quinta-feira, 17 de maio de 2018

“Saltar do paraño para o lume" no canto de “saltar de la sartén y dar en las brasas”

    Tamén se pode utilizar “saltar do paraño para a cinsa". O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

    Lume nunha lareira
    Lume nunha lareira



    Por Xosé Antonio Pena

    Para dar conta daqueles casos en que unha persoa se atopa nunha situación mala, difícil ou complicada e pasa a unha situación igual de mala ou aínda peor, en castelán utilízase, entre outras varias, a paremia “saltar de la sartén y dar en las brasas”. 
    Na nosa lingua temos tamén distintas expresións que fornecen a mesma idea. Botémoslles un ollo:
    Saltar de la sartén y dar en las brasas ‡ para caer en las brasas
    {= Saír dunha situación complicada para meterse noutra que é igual de mala ou aínda peor.}
    Saltar # Ir do paraño para o lume
    Saltar # Ir do paraño para a cinsa
    ● Mesmo tamén:
    Fuxir da(s) tixola(s) # da(s) tixela(s) e caer nas brasas
    Ex.: Se marcha este alcalde y entra su segundo de a bordo: pues estamos bien, porque saltamos de la sartén y damos en las brasas.
    Marcha este alcalde e entra o seu segundo de a bordo: pois estámosche apañados, porque saltamos do paraño para o lume  porque saltamos do paraño para a cinsa  porque fuximos da tixola e caemos nas brasas.
    ● Tamén:
    Huir de un hoyo y caer en otro && Salir de un lodo y entrar en otro && Salir del charco y meterse en el lago
    Saír dun souto e meterse noutro && Saír dunha chousa e meterse noutra && Tirar o pé da lama e metelo no trollo
    Ex.: Marcha este alcalde e entra o seu segundo de a bordo: pois estámosche apañados, porque saímos dun souto e metémonos noutro  porque saímos dunha chousa e metémonos noutra porque tiramos o pé da lama e metémolo no trollo.
    ● Tamén:
    Huir del fuego y dar en las brasas ‡ para caer en las brasas && Salir del fuego y caer en las brasas && Huir de la llama y caer en la brasa
    Fuxir da borralla e caer no lume && Fuxir do lume e caer nas brasas ‡ e caer na borralla &&Fuxir da cinsa e caer nas brasas && Fuxir da lama e caer na brasa && Fuxir da chama e caer na(s) brasa(s) && Saír do lume e meterse nas brasas
    ● E inda tamén, mudando neste caso de póla e indo cara ó eido dos fenómenos atmosféricos e meteorolóxicos:
    Escapar del trueno y dar en el relámpago && Huir del relámpago y dar en el rayo
    Fuxir do vento e collelo o corisco && Fuxir da xeada e collelo a neve && Saír do trono e meterse na escarabana && Fuxir da luz e meterse no lume
    Ex.: Marcha este alcalde e entra o seu segundo de a bordo: pois estámosche apañados, porque fuximos do vento e cóllenos o corisco  saímos do trono e metémonos na escarabana.
    ● Tamén, só en certos contextos:
    Fuxir dun perigo e dar noutro && Saír dun perigo e meterse noutro

    NOTAS:
    1. Cómpre así mesmo ter en conta que estas expresións poden, en certos contextos, compartir espazos de uso con expresións equivalentes a ir de mal a peor, que veremos noutra ocasión.
    2. Velaquí un sucinto repaso léxico a voces que, se cadra, resultan descoñecidas ou dubidosas para algúns lectores (naqueles casos en que tiramos literalmente a definición do Dicionario da Real Academia Galega [DRAG] en liña, sinalámolo):
    Paraño (DRAG): Pedra da parte superior da boca do forno, en forma de viseira.
    Souto (DRAG): Terreo poboado de castiñeiros. Sinóns.: castañal, castiñeira.
    Chousa (DRAG): 1. Terra de labor cercada, polo xeral de pouca extensión e situada preto da casa. Sinón.: cortiña2. Porción de monte cercada, de non moita extensión. Sinóns.: zarra, zarro. [É de supor que a acepción correspondente á expresión reflectida máis arriba (Saír dunha chousa e meterse noutra) debería de ser a segunda.]
    Trollo1. Mestura de auga, terra, pedras, etc. que se forma nun lugar, sobre todo ó chover. 2. Lugar onde hai, ou se forma, moita lama. Sinóns.: bulleiro, bulló, lamazal, lameiro, lamela, lamorqueira3. Terreo, que pode ser prado ou monte baixo, con moita auga. [Supomos que as acepcións máis acaídas para a expresión que aquí recollemos (Tirar o pé da lama e metelo no trollo) serían a segunda ou a primeira.]
    Corisco (DRAG): 1. Neve miúda ou sarabia, que cae acompañada de vento forte e frío. Sinón.: calistro2. Vento frío do norte. Sinóns.: calistro, escarabana, xeeiro.
    Escarabana (DRAG): Vento frío do norte que sopra nos meses de inverno. Sinóns.calistro, corisco, xeeiro.
    3. A voz trollo está recolleita, na fonte da que se tirou (“Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”), como atoleiro.
    4. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:
    - Recolleita propia da oralidade galega.
    - Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
    - Franco Grande, Xosé Luís: Diccionario galego castelán e vocabulario castelán-galego (2ª edición), 1972. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina.
    - García, Constantino & González González, Manuel (dirs.): Dicionario castelán-galego da Real Academia Galega. Colección Galicia Viva / Real Academia Galega. Fundación Pedro Barrié de la Maza, ano 2004.
    - Martínez Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.
    - Martíns [anteriormente, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “O labor de fraseógrafo de Manuel Leiras Pulpeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 4, 2003, páxs. 59-77. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
    - Noriega Varela, Antonio: Como falan os brañegos. Ed. Nós, 1928, A Coruña.
    - Taboada Chivite, Xesús: “Refraneiro Galego”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 2, 2000. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
    - Vázquez Saco, Francisco: “Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
    - Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.
    - VV.AA.: Refráns e ditos da Ulla. Obra á que no seu día se accedeu, a través da Internet, e que actualmente xa non se atopa dispoñible.

    [Imaxe: sergas.es - fonte: www.galiciaconfidencial.com]

    Sem comentários:

    Enviar um comentário