O xulgado de instrución nº de 2 de Ourense comunicou esta mañá ás persoas acusadas de corrixir un letreiro onde se deturpaba o nome da cidade que quedaban absoltas, debido á invalidez das probas presentadas: un vídeo no que nin se pode identificar as persoas que aparecen nin se apreza que danen o letreiro e mais a “acusación” de que unha das persoas encausadas tería formado parte dunha candidatura á eleccións municipais na provincia de Lugo.
A Mesa pola Normalización fíxose cargo desde o primeiro momento da defensa das dúas persoas acusadas, asumida polo prestixioso avogado Xoán Antón Pérez Lema. O presidente da entidade de defensa da lingua, Marcos Maceira, recorda que “as campañas recorrentes contra a toponimia galega son un ataque á nosa dignidade colectiva que non podemos admitir e do en moitas ocasións participan directamente organismos públicos”. “Ademais de balados insultantes ou chamamentos a incumprir a lei”, denuncia Maceira, “encontrámonos frecuentemente con vulneracións da lei promovidas desde institucións públicas”. Neste caso, o carácter antidemocrático da acusación ficou patente, tamén, ao presentar como proba de cargo a participación dun dos acusados nunha candidatura electoral.
Maceira apunta que o artigo 10 da Lei 3/1983 de Normalización Lingüística recolle que “os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega”, o que se contempla tamén en acordos internacionais como a Carta europea das linguas rexionais e minorizadas ou o Convenio marco para a protección das minorías nacionais, promovidos polo Consello de Europa, e que recolle tamén a sentenza. “O acordo da sociedade galega respecto á denominación dos nomes dos lugares é unánime”, afirma o presidente da Mesa, “e só é cuestionado desde postulados ideolóxicos que desde o supremacismo lingüístico e cultural pretenden, desde fóra, sementar a división e o enfrontamento no noso país atacando calquera expresión de identificación da sociedade galega consigo mesma, coa súa lingua e coa súa forma de denominar todos os espazos do seu territorio”. “Empregan o desprezo, a mentira e a manipulación para dicirnos como temos que ser e como temos que nos chamar”, sentencia.
A Mesa recorda que calquera persoa que sufra calquera agravio ou discriminación por utilizar ou defender a lingua galega pode dirixirse á Liña do galego, un servizo gratuíto dirixido a toda a poboación que tramita queixas cara ás institucións, empresas, etc, que vulneran os dereitos lingüísticos; así como parabéns para quen dea pasos cara a garantía do dereito a vivir en galego.
A Liña do Galego é un servizo gratuíto ofrecido pola Mesa pola Normalización Lingüística dirixido a toda a poboación que tramita queixas cara ás institucións, empresas, etc, que vulneran os dereitos lingüísticos; así como parabéns para quen dea pasos cara a garantía do dereito a vivir en galego. Este servizo conta coa colaboración da Deputación da Coruña.
[Fonte: www.amesa.gal]

Sem comentários:
Enviar um comentário