terça-feira, 27 de maio de 2025

Falece o músico e compositor Emilio Cao, pioneiro do folk galego contemporáneo

O músico e compositor faleceu este domingo, 25 de maio, aos 72 anos no Hospital Clínico de Santiago de Compostela.

Emilio Cao nunha imaxe de 2023. (Foto: Emilio Cao)

Escrito por Xoán Domínguez

O pasado domingo finou en Compostela Emilio Cao, compositor, cantautor e músico pioneiro. Unha figura esencial na renovación da música galega a través da recuperación da arpa celta. Cunha traxectoria marcada pola experimentación e o compromiso coa tradición, Cao, integrante do colectivo Voces Ceibes, deixa un legado artístico e cultural que transformou a escena musical galega desde os anos 70 até hoxe.

A súa morte, aos 72 anos, no Hospital Clínico da capital galega provocou esta segunda feira –cando transcendeu a noticia– un forte impacto entre músicos, intelectuais e moitas outras persoas vinculadas á cultura do país. O artista viña de recibir o ano pasado o galardón honorífico dos Premios Martín Códax pola apertura que a música galega tivo no eido internacional grazas á súa figura. Un recoñecemento da Asociación de Músicas ao Vivo que se entregará neste 2025 ao grupo Leilía.

Un inicio marcado polo inconformismo

Nado en Compostela en 1953, Emilio Cao formouse nun ambiente culturalmente inquieto. Desde moi novo comezou a tocar instrumentos populares e a integrarse en movementos musicais emerxentes como o grupo Brétema e, posteriormente, N.H.U., formación de rock progresivo da que tamén formaron parte Antón Seoane ou Xoán Piñón.

 

Emilio Cao recibiu o premio de honor dos Martín Codax da Música en 2024. (Foto: Premios Martín Códax)

Estando en Europa, foi durante unha viaxe á Coruña cando se cruzou cunha arpa celta de segunda man, que mercou e levou consigo. Sen referentes locais nin mestres, formouse de maneira autodidacta, estudando os sons, as técnicas e as posibilidades expresivas do instrumento. Comezou a adaptar a arpa ao idioma galego e aos rexistros da música tradicional, abrindo un camiño inédito até entón e do que beberon grupos como Milladoiro.

Con só 24 anos, en 1977, publicou o seu primeiro disco en solitario, Fonte do Araño, considerado un dos alicerces da música galega moderna e no que colaboraron músicos que logo serían nomes de referencia como Bernardo Martínez, Xosé Ferreiros ou os xa citados Seoane e Piñón. A produción de Nonito Pereira, xornalista musical falecido en 2019, foi chave para que o disco saíse adiante. O éxito de Fonte do Araño non se limitou ao ámbito local. Grazas á sensibilidade celta da súa proposta, Emilio Cao conectou con músicos de Irlanda, Bretaña, Escocia ou Portugal, situando a nosa música no panorama internacional.

Un artista en constante evolución

Nos anos seguintes, Cao publicou traballos fundamentais como A Lenda da Pedra (1979), No Manto da Auga (1981), Amiga Alba e Delgada (1986), Cartas Mariñas (1992) ou Sinbad en Galicia (1996). En cada un destes discos explorou diferentes fórmulas de mestura entre a tradición e o seu influxo polo rock e o pop.

Musicou poemas de Rosalía de Castro, Álvaro Cunqueiro ou Manuel Antonio e, fóra dos seus traballos discográficos, tamén participou en proxectos teatrais, colaborando con figuras como Roberto Vidal Bolaño, Eduardo Alonso ou Xulia. Compartiu escenario e gravacións con artistas como Alan Stivell, Carlos Paredes ou mesmo Siniestro Total, demostrando a súa versatilidade e apertura. Nos últimos anos participou en iniciativas culturais, encontros musicais e eventos conmemorativos.

A pegada que deixa un pioneiro da música galega

Músicos de diferentes xeracións recoñecen a influencia directa ou indirecta de Emilio Cao e lamentan o seu pasamento. Para moitos, foi o primeiro contacto coa arpa celta; para outros, unha proba das posibilidades da fusión entre tradición e contemporaneidade. César Morán, músico fundador do grupo de jazz-rock folclórico Agra e colaborador deste xornal, explica que Fonte do Araño tivo “unha grande importancia” para todos os grupos que mesturaron dalgún modo o rock coa música de raíz.

Cao non só introduciu un instrumento novo no imaxinario sonoro galego. Tamén inspirou a ollar a tradición como un punto de partida. O seu prolífico traballo segue a servir de inspiración para as novas xeracións de artistas galegos e galegas en contacto coa nosa tradición musical.

[Fonte: www.nosdiario.gal]



Sem comentários:

Enviar um comentário