segunda-feira, 11 de junho de 2018

"Patacas á terra" ou "nabos ó caldeiro" no canto de "Pelillos a la mar"

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".  
Cultivo de pataca
Cultivo de pataca
Por Xosé Antonio Pena 
Cando despois de termos algún encontrón, discusión, enfado, enganchada ou tropezo con alguén, queremos que a relación torne ó estado anterior a tal enfrontamento, en moitos casos adoitamos botar man, sen ningún tipo de adaptación nin tradución, da fórmula castelá pelillos a la mar.
Mais en galego tamén temos, inda vivas hoxe en día, fórmulas que dan conta exactamente do mesmo contido. Vexámolas:
Pelillos a la mar
Pelillos a la mar, y lo pasado olvidar
Vaya el diablo por ruin
{= Fórmulas con que se ofrece esquecer agravios ou enfrontamentos pasados e se propón unha reconciliación e a retoma dun trato amigable ou, polo menos, correcto.}
(En fin,) Patacas á terra
(En fin,) Nabos ó caldeiro
(En fin,) Patacas á terra e nabos ó caldeiro
Ex.: No soy rencoroso, así que pelillos a la mar... pero espero que no se repita.
Non son rancoroso, así que (, en fin,) patacas á terra ‡ así que (, en fin,) nabos ó caldeiro ‡ así que (, en fin,) patacas á terra e nabos ó caldeiro..., pero agardo que non se repita.
● Mesmo tamén:
(En fin,) Patacas á leira
(En fin,) Patacas á leira e nabos ó caldeiro
NOTAS:
1. A locución en fin é optativa, isto é, pode formar parte da paremia ou non, a gusto do consumidor (de aí que se grafe entre parénteses).
2. Resulta evidente a estreita relación, e mesmo a posibilidade de confluencia en bastantes contextos, entre estas expresións e as equivalentes á castelá aquí paz y después gloria (que se viría a corresponder, basicamente, co noso morra o conto), que abordaremos no próximo artigo.
3. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Veiga Díaz, Maite: “Pequena contribución á fraseoloxía galega”. Cadernos de Lingua, 14, 1996, páxs. 85-100.




[Imaxe: campogalego.com - fonte: www.galiciaconfidencial.com]






Sem comentários:

Enviar um comentário