Os organizadores do galardón máis prestixioso da literatura francesa tomaron a decisión «para preservar a identidade do certame»
O libro C'était ça ou mourir , do escritor Thélyson Orélien
A Academia Goncourt, que entrega o premio homónimo considerado o máis prestixioso das letras en francés, anunciou este venres a exclusión do haitiano-canadense Thélyson Orélien da súa lista inicial de 16 nomeados, tras emerxer acusacións de plaxio e de uso da intelixencia artificial (IA) na súa novela.
Nun comunicado, a institución, que ata o de agora optara pola prudencia, sinalou que a decisión de suprimir da selección o libro C'était ça ou mourir (Era iso ou morrer) adoptouse por «a vontade de preservar a integridade do premio Goncourt e a da Academia, cuxo papel central consiste en promover e coroar a literatura escrita por mulleres e homes».
Iso tendo en conta de que a novela publicada pola editorial Grasset, que foi un éxito de vendas en Francia e Canadá, «é con toda probabilidade en gran medida o produto dunha intelixencia artificial», de acordo ao «resultado converxente de varias análises de investigadores e xornalistas de confianza». «Trátase de enviar unha mensaxe clara» aos participantes, subliña o texto, «unha mensaxe que afirma que non apoiamos nin apoiaremos dunha ou outra forma a creación de textos xerados coa axuda da IA». A novela conta a historia de Jonas Dorléon, un profesor de 29 anos que o abandona todo para fuxir da extrema violencia das bandas armadas en Haití.
O Goncourt entrégase cada ano desde 1903. O seu prestixio e popularidade asegura aos seus gañadores tiradas millonarias e traducións a decenas de linguas, pero ten unha dotación económica simbólica: un cheque por valor de 10 euros.
[Imaxe: Sarah Meyssonnier | REUTERS - fonte: www.lavozdegalicia.es ]
