segunda-feira, 1 de abril de 2019

A Mesa denuncia a “imposición” do galego cunha campaña


155
A Mesa pola Normalización Lingüística comezou hoxe unha campaña de denuncia contra a “imposición” do galego. A través de cartaces que se repartirán polas diferentes localidades de Galiza e mais nas redes sociais, o organismo de defensa dos dereitos lingüísticos recorda que o ensino infantil en galego nas cidades non supera o 8%, que non hai máis dun 0,6% de xoguetes en galego e que o 22,7% das nenas e nenos galegos de 5 a 14 anos non saben falar na súa propia lingua. Non existen diarios impresos en galego, só o 4% das canles de televisión que recibe a cidadanía galega recollen a súa lingua, as sentenzas en galego supoñen un 5% do total e as pólizas de seguro en galego, un 1%.

O portavoz da Mesa, Marcos Maceira, recorda que estes son só algúns dos centos de datos que, en todos os sectores, evidencian a ausencia absoluta de liberdade para o uso do galego por falta de dispoñibilidade. “Unha clara inferioridade de condicións que impide vivir en galego con toda normalidade”, asegura, “en igualdade e liberdade”. Esta situación de desigualdade no Estado español conta co amparo de máis de 500 disposicións legais que obrigan á presenza do castelán, sen sequera ter en conta a existencia do galego. “Os datos demostran”, conclúe Maceira, “que o discurso da imposición tan utilizado polo Partido Popular só agocha a vontade de reducir a cero a xa precaria presenza do galego como tamén demostra a vontade de prohibir o coñecemento do galego no acceso ao funcionariado autonómico manifestada publicamente polos líderes estatais do PP”.

A Mesa pola Normalización Lingüística
É unha entidade social independente, constituída en 1986 e da que forman parte arredor de 5000 socias e socios e que ten como obxectivo a normalidade plena da lingua galega. Neste sentido, a defensa do dereito ao emprego do galego en Galiza en todas as situacións e contextos é unha das súas principais liñas de actuación. Entendemos que o dereito ao uso da lingua propia non se pode desligar dos máis elementais dereitos humanos, civís e democráticos. A entidade dotouse do Observatorio de Dereitos Lingüísticos que conta cun comité asesor formado por xuristas e persoas expertas en diferentes ámbitos. O Observatorio elabora relatorios e informes que envía a diferentes institucións públicas galegas, estatais ou, recentemente, ao comité de expertos do Consello de Europa para a Carta europea das linguas rexionais e minorizadas. Anualmente presenta publicamente o seu informe A Liña do Galego baseado nos casos de vulneracións de dereitos lingüísticos, mais tamén nas consultas ou parabéns a quen si os garante. A Mesa pola Normalización Lingüísitica forma parte da Rede Europea para a Igualdade das Linguas – ELEN.


[Fonte: www.amesa.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário