quarta-feira, 4 de abril de 2018

Que é iso de "quien fue a Sevilla perdió su silla"?

Coñece a forma correcta en galego deste dito que se está galeguizando procedente do castelán.

Fraseoloxía - Quen foi ó mar perdeu o lugar

{= Paremia que se utiliza para indicar que alguén perdeu o sitio, lugar ou espazo que ocupaba por se ausentar e pasar a ocuparllo outra persoa.}
Quen foi ó mar perdeu o lugar && Quen foi ó vento perdeu o asento && Quen foi a Portugal perdeu o lugar && Quen foi á feira perdeu a cadeira
Ex.: —¡Oye, que ahí estaba yo viendo la televisión! —¡Ah, amigo: quien fue a Sevilla perdió su silla!
¡Oe, que aí estaba eu a ver a televisión! —¡Ah, amigo: quen foi ó mar perdeu o lugar ‡ quen foi ó vento perdeu o asento ‡ quen foi á feira perdeu a cadeira ‡ quen foi a Portugal perdeu o lugar!
● Amais, tamén son propias as seguintes expresións:
Quen foi ó campo perdeu o banco # perdeu o canto && Quen foi ó mar perdeu o lugar, quen foi ó vento perdeu o asento
NOTAS:
1. Todas estas paremias poden, así mesmo, ser retrucadas coa seguinte:
Quen foi e volveu non o perdeu (ou “non a perdeu” no caso de retrucarmos a expresión de “quen foi á feira perdeu a cadeira”).
2. Nótese que na paremia quen foi ó campo perdeu o canto, a voz canto está empregada no seu sentido de sitiolugar (se cadra como extensión da acepción sinónima, recollida no Dicionario da Real Academia Galega, de currunchorecanto ou recuncho) tal e como acontece no caso da locución no canto de e tal e como recollen, entre outros lexicógrafos galegos, Francisco Javier Rodríguez, Cuveiro Piñol, Juan Manuel Pintos ou Marcial Valladares.
3. As paremias galegas están recolleitas das seguintes obras:
- Martínez Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.
- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.
- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Material lexicográfico elaborado por Juan Sobreira Salgado entre 1787 e 1805.
- López Taboada, Carme & Soto Arias, Mª Rosario: “Sete catas na orixe da fraseoloxía”. En Estudos de Lingüística Galega, 2, 2010, páxs. 221-233. Instituto da Lingua Galega.
- Benavente Jareño, Pedro & Ferro Rubial, Xesús: Refraneiro galego da vaca. Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro. Santiago de Compostela, 1994.

[Fonte:  www.galiciaconfidencial.com]

Sem comentários:

Enviar um comentário