sexta-feira, 1 de agosto de 2025

Onde é Torre Pacheco?

 


Escrito por Mara Mahía 

Din que en Torre Pacheco houbo o que os fascistas chaman «cacería de migrantes». Dixeron Torre Pacheco e repetírono: Torre Pacheco,  Torre Pacheco, Torre Pacheco… Coma se todo o universo tivese que saber onde está Torre Pacheco. Non lin nin escoitei en ningún medio onde se localiza ese infame Torre Pacheco. Mais antes de buscar esa terra sinistra no cachivache, pensei que non facía falta porque sei ben onde está ese lugar. Torre Pacheco é como o Deus ou o Cristo Rei do que tanto falan algúns extremistas deste país. Esa localidade de emigrantes e nativos ten o don da ubicuidade. Torre Pacheco está naquel curmán, un adolescente privilexiado que viu como despediran a muller uruguaia que lle limpaba a casa a seus pais, acusada de roubar xoias. En realidade, o ladrón era o mesmo rapaz que andaba traficando con drogas, pero el nunca dixo nada. Á muller botárona fóra e faláronlle mal dela a todo o mundo que puideron. 

Torre Pacheco está no empresario que deixou tirado na porta de urxencias un emigrante calcinado baixo a calor do plástico dun invernadoiro. Está nese lugar irlandés que saíu cazar emigrantes, olvidando o tecido do que está feita Irlanda. Está no home que abusaba sexualmente das súas compatriotas a cambio de facilitarlles traballo no campo. Tamén está nos compañeiros de escola da miña amiga Paki que rían dela cando de nena falaba alemán con acento andaluz. Está no fillo dun cubano rico que acosaba a miña avoa polos corredores dunha casona habanera hai cen anos. Tamén na camareira altiva dun restaurante da rúa Hudson que lle berraba aos emigrantes, dishwashers mexicanos de 14 e 15 anos, pedíndolles que traballaran máis rápido se non querían que chamara a migra

Torre Pacheco está naqueles dous funcionarios que emigraron dos Estados Unidos e que lles esixían felacións ás mulleres sen papeis para non levalas presas. Torre Pacheco está na oficina do político que pensa que está facendo algo pola emigración. Está neste espazo e tempo no que hai persoas sen dereitos, persoas vulnerables que cada día poden caer nas gadoupas de bestas que abusen delas e que as coman. Sen protección e defensa dos seus dereitos, os emigrantes non son máis ca escravos para traballar e para ser abusados sexualmente. Torre Pacheco é esa política de emigración que non fai nada máis que poñer os valos e os muros máis altos. 

Gústenos ou non, a xente vai seguir vindo a traballar, a ter unha vida mellor. O mínimo e decente que hai que facer neste país de emigrantes é asegurarnos de que eles teñan os mesmos dereitos que temos nós. Mentres non se tomen medidas eficaces para crear un protocolo de protección dos dereitos das persoas con papeis e sen papeis, os Torre Pachecos van seguir reproducíndose coma ratas. Especialmente cando os fascistas de Vox e seu líder bocalán están a botarlle gasolina ás fogueiras que todos levamos dentro. Oxalá este infame Torre Pacheco estivese só en Murcia.

 

[Fonte: www.luzes.gal]


Sem comentários:

Enviar um comentário