Poderíase dicir que a seguinte reportaxe foi devorada pola desapiadada actualidade. Foi escrita sobre o terreo tan só unha semana antes do comezo da invasión de Ucraína por parte de Rusia, polo que haberá quen considere que non ten moito sentido publicala despois de que a caprichosa realidade tumbara unha das hipóteses principais que introduce. Nada máis afastado da realidade. Esta peza serve para dar contexto a unha guerra evitable (coma todas), e na que a información é a primeira vítima. Neste caso, esta frase feita faise aterradoramente real: un dos seus autores, Pablo González, leva preso nunha prisión polaca dende o pasado 28 de febreiro, totalmente incomunicado e sen que ninguén saiba nada do seu estado, acusado de ser un «axente ruso».

Por Pablo González e Juan Teixeira
Segundo veñen informando nos últimos meses gran parte dos medios de comunicación occidentais, Rusia estaría a piques de invadir militarmente Ucraína. A día de hoxe, este grave feito segue sen producirse. Con todo, esta antiga república soviética leva inmersa nos últimos oito anos nunha tremenda crise que tampouco ten vistas de solución. Viaxamos ao centro e leste do país para intentar entender mellor este complicado escenario.
Tras varios anos de silencio mediático internacional, Ucraína volveu ás cabeceiras da maior parte dos medios de comunicación. E a razón é potencialmente crítica: unha invasión militar rusa. As razóns que explicarían este conflito son tan diversas como o choque Rusia-Occidente, a división interna do país, os prezos do gas ou a degradación dos esquemas xeopolíticos reinantes dende o fin da Guerra Fría. Porén, o sentido común e a lóxica non abondan para comprender o crebacabezas social no que se converteu o país na última década.
![]() |
| Un membro do batallón de extrema dereita Azov ensina a utilizar un lanzafoguetes a un civil durante unhas xornadas de portas abertas en Kiev. |
Hai xa oito anos, Ucraína virou violentamente cara a Occidente. Fíxoo a través das coñecidas como protestas do Maidán (praza en ucraíno), que fixeron caer o goberno lexítimo de Viktor Yanukovich despois de que este rexeitara asinar un acordo de cooperación coa Unión Europea. Para unha parte da poboación ucraína e a maioría dos socios occidentais esta foi a «revolución da dignidade», na que «o desexo de liberdade» dos ucraínos prevaleceu ao achegamento coa autoritaria Moscova. Para outros foi un golpe de Estado en toda regra, no que unha activa minoría nacionalista (apoiada fortemente dende o exterior) impuxo a súa axenda de ruptura dos lazos centenarios con Rusia e achegamento a occidente.
En todo este tempo, Ucraína perdeu importantes partes do seu territorio: a península de Crimea anexionada por Rusia, e parte da rexión do Donbass onde os separatistas locais apoiados por Moscova autoproclamaron dúas repúblicas independentes en Donetsk e Lugansk. Neste recuncho do mundo vivíronse uns arrepiantes combates entre o verán de 2014 e o inverno de 2015, deixando máis de trece mil mortes tras de si. Dende entón a rexión vive unha guerra de desgaste, con mortos practicamente cada semana, aínda que sen movementos da liña de fronte, á espera de que se cumpran os ignorados Acordos de Minsk.
![]() |
| Xudeus rezando na sinagoga de Dnipro, a maior do mundo e financiada por dous coñecidos oligarcas ucraínos. |
Con este dantesco panorama, non é de estrañar que os ucraínos atendan ás azueiras de guerra que chegan dende occidente con escepticismo. É o conto de Pedro e o lobo, aínda que na versión de Putin e os tanques. O goberno de Kiev leva tanto tempo anunciando a invasión rusa que a meirande parte da xente xa non cre o conto. E aínda así, neste inverno de 2021-2022 de súpeto a tensión aumentou, coas cancelarías de Moscú, Washington, Berlín ou París facendo horas extra para evitar un conflito que, por momentos, parecía inevitable. Así o venderon incesantemente nos grandes medios occidentais. E así o entendeu boa parte da cidadanía. Lembremos que as guerras de hoxe en día non se deciden tanto nas trincheiras como nas mentes da poboación. Para vencer hai que convencer, de aí a intensa guerra mediática que acompaña a cada conflito nesta era da desinformación. Esta contradición entre o que venden os grandes conglomerados de información e a caprichosa realidade pode observarse con nítida transparencia cando un recompila información de primeira man.
No caso do conflito ucraíno, as contradicións son múltiples e enganosas. Unha delas vívese, por exemplo, en Dnipro. A cidade anteriormente coñecida como Dniepropetrovsk foi, na época soviética, un dos principais centros de produción de mísiles, tanto militares como os destinados ao programa espacial. Agora a fábrica de Yuzhmash non é máis que unha serie de inmensos hangares baleiros. E se antes de 1986 os estranxeiros tiñan prohibido entrar incluso na cidade, agora pódese conseguir o permiso mesmo para visitar a propia fábrica. Un complexo que nos seus mellores tempos daba traballo a máis de cen mil persoas, e que agora non é mais que unha sombra dese pasado.
![]() |
| Cemiterio de Dnipro, onde hai enterrados máis de 300 soldados caídos na guerra no leste de Ucraína. |
Os poucos traballadores que quedan, moitos en idade de xubilación ou próximos a ela, estrañan a época soviética, cando facían mísiles para conquistar o espazo, algo que cualifica como «o noso orgullo» un dos enxeñeiros, e engade que agora non é que non queiran amosar aos visitantes algo dos seus desenvolvementos militares, é que simplemente «non hai nada que amosar». Todos os seus programas, dedicados ao espazo civil, están conxelados. A ausencia do seu histórico socio principal, Rusia, fai que este termo de «conxelación» soe realmente máis a cancelación. Só uns poucos encargos por parte dos Estados Unidos lles dan algo de traballo, pero incluso iso vai acabar cos novos desenvolvementos de Elon Musk.
Pero non a todos lles vai mal en Dnipro. Unha comunidade renacida e en auxe é a xudía. En Dnipro contan co maior centro xudeu do mundo: sete torres que dominan a silueta da cidade, onda á sinagoga. Neste centro teñen hotel, restaurantes, salas de exposicións, unha clínica, un museo do holocausto e numerosas instalacións adicionais, todo forrado en mármore traído dende o mesmísimo Israel. Son ademais os responsables da vacinación de máis dun terzo da poboación de Dnipro. Falando co presidente desta comunidade, Zelig Brez, pódese ver outra das múltiples contradicións da Ucraína actual.
![]() |
| Un traballador da fábrica Yuzhmash onde antigamente traballaban miles de empregados fabricando alta tecnoloxía espacial. Hoxe en día apenas teñen encargos e as instalacións languidecen. |
Brez defende a xestión do presidente Zelenskiy, a quen cualifica como unha persoa moi sabia (casualmente tamén é de orixe xudía) e engade que a súa comunidade tomará as armas para defenderse en caso dun ataque ruso. Á pregunta de como se sente a comunidade xudía convivindo cun nacionalismo ucraíno que glorifica aos colaboradores dos nazis, como o foron os ucraínos da División Galitsina das SS, Brez móstrase preocupado polo aumento das simpatías filonazis en moitos países, pero opina que son unha minoría que non representa o país.
É rechamante ademais que a cidade e a rexión de Dnipro, historicamente de ampla maioría rusofalante, sexan a orixe dunha gran parte de voluntarios que foron á guerra contra o separatistas prorrusos en 2014-2015. Só no cemiterio militar da cidade atópanse soterrados aproximadamente 300 combatentes, parte dos cales aínda están sen identificar, e outros, a pesar de que están identificados mediante probas de ADN, non son recoñecidos polos seus familiares. Un caso que, segundo explica Yulia, traballadora do concello de Dnipro, é unha medida de protección psicolóxica das propias familias, á espera de que un milagre lles devolva ao seu fillo, ou a que o tempo lles faga aceptar a súa perda definitivamente.
![]() |
| Interior dun búnker soviético nos arredores de Dnipro, acondicionado na actualidade para albergar a máis de 200 persoas en caso de guerra con Rusia. |
Esta é outra das realidades contraditorias que se mesturan na Ucraína actual e que é de difícil explicación: como cidadáns rusofalantes colleron as armas contra outros cidadáns rusofalantes. Hai quen o explica mediante a educación patriótica dos tempos soviéticos, outros mediante a mobilización que practicaron os medios de comunicación. Outros achácano a unha potente onda nacionalista que percorreu o país, quitando os referentes soviéticos por outros de ultradereita.
Precisamente esa importancia dos elementos de ultradereita na sociedade ucraína foi obxecto de debate entre os especialistas no tema dende 2014. Así, uns defenden que o seu peso é marxinal, que non teñen representación parlamentaria e que as simpatías por estas ideas son mínimas entre os ucraínos. Con todo, tamén é certo que foron eses elementos os que participaron máis activamente no Maidán e fixeron posible a caída do presidente Yanukovich, e que foron eses elementos os responsables de masacres como a de Odessa en maio de 2014, onde queimaron vivas a máis de corenta persoas, ucraínas todas que simpatizaban con Rusia.
![]() |
| Dúas persoas pasan ante un edificio alcanzado en múltiples ocasións por fogo de artillería en Avdeevka. O artista australiano Guido Van Helten pintou hai anos o rostro da famosa profesora local Marchenko para que os soldados da República Popular de Donetsk o visen ao disparar. |
Tamén é parte deses elementos de ultradereita o denominado Corpo Nacional. Unha organización neonazi cuxo líder, Andriy Biletski, combateu no Donbass, os que organizan nas últimas semanas multitude de adestramentos paramilitares para a poboación civil na capital, Kiev. Uns adestramentos nos que ensinan a interactuar con vehículos blindados, orientarse sobre o terreo, seguir mandos básicos, nocións de combate urbano, primeiros auxilios ou a utilización de material explosivo ou lanzagranadas.
Todos estes adestramentos parecen de escasa utilidade en caso de enfrontarse a un inimigo real, como o sería potencialmente o exército ruso. Obviando o feito de que a maioría de baixas nas guerras actuais son producidas pola artillería e a aviación, e que a maioría de combatentes falecidos ou feridos seguramente nin viron ao inimigo antes de ser alcanzados, estes adestramentos simplemente serven para militarizar a cidadanía e captar adeptos para a ultradereita, especialmente entre os máis novos. Unha xeración enteira cunha grave falta de recursos e alternativas e que pasa a fin de semana rodeada de armas, combatentes e folletos ideolóxicos de extrema dereita. Que pode saír mal?
![]() |
| Mozos ucraínos reciben información dun mando do batallón Azov. Fóra de Ucraína, Azov ocupa un importante papel nunha rede global de grupos extremistas de extrema dereita. |
Algunhas das persoas que acoden a estes cursos opinan que a invasión rusa é posible, e que nese caso fará falta tomar as armas para defenderse. Porén, a maioría simplemente van para ocupar unhas horas nun «campamento de guerra» impartido por uns «patriotas de verdade». Un plan para a fin de semana no que un pode ir cos amigos, só e coñecer xente ou en parella. Algo que dende fóra parece un tanto surrealista, sobre todo porque moitos dos participantes corren de aquí para alá con maquetas de AK-47 feitas de madeira mentres fan onomatopeas armamentistas coa boca, como os pequenos. Estes adestramentos, ademais, fanse nun vello e abandonado complexo industrial, onde a estatua dun soldado soviético mira muda o que sucede ao seu redor.
Hai que viaxar practicamente á liña da fronte, á cidade de Avdiivka no Donbass, para poñer aínda máis de relevo a estraña situación que vive Ucraína. Este núcleo urbano está situado ao norte de Donetsk, e polas súas aforas pasa a liña da fronte. Con todo, en Avdiivka a poboación civil non adestra e poucos toman en serio mesmo os rumores de guerra. Dos corenta mil habitantes que tiña antes da guerra, agora quedarán, no mellor dos casos, apenas a metade, na súa maioría traballadores da planta de coque, xubilados que non teñen onde ir e soldados.
![]() |
| Soldados ucraínos prepáranse para un desprazamento en camión a poucos quilómetros da fronte. Actualmente Ucraína dispón duns 250.000 efectivos en servizo activo, ademais de case 300.000 reservistas e 50.000 unidades paramilitares. |
A xente afíxose ao ruído da artillería de lonxe e aos disparos esporádicos, ou non tanto, de metralladoras durante a noite. Non cren que Putin vaia atacar. A maioría repite como un mantra «para que o ía facer?», e engaden case sempre «oxalá todo isto acabe pronto». Quizais se o conflito acaba dunha vez podería solucionarse o maior problema da rexión, o demográfico: a xente nova vaise para non volver. Van traballar a Rusia ou a países da Unión Europea como Polonia.
Do pouco que funciona, e ademais segue dando unha inxección económica á zona, son as minas de carbón e a industria. Así, en Avdiivka segue funcionando a planta de coque propiedade do oligarca Rinat Ajmetov. En toda a guerra, e a pesar de que os combates transcorreron nas súas proximidades, non recibiu nin un só impacto. Algo que non é tan raro no Donbass, onde escolas, estacións de autobuses ou simples barrios dormitorio seguen estando nas miras dos artilleiros, pero as propiedades dos oligarcas non, estean no bando que estean.
![]() |
| Un civil durante unhas manobras militares organizadas polo batallón paramilitar de extrema dereita Azov nos arredores de Kiev. |
Esta, a realidade oligárquica, é outro dos elementos que se mesturan en Ucraína para crear a estraña situación actual. Por unha banda, Ucraína declara que está en guerra con Rusia, pero segue sendo un dos seus socios principais para o comercio e non romperon as relacións diplomáticas en ningún momento. Por outra banda, o país, mediante o presidente Zelenskiy, di estar en guerra cos oligarcas, pero estes seguen controlando a economía, os medios de comunicación e mesmo boa parte da clase política.
Un presidente de orixe xudía preside un país onde milicias neonazis adestran a poboación para enfrontarse ao exército ruso nunha invasión inminente que non acaba de chegar máis aló de Crimea e Donbass. O país declara o seu obxectivo de integración na UE e a OTAN, pero a policía secreta segue arrestando persoas por publicar imaxes soviéticas en redes sociais. É a contradición ucraína en estado puro.
![]() |
| Ensaio dunha obra de ballet no Teatro-Ópera de Dnipro. A vida segue en Ucraína allea ao conflito. |
Ucraína vive inmersa nesta contradición sen fin dende hai oito anos, dos que sete e medio foron acompañados de guerra. A paz, aínda así, semella difícil de lograr. Os acordos diplomáticos asinados en 2014 e 2015, os chamados acordos de Minsk, seguen sen cumprirse. Ucraína non fai as reformas necesarias para darlle ao Donbass a autonomía que eses acordos lle deben proporcionar e, mentres iso non suceda, Rusia non vai retirar o seu armamento dese territorio nin vai devolver a Ucraína o control da fronteira. Por todo isto e moito máis, non parece que a situación se vaia solucionar nun futuro próximo. E seguiremos con rumores de guerra cada certo tempo. Unha preocupación que se vive moito máis nos medios occidentais que nas rúas dunha Ucraína cansa de non estar en paz, pero tampouco en guerra.
[Fonte: www.revistaluzes.com]










Sem comentários:
Enviar um comentário