sexta-feira, 28 de julho de 2017

Como dicilo? «A que si?»





Por HENRIQUE HARGUINDEY 

Supoñamos que unha persoa de fala francesa nos di, diante de algo que atopa bonito C’est joli! Non se nos ocorra apoialo coa pregunta: A que oui? ou Verité?, porque non entendería nada: deberiamos empregar n’est-ce pas (Oui, n’est-ce pas?) E para preguntarlle a alguén moi expresamente a  súa opinión sobre o manifestado utilizariamos tamén esa fórmula ou estoutra: pas vrai? (C’est joli, pas vrai?)

No correspondente exemplo en inglés, teríamos -creo- It’s nice, isn’t it?/ It’s nice, ain’t it?/ It’s nice, right?
Pensei nisto esoutro día ouvindo unha emisión da radio galega na que a locutora non cesaba de repetir a cada paso A que si? a canto afirmaba o entrevistado. Soaba pobre e pouco galego. Un simple calco do castelán.
Tampouco -como apuntamos enriba- a pregunta verdade?/ verdade que si? (ou verdade que non? cando apoiamos unha negación) resulta un mecanismo válido pois trátase doutro calco (É bonito, verdade?/ verdade que si?).
En galego contamos con recursos propios e variados para confirmarmos ou apoiarmos  unha frase previamente manifestada por outra persoa ou por nós mesmosOu para pedirmos da persoa interlocutora confirmación do que nós aseguramos.
Fundamentalmente, o mecanismo galego vén sendo (igual que en francés ou en inglés, como se ve nos exemplos citados) a pregunta de que nos digan se o manifestado é certo ou non:
É bonito, non si? / É bonito, non é? / É bonito, non é certo? (ou n’é certo?)/ É bonito, non?
E cando pedimos confirmación e conformidade co que acabamos de dicir, que foi expresado dun xeito máis amplio e non cunha frase simple, a pregunta tradicional vén sendo: É ou non é? , o que equival a É así ou non é así/É certo ou non é certo ?
Arriscámonos ao desmentido, pero como di o refrán: quen pregunta non erra.
Preguntámoslles, logo, a lectoras e lectores : É ou non é ?
É tal.

[Fonte: www.sermosgaliza.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário