A familia do escritor, avogado e político galego cede ao Arquivo da Emigración Galega artigos, fotografías, publicacións e documentación sobre a súa traxectoria política, cultural e humanitaria en América.

Legado documental de Jesús Vázquez Gayoso
Un dos fillos do escritor e
político Jesús Vázquez Gayoso, que chegou a ser cónsul e
ministro delegado da Segunda República no exilio,
asinou coa presidenta do Consello da Cultura Galega
—CCG—, Rosario Álvarez,
un acordo de cesión do legado documental do seu pai para que a institución se
ocupe do seu estudo e conservación. O material que a familia cedeu ao Arquivo
da Emigración Galega inclúe coleccións de artigos que
Jesús Vázquez publicou en xornais e revistas como ‘España
libre’, ‘Veritas’ ou ‘Vieiros’. Entre a documentación achegada
destaca tamén unha alocución do Goberno republicano español dedicada por Félix
Gordón Ordás a Vázquez e á súa muller, Felisa.
Igualmente, o fondo documental incorpora fotografías
de actos oficiais e celebracións dos círculos republicanos e culturais nos
que participou Vázquez Gayoso, así como outros volumes que reflicten o seu
perfil político e humanista. Escritor, avogado e político, Vázquez
Gayoso foi unha figura destacada do exilio republicano galego en América,
cunha intensa traxectoria política, académica e humanitaria vinculada á defensa
da Segunda República española, segundo destacou o Consello da Cultura Galega. A
institución celebrou este acto en Santiago este mércores, 20 de maio,
coincidindo coa incorporación do seu legado documental aos fondos da entidade.
Para o investigador Emilio Grandío,
Vázquez Gayoso era “un home de múltiples perfís” e
forma parte dunha “xeración perdida”,
xunto con nomes como Salvador de Madariaga ou María
Casares.
"UN PAÍS SEN MEMORIA É UN PAÍS SEN FUTURO"
Durante o acto de cesión, celebrado este
mércores na biblioteca do Consello da Cultura Galega, o historiador Xurxo
Martiz Crespo reivindicou que “un
país sen memoria é un país sen futuro”, mentres que a
presidenta do CCG insistiu en que a emigración “marca a identidade galega”.
Ademais, Rosario Álvarez explicou que o obxectivo desta cesión non
é “capitalizar” os
documentos, senón “preservar” estes
arquivos, que forman parte da memoria da diáspora galega. “Para
preservar o seu legado, a mellor maneira é depositalo nunha institución que lle
dará continuidade”, engadiu. No acto estiveron tamén presentes catro
dos cinco fillos de Vázquez Gayoso, así como outros familiares
e amigos próximos que viaxaron a Santiago desde diferentes partes do mundo.
UN PERFIL
HUMANISTA E POLÍTICO
O historiador Emilio Grandío aproveitou
a súa intervención no acto para contextualizar a figura de Vázquez Gayoso, que
exerceu como cónsul xeral do Goberno
republicano en Caracas, Venezuela, e como ministro
delegado, primeiro baixo a presidencia de Emilio
Herrera e despois baixo a de Claudio
Sánchez Albornoz. Militante inicialmente do Partido
Radical Socialista, participou na fundación de Izquierda
Republicana, formación impulsada por Manuel
Azaña, Santiago Casares Quiroga e Álvaro de Albornoz. Ao comezo
da Guerra Civil incorporouse ao bando republicano, onde exerceu como secretario
técnico de Gobernación e chegou a ser comandante
do Corpo de Carabineiros.
Tras a derrota republicana viuse obrigado ao exilio, iniciando unha traxectoria que o levou polos Pireneos e por países como Francia, Cuba, Panamá, Venezuela e México. Con todo, o CCG tamén destacou a súa actividade humanitaria e a súa intensa labor cultural e académica. Foi profesor universitario en Cuba, Panamá e Venezuela, participou na creación da Escola Libre da Habana e impulsou publicacións antifranquistas como a revista ‘Nuestra España’. A incorporación deste legado permite reforzar a memoria documental do exilio galego e recuperar a pegada dunha figura que, desde América, mantivo viva a defensa da legalidade republicana, a cultura e a identidade galega.
[Imaxe:
CCG - font: www.galiciaconfidencial.com]
Sem comentários:
Enviar um comentário