quinta-feira, 24 de julho de 2025

Os procuradores e procuradoras defenden máis presenza do galego na xustiza

Apoian a petición, tanto ao Goberno estatal como á Xunta da Galiza, para que a futura plataforma xurídica 'Atenea' teña dispoñíbel unha versión en galego. 

Entrada aos xulgados na cidade de Vigo

O Consello Galego dos Procuradores (CGP) mostrou onte o seu apoio á petición, tanto ao Goberno estatal como á Xunta da Galiza, para que a futura plataforma xurídica 'Atenea' teña dispoñíbel unha versión en galego.

En concreto, este colectivo profesional súmase ás reivindicacións da Irmandade Xurídica Galega, que xa se dirixiu por carta tanto ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, como ao ministro de Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños.

A pesar do estipulado sobre a cooficialidade idiomática tanto na Constitución como no Estatuto de Autonomía da Galiza, o Consello Galego dos Procuradores lamenta que, na plataforma xudicial habilitada actualmente ('Minerva'), non sexa posíbel tramitar procedementos íntegros en galego nin asegurar á cidadanía a notificación das resolucións nesta lingua.

Por tanto,  este colectivo demanda que ante a próxima habilitación de 'Atenea', e prevista en principio para xaneiro de 2026, os procuradores e procuradoras reclaman que estea tamén dispoñíbel en idioma galego. A proposta está asinada polos seis decanos dos colexios de procuradores que existen na Galiza —e que corresponden cos das sete cidades: Vigo, A Coruña, Lugo, Santiago, Ourense e Pontevedra—.

A Irmandade Xurídica Galega remitiu en xuño unha carta ao ministro de Xustiza e ao conselleiro de Xustiza para reclamar a normalización do uso do galego nos órganos xudiciais da Galiza. O escrito foi asinado por máis de 350 profesionais da xustiza, entre os que se atopan 93 xuíces e fiscais. 15 letrados de xustiza, 3 presidentes de audiencias provinciais e 2 fiscais xefes.

Os asinantes, entre os que se encontran o presidente do TSXG e os titulares das audiencias provinciais de Lugo e Pontevedra, reclaman que a aplicación informática Atenea, que se prevé implantar nos próximos seis meses, permita a redacción de documentos tanto en galego como en castelán, para facilitar o emprego de ambas as dúas linguas en igualdade de condicións.

 

 

 [Imaxe:  ICPV - fonte: www.nosdiario.gal]
 


Sem comentários:

Enviar um comentário