sexta-feira, 1 de junho de 2018

Inaugúrase en Redondela "A Criminalización do Pensamento", unha exposición censurada por "incitar ao odio dos Corpos de Seguridade"

 

 
Varias ducias de veciños e veciñas de Redondela asistiron ao acto de inauguración da exposición “A Criminalización do Pensamento”, no seu momento secuestrada polo goberno de Javier Bas.
Dende o Coleitivo Republicano agradeceron as diversas mostras de apoio, pero especialmente destacaron “a valentía da organización nacionalista por accederen a expoñer a selección de fotografías de temáticas reivindicativa e social”.
Por parte do BNG, o seu concelleiro, Xoán Carlos González, salientou “como obriga democrática que a xente puidera ver e contemplar os contidos desta exposición, que unicamente se refiren a feitos reais e constatabeis”.
Aludiu á necesidade de “non terlle medo a defender as ideas, e expresalas por vías democráticas”. Responsabilizou ao alcalde de Redondela, Javier Bas, “por teren iniciado esta situación, inédita en Redondela, de censurar unha exposición”.
Pola súa banda o parlamentario Luís Bará considerou que o acto en si xa representaba unha anomalía democrática. Recordou o simbolismo que supuxo “ter rachado a fotografía do rei, no Parlamento Galego, como mostra de que o propio Tribunal Europeo de Dereitos Humáns, consideraba esta acción como un exercicio da liberdade de expresión”.
Pola súa banda, a secretaria provincial da Unión Federal da Policía criticou esta exposición, posto que consideran que fomenta o odio contra eles, e non descartan comunicalo á oficina nacional de loita contra os delitos de odio da Dirección Xeral da Policía, se as pezas finais da mostra constitúen unha incitación a este.
Os comentarios dalgunhas das persoas que puideron visitar a mostra, “foi de incredulidade, e estupor posto que consideraron maioritariamente, que as fotografías seleccionadas cinguíanse a feitos reais”. Esta exposición manterase durante as vindeiras dúas semanas no local do Bloque Nacionalista Galego en Redondela, en horario de 19 a 21h.

[Imaxe: BNG Redondela - fonte: www.xornaldevigo.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário