Entre outras novidades, incorpora unha mostra do rexistro oral da década dos 90
Case 37 millóns de palabras, das que 570.000 son formas diferentes, e novidades como transcricións de textos radiofónicos dos anos 90, guións audiovisuais e blogs, que se suman aos fondos documentais en galego. Así é o novo Corpus Documental do Galego Actual (Corga), a ferramenta lingüística en liña promovida polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, que acada a súa versión 3.0. A súa primeira edición é do ano 2001 e dende entón o Corga non fixo máis que crecer tanto en tamaño como en funcionalidade. Neste aspecto, o Corga incorpora funcións como as páxinas estáticas para o acceso á información e a recuperación de datos; unha nova clasificación dos documentos, divididos en orais e escritos, e de ficción e non ficción; e melloras no etiquetado dos textos.
A directora do Corga, Marisol López, agradeceu o traballo desenvolvido por un amplo equipo de expertos que permitiu incrementar os seus contidos, que abranguen dende o ano 1975 ata a actualidade.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, se referiu ao Corga como escaparate da lingua galega ao mundo e sinalou que a versión 3.0 «dá un novo paso para poñer a disposición da comunidade científica e dos falantes e da cidadanía en xeral posibilidades para o estudo e a investigación lingüística, nomeadamente para a obtención de datos referidos aos aspectos morfolóxicos, sintácticos e léxicos».
Na presentación do novo Corga tamén participaron o coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro, Manuel González, e o colaborador desta institución e secretario da Real Academia Española, Guillermo Rojo.
A nova versión ampliada do Corga, que unifica os dous sistemas de consulta dispoñibles anteriormente (o do Corga e o do Corgaetq) está dispoñible na Rede no enderezo http://corpus.cirp.es/corga.
[Imaxe: LAVANDEIRA JR/EFE - fonte: www.lavozdegalicia.es]

Sem comentários:
Enviar um comentário