Un libro que afonda nos «tempos nos que a mirada falaba», como o propio Carlos Núñez afirma, bríndanos unha oportunidade extraordinaria para asomarnos á biografía dunha persoa cun pasado con moito que contar como é Carlos Núñez, levado nesta ocasión pola sabedoría xornalística de Perfecto Conde.
Escrito por Ramón Nicolás
Instado, ou ideado dalgún xeito, polo catedrático emérito Xesús Alonso Montero, que imaxinou este libro e que o prologa brillantemente, Conde amosa a necesaria contención e a faísca da curiosidade sempre prendida que posibilita conducir a Carlos Núñez, Le Vieux, como gusta de nomearse, polos vieiros dos acontecementos de índole máis persoal e, ao tempo, por aqueloutros aspectos máis estreitamente vinculados coa súa traxectoria política como activo membro do Partido Comunista na clandestinidade e, máis tarde, como representante político do PCG onde ostentou cargos de responsabilidade na primeira corporación democrática do Concello de Vigo.
Dun ou doutro xeito se tivese, como teño, que sinalar algúns dos treitos que, por diversas razóns, me resultaron máis suxestivos apuntaría aquelas páxinas que se deteñen na infancia e adolescencia de Carlos Núñez onde confesa como non foi en absoluto secundario o papel desenvolto na súa educación polos seus pais, evocando neste sentido a figura paterna, isto é, a do mestre republicano e represaliado Albino Núñez, quen convidaba na mesa á hora de xantar a personaxes como o Padre Feijoo, Marx, Engels entre outros, cos que compartían conversa e saberes.
Asemade, non podía ser doutro xeito, velaquí o percorrido pola militancia de Carlos Núñez que, por extensión, é operativo para desvelar o seu pensamento político e que pasa polos seus primeiros pasos na clandestinidade ata os anos da súa formación en Moscova, sen esquecer os traballos que realizou como criptógrafo, algunhas vivencias que pouco teñen que envexar ás tramas das novelas de espías, o seu labor na folga xeral de Vigo de 1972, as torturas sufridas, o seu ingreso no cárcere, o exilio en París, as numerosas identidades que tivo que asumir, a súa dedicación profesional como destacado publicista e outros asuntos que, en tempos nos que cómpre activar a memoria, tan preciso é coñecer.
[Fonte: www.lavozdegalicia.es]
Sem comentários:
Enviar um comentário