O catedrático de latín santiagués destacou como experto no campo da toponimia
Galicia vén de perder a un dos seus grandes filólogos e historiadores. Manuel Vidán Torreira,
nacido en Santiago e afincado dende hai anos na Coruña, faleceu aos 95
anos, deixando tras de si unha importante contribución no ámbito
académico e cultural. Provisto dunha profunda formación en filoloxía,
historia, teoloxía e outras materias, exerceu profesionalmente como
catedrático de latín. Participou, por exemplo, na tradución ao galego da
Biblia, entre outros moitos textos. E foi autor tamén de numerosos
traballos académicos e de investigación, especialmente sobre a historia
da lingua galega, dando a coñecer moitas das súas achegas a través de La
Voz de Galicia, como colaborador e firma habitual de seccións como «Da nosa fala» e «Verbalia».
O interese pola orixe e significado das palabras, pola
etimoloxía en xeral, chegoulle a Manuel Vidán cando estudaba no
seminario e acabaría destacando como experto no campo da toponimia.
Unha das súas teses máis sonadas, tivo que ver coa Ribeira Sacra. As
investigacións do filólogo sostiñan que houbo un erro dun cronista
beneditino do século XVII, que interpretou erradamente os documentos
medievais que falaban da Rivoira Sacrata, nome que en realidade que
aludía a unha carballeira.
O santiagués mantivo unha estreita vinculación co
galeguismo e a principios dos anos 50 formou parte do primeiro grupo que
xurdiu trala Guerra Civil, xunto a outros mozos do seu tempo coma Xosé
Luís Franco Grande, Ramón Lugrís, Gonzalo Rodríguez Mourullo, Baldomero
Cores ou Francisco Otero Guldrís. Foron a semente da coñecida como
Xeración das Festas Minervais.
O corpo de Manuel Vidán
chegará a partir das 12.00 horas á sala 4 do tanatorio Servisa (avenida
Pasaxe, A Coruña), onde familiares e coñecidos poderán darlle un último
adeus.
[Imaxe: - Xosé Castro - fonte: www.lavozdegalicia.es]
Sem comentários:
Enviar um comentário