santa María'
 

O Grupo de Investigación de Románicas da Universidade de Santiago de Compostela (USC) está a traballar nunha nova edición crítica das Cantigas de Santa María de Afonso X O Sabio, que estará acompañada dunha “tradución ao galego actual”, e que se editará en colaboración co Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. O grupo aborda diferentes liñas de estudo vinculadas coa Idade Media e dentro delas a catedrática de Filoloxía Románica Elvira Fidalgo céntrase dun modo moi particular nas cantigas, campo no cal está especializada e no que leva afondando desde hai máis de tres décadas.

A investigadora ten estudado esta obra en todos os seus aspectos: a edición dos textos, a análise das súas formas métricas, o léxico empregado para a súa redacción, o que tería sido o seu público receptor, o proceso de creación ou a análise da sociedade medieval que se reflicte nos seus versos. “Esta é unha das peculiaridades desta obra porque, como se trata de textos narrativos, onde se contan feitos que lle podían pasar a calquera persoa na Idade Media, sen distinción de clases sociais, de lugares ou de etnias, ofrécenos un debuxo perfecto da vida e costumes das xentes do século XIII”, indica.

A catedrática xa realizou recentemente a primeira tradución completa ao castelán que existe destes textos, dispoñíbel en formato electrónico na web da Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes. A súa finalidade é facilitar a comprensión destas composicións aos investigadores que non están familiarizados co galego medieval (nin co galego) e que as usan como soporte para as súas investigacións nos campos máis diversos.

Explicación dos topónimos

Na actualidade, Fidalgo está a elaborar unha nova edición crítica das cantigas desde a proposta das normas ortográficas do galego actual. Tanto a edición como a tradución ao galego estarán accesíbeis na páxina web do Centro Ramón Piñeiro, onde tamén se aloxará un recurso electrónico (e-Strela) que facilitará a investigación ás persoas investigadoras que desexen coñecer os detalles máis precisos das Cantigas de Santa María, achegando así mesmo a obra ao público menos especialista.

“É a primeira vez que se realiza a tradución completa desta colección tanto ao castelán como ao galego de hoxe porque son moitísimas cantigas -427- e porque, debido á estrutura que seguen, cómpre descompor e recompor as estrofas para que se comprendan ben os textos”, explica a experta.

“O estudo e a investigación na literatura medieval teñen que adaptarse aos tempos actuais. Por iso, a combinación de manuscritos medievais e das Humanidades Dixitais é imprescindíbel no noso labor de investigación e de difusión do coñecemento adquirido”, salienta a investigadora.

 
[Imaxe: USC - fonte: www.nosdiario.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário