A «decencia
común» maniféstase na xente corrente como un rexeitamento a facer o mal. Tamén
como noxo ao ver cando outros o fan.
Hoxe vivimos un
tempo en que se utiliza moito a palabra «decencia» no discurso político, nun
sentido de reconvención moralista, con frecuencia hipócrita, pero desprovista
do imprescindíbel sentido comunitario. «A redescuberta da decencia común das
vidas ordinarias», escribe Bruce Bégout, «constitúe a única esperanza de renovación política e
social de Occidente».
Da xente corrente
dise que dixo Lincoln que Deus fixo moita porque gustaba dela.
E foi deste tipo de xente sobre a que escribiu as súas primeiras obras George
Orwell. Sen branca en París e Londres, O camiño de
Wigan Pier e Homenaxe a Cataluña. Escritos,
poderiamos dicir, cosidos na carne do mundo. Cando escribiu da vida das
familias mineiras ou do mundo máis pobre e vulnerábel nos sotos e camiños do
seu tempo, Orwell fíxoo sen sentimentalismo, mais cun tacto e fondura, o que
nos obradoiros de pintura flamencos tería a calidade inconfundíbel de «man
sincera e ollada fértil», que foi nesas experiencias onde levedou a súa defensa
dunha democracia de base, de urda afectiva, formulada a partir de ese núcleo ou
corazón central de common decency.
A decencia común
non se refire a un modelo de sociedade, nin a unha construción social
estruturada, nin a un programa alternativo ou utopía. Mais a decencia común é o
que mantén activados os valores que si poden facer posíbel un mundo máis xusto.
A colaboración, a axuda mutua, a honestidade. Esas intuicións da xente
traballadora e corrente, que non precisa acudir a ningunha autoridade para
respectar a súa liberdade e ao tempo coidarse. A xente que ofrece resistencia a
calquera forma de inxustiza, que mantén a raia a pulsión por dominar, que
desconfía fronte a calquera xeito de recrutamento totalitario. «Só se sente
dono do seu destino no pequeno círculo da vida cotiá». Mais ese círculo non
deixa de conter o máis universal.
O pesimismo verbo
do estado de cousas no mundo pode ser compatíbel cunha alegría de vivir. Unha
relación de curiosidade e afecto co máis real. Coa natureza. En ¿Por
qué escribo? defende que manter a paixón da infancia pola vida
salvaxe, a curiosidade polos seres miúdos, é tamén o que fai posíbel manter «a
posibilidade dun porvir apetecíbel e decente». Orwell albiscou os perigos que
empecen esa posibilidade dunha sociedade de decencia común, que para el se
achegaría a un xeito de socialismo libertario e antitotalitario. O Tecnopoder,
o armamentismo, a depredación do medio ambiente e o control das mentes pola
mentira e degradación da linguaxe, fan cada vez máis realista a metáfora dun
Titanic, afundido pola aceleración cara ningures. E neste punto vén moi a conto
o que el mesmo escribiu: «Cando imos a bordo dun barco que se afunde non
podemos evitar pensar nos barcos que se afunden».
Non é que Orwell estea desesperado, senón que o mundo é cada vez máis desesperante. O que el describe no seu tempo de posguerra: «As bombas atómicas acumúlanse nos depósitos, as cidades están baixo vixía policial, os altofalantes vomitan mentiras, mais a Terra segue virando arredor do Sol e nin os ditadores nin os burócratas poden evitalo, por máis que lles amole». Está anguriado, mais pertence á estirpe dos desacougados con serenidade. A decencia común protexe a quen a preserva. E como o escribe o filósofo francés Bégout, seguindo o ronsel do mestre Orwell: a vida en común, o defender a solidariedade fronte a pillaxe, é o último refuxio do universal. En 1984 e no 2026.
[Fonte: www.luzes.gal]

Sem comentários:
Enviar um comentário