Por HENRIQUE HARGUINDEY
Tan instalada está entre nós a palabra, que a maioría das persoas se sorprende ao saber que é de orixe francesa. Pois si: gorxa ‘garganta’ procede do francés gorge, de onde pasou a outras linguas románicas como o catalán e o galegoportugués ou o español (que aínda a conserva en derivados como gorjeo ‘rechouchío’). En galego prendeu ben e ancorouse na fala até hoxe. Non por iso é menos galega a palabra garganta, documentada xa na nosa escrita medieval en tanto que gorja apareceu en portugués só no século XVI.
A gorxa ou garganta é a parte anterior do pescozo oposta á columna vertebral, aínda que tamén nos poidamos referir coa palabra á parte interna, particularmente á farinxe e á larinxe. Debemos lembrar que os alimentos e o aire da respiración pasan pola nosa boca á farinxe, e, despois —abrindo ou pechando a canle—a epiglote envía o aire para os pulmóns pola larinxe e a tráquea e os alimentos e bebidas ao estómago polo esófago.
No galego popular é moi frecuente utilizar a denominación en plural, as gorxas (por exemplo, Colleuno polas gorxas e case o afoga), o que concorda co feito de os dous últimos condutos que acabamos de sinalar —a tráquea e o esófago— recibiren denominacións populares moi expresivas: gorxa do aire, gorxa do alento ou gorxa do vento a tráquea, e mais gorxa da comida o esófago. E, cando, por un mal reflexo da epiglote, a comida ou o líquido colle unha canle equivocada, sentimos un afogo que nos fai tusir para non nos esganarmos. E dicimos que foi pola gorxa pequena (sería esta a larinxe), pola outra gorxa, pola gorxa do aire, etc. Por certo, é curiosa a denominación que a gorxa do alento recibe por terras de Ribeira e que me pasa Fidel Vidal: o tubo da risa.
Realmente, cando falamos de gorxa do aire (e variantes) ou de gorxa da comida non estamos empregando unha locución idiomática senón unha denominación co seu significado literal, aínda que de rexistro popular fronte a un rexistro científico (tráquea e mais esófago). Caso diferente é cando algunha das palabras que forman a expresión —ou a expresión toda ela— adquire un significado novo, figurado, metafórico; por exemplo, cando dicimos de alguén que é un cabeza de vento ou cando dicimos que ten pouca cabeza, ou que é unha chaviña louca.
A esas persoas inmaduras, das que dicimos que lles falta unha cocedura ou unha fervura, chamámolas á prudencia, a seren precavidas exhortándoas a gardar das risas para as choras, é dicir, a pensar que non sempre todo vai ser boandanza e que poden vir tempos duros para os que cómpre estar preparados.
Estas advertencias claras, maiormente se se fan cunha certa severidade, podemos denominalas, remitindo a un xogo de cartas, cantar as corenta, e en español existen locucións como llamarle al pan” pan” y al vino “vino”, cantar cuatro verdades, cantar cuatro frescas, etc. Nós, en galego, temos locucións como chamarlle ao gancho “cousa torta” ou cantar/ dicir as do barqueiro.
A locución derradeira ten a súa orixe nun coñecido conto popular protagonizado polo raposo. Ten el que pasar un río e, como non conta cos cartos que o barqueiro lle pide, promete pagar contándolle as tres verdades do barqueiro. Ao comezar a travesía cóntalle a primeira (Hai quen di que o luar é coma o día, pero eu digo que non, porque mellor vese de día), de mediada dille a segunda (A xeada, hai quen di que é coma a auga, pero eu digo que non, porque a xeada come os froitos, e a auga, ao contrario, dáos), e despois de saltar á terra bérralle, bulreiro, a terceira das verdades (Ai, compañeiro, se todos che fan coma min, non che fai falta bulsa para o diñeiro!).
A dura verdade: estás pintando o parvo.
Despidámonos volvendo á alegría e aos rechouchíos da cantiga popular con esta que transcribimos tal e como a recolleu na Limia Xaquín Lourenzo:
Canta tu, gorxa de sílgaro,
que a do melro xa cantou;
o cantar é alegría,
eu sempre a cantar estou.
[Fonte: www.sermosgaliza.gal]
Sem comentários:
Enviar um comentário