O Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu este luns un encontro con representantes dos diferentes grupos parlamentarios, administracións e entidades, aos que trasladou as conclusións do seu foro 'Un país coa súa lingua', sobre a situación da lingua galega.
![]() |
A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, foi a encargada de abrir a reunión, na que a institución explicou o documento con 96 medidas elaborado a partir das reflexións dese foro participativo, e que xa foi presentado o pasado 16 de outubro. Trátase dun documento "propositivo" que, segundo sinalou o Consello, "complementa o marco lexislativo vixente e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, con medidas que buscan "activar unha vía de diálogo" entre administracións, comunidades educativas e científicas, sector cultural e creativo, tecido económico e sociedade civil.
As iniciativas que recolle están divididas en seis áreas temáticas (educación e socialización; administración, xustiza e servizos públicos; sanidade, ciencia e servizos sociais; comunicación, cultura e acción exterior; economía, turismo e deporte; e sociedade, crenzas e participación comunitarias).
Entre as propostas que expón está a incorporación de "cláusulas lingüísticas" na contratación pública, así como mecanismos de seguimento e medidas correctoras, buscando favorecer o uso do galego nos servizos externalizados; a creación de unidades piloto no ámbito da xustiza que operen unicamente en galego, e modelos estandarizados de escritos e comunicación; no ámbito empresarial, redacción en galego de estatutos, contratos, manuais, etc.; ampliar a oferta de programación infantil e xuvenil en galego nos medios e actividades culturais, ou redacción dun código voluntario para que axencias, gabinetes de prensa e medios de comunicación respecten a lingua orixinal en entrevistas e roldas de prensa.
Igualmente, proponse implantar un proxecto piloto lingüístico en centros educativos, ou alternar a lingua vehicular dalgunhas materias; ou elaborar un inventario de aplicacións esenciais de cada ámbito, indicando o seu estado lingüístico e as medidas para garantir que a interfaz, a documentación e o uso sexan en galego.
O documento traslada tamén actuacións de carácter máis estrutural, como a creación dunha rede pública de servizos de normalización lingüística con recursos suficientes; impulsar os servizos de normalización na Sanidade e a Xustiza; ofrecer liñas educativas en galego; ou crear unha mesa de diálogo con plataformas globais como Google, Meta, Spotify... para abordar a penalización de linguas como o galego por parte dos algoritmos
[Imaxe: CCG - fonte: www.galiciaconfidencial.com]

Sem comentários:
Enviar um comentário