O Comité noruegués salienta que é "unha persoa cuxa excepcional valentía e integridade encabezaron o camiño cara a unha orde legal internacional máis exhaustiva”.
A xurista e xuíza surafricana Navi Pillay
O Comité noruegués do Nobel recoñeceu onte co premio Nobel da Paz a xurista surafricana e antiga alta comisionada de Nacións Unidas para os Dereitos Humanos Navanethem Pillay, coñecida como Navi Pillay, quen foi, ademais, xuíza do Tribunal Penal Internacional (TPI). “O Premio Nobel da Paz 2026 é para unha persoa cuxa excepcional valentía e integridade encabezaron o camiño cara a unha orde legal internacional máis exhaustiva”, dixo o presidente do comité, Jorgen Watne Frydnes, antes de destacar o seu labor á hora de avanzar para que os responsábeis de “crimes de guerra, crimes contra a humanidade e xenocidio” sexan levados ante os tribunais.
“O compromiso de Pillay cos principios legais universais e o seu firme compás moral son constantes na súa longa carreira”, destacou, antes de lembrar que foi avogada e “pioneira legal” durante o apartheid en Suráfrica, “facendo fronte a unha discriminación estrutural profunda, segregación e exclusión”. Frydnes enxalzou o “fío” que conecta o seu labor inicial en defensa do líder contra o apartheid, Nelson Mandela, co seu papel “como xuíza nalgúns casos xudiciais internacionais chave” nos últimos anos, sendo xuíza do Tribunal Supremo de Suráfrica, do Tribunal Penal Internacional para Ruanda e xuíza do TPI, alén de ocupar o cargo na ONU entre 2008 e 2014.
O xenocidio de Israel
Pillay foi, entre 2021 e 2025, presidenta dunha comisión de Nacións Unidas encargada de investigar os abusos dos dereitos humanos en Israel e os Territorios Palestinos Ocupados. Daquela, a Comisión Internacional Independente de Investigación da ONU concluíu que “Israel cometeu xenocidio contra os palestinos en Gaza desde o 7 de outubro de 2023”. Desde o Goberno israelí acusaron onte o Comité do Nobel de "lexitimar os prexuízos e o odio".
No seu informe destaca a existencia de catro dos cinco criterios de xenocidio: “Asasinatos, causar danos corporais e mentais graves, inflixir deliberadamente condicións de vida calculadas para provocar a destrución e a imposición de medidas destinadas a impedir nacementos”. Así, no informe enumera os ataques contra civís, persoas e bens protexidos, os malos tratos severos contra detidos palestinos, a imposición deliberada de condicións de vida que provocaron mortes, torturas, violacións e agresións sexuais, entre outros.
Na actualidade está a desenvolver o seu traballo como xuíza responsábel de xulgar Birmania polas acusacións de xenocidio contra a minoría musulmá rohingya no estado de Rajine.
[Foto: Eric Vidal / BELGA MAG / Belga via AFP /
Europa Press - fonte: www.nosdiario.gal]

Sem comentários:
Enviar um comentário