sábado, 19 de setembro de 2026

«Boundaries Road», novela de Cecilia F. Santomé

 

Escrito por Ramón Nicolás 

Non revelo nada novo se afirmo que as novelas, desde hai ben anos, presentan as fronteiras xenéricas cada vez máis diluídas e difusas. Xa o afirmou Doris Lessing no seu día:  “Non hai leis para a novela. Nunca as houbo, nin poderá habelas xamais”. Cantas veces nos atopamos propostas narrativas nas que conviven, non sei se en harmonía pero si con efectividade, prosa con ensaio e con fragmentos de inspiración ou feitío claramente dramático.

Esta novela de Cecilia F. Santomé, que ademais foi galardoada co premio Blanco-Amor, demostra o que arriba se dixo pero indo, talvez, un chisco máis alá pois, alén de incluír unha novela final, incorpora dúas partes máis que gozan de certa independencia, sendo a primeira delas unha recreación ou reescrita da primeira novela que a autora publicou –Quérote, eu tampouco- tal e como ela mesma confesa.

É así, evidente, que esta Boundaries Road goza dunha indiscutible variedade ou, se se quer, heteroxeneidade tanto no que se refire aos puntos de vista empregados como aos argumentos recreados e aposta, sen dúbida, por unha maior complexidade formal que deseña unha recepción un tanto máis esixente. Cadaquén terá os seus favoritos: para min, non o dubido, é toda a parte inicial cun protagonismo marabilloso ás glicinias a esa segunda parte, tan transparente e realista, na que Cecilia procura e procura, ata quedar exhausta, a validación dun cadro dun célebre pintor nun exercicio no que alén do proceso de investigación é manifesto priorizar o factor memorialístico.

Mais, con todo, esa é unha parte secundaria pois a proposta, que se abre con Cecilia, que precisa alugar un cuarto e conseguirá no número 62 da rúa que lle dá título ao libro onde Natalie e Tom a acollerán, se se pode dicir así, pero desde onde se constrúe unha rede que bebe nas profundidades da psicoloxía humana. Mais no fondo da novela talvez destaque a recreación de motivos como son a soidade, as identidades e as posibles crises que desde ela se poden xerar, a comunicación -ou falta dela-, a emigración, as contradicións, a precariedade laboral e un certo aquel melancólico que abala dun lado a outro e que, por veces, é bo que así sexa.

 


 

Cecilia F. Santomé

Boundaries Road

Xerais, Vigo, 272 páxinas, 18,95 €, 2026

 

 

[Fonte: cadernodacritica.wordpress.com]

Sem comentários:

Enviar um comentário